A internacional reaccionaria fai bandeira do golpe ao Goberno de España en Ceuta

Pedro Sánchez, o ministro Grande-Marlaska e mandos policiais, en Ceuta observando puntos fronteirizos a través de videovixilancia © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa.

Hai algo máis de media década, en plena crise da COVID, facíanse 45 anos da invasión e anexión do Sáhara Occidental por parte de Marrocos mediante a Marcha Verde, cando o o reino daquela encabezado por Hassan II, pai do actual monarca marroquí, aproveitou a febleza da ditadura española, con Franco agoniante, para culminar a operación. Naqueles días, un electoralmente derrotado Donald Trump recoñecía a soberanía marroquí sobre o Sáhara.

Media década despois da última vez que Marrocos abriu a fronteira para premer nas autoridades españolas, milleiros de migrantes volven ser empregados como arma xeopolítica 

Escasos meses despois, o mesmo Marrocos ao que España e a Unión Europea subcontratan a política migratoria -mediante inxeccións económicas ao réxime de Mohamed VI para frear migrantes no seu territorio cos seus propios métodos militares e policiais- decidía relaxar os controis en Ceuta. Abrir a fronteira e propiciar a entrada na cidade norteafricana de soberanía española de milleiros de persoas migrantes, dando lugar a unha imaxe de desbordamento do Goberno de España e propiciando dantescas escenas de centos de persoas, entre elas menores de idade -mesmo bebés- transitando a fronteira a pé, en balsas ou a nado. 

Imaxes semellantes ás deste remate de xullo na mesma cidade de Ceuta e, en menor medida, tamén en Melilla. Nun novo golpe ao Goberno de Pedro Sánchez do que a internacional reaccionaria fai bandeira.

Pedro Sánchez advirte en Ceuta dun "ataque á integridade territorial" do Estado

Non pasara nin un ano da anterior crise de 2021, coas persoas migrantes viradas por Marrocos en arma arreboladiza, e o Goberno español confirmaba a un xiro na súa posición histórica a respecto do Sáhara occidental, asumindo os plans de Marrocos para a que fora colonia española ata 1975. O Executivo español aceptou o modelo de "autonomía" para o Sáhara Occidental, sen autodeterminación, na liña marcada polos EUA.

Pedro Sánchez define o sucedido como "un ataque á integridade territorial" aproveitando a doutrina do Supremo que impide as 'devolucións en quente' de migrantes que chegan polo mar

Apenas dous anos despois daqueles acontecementos  Trump volveu á Casa Branca, dando azos á internacional reaccionaria e ao seu aliado en Oriente Próximo, Israel, avalándoo no seu xenocido en Gaza. O Goberno de España significouse na contra, así como na oposición aos ataques a Irán á marxe da legalidade internacional. E nas últimas semanas, ao tempo, o gabinete Sánchez deu en recompoñer as relacións políticas -e enerxéticas- con Alxeria.

Todos estes elementos deben estar na mesa para entender o que é, pero non só, unha crise humanitaria. Éo en tanto que implicou milleiros de persoas (unhas 50.000, segundo algunhas fontes), moitas delas migrantes, entrando en masa de territorio marroquí a español e moitas delas, xa retornando. Aproveitando, en teoría, o recente ditame do Tribunal Supremo que impide as devolucións en quente -inmediatas tras a entrada- de persoas chegadas polo mar nun episodio que deixa, no momento da redacción desta información, máis de 40 vítimas mortais.

James David Vance, vicepresidente dos EUA, atacando o Goberno de España cun vídeo de Fox News sobre os sucesos de Ceuta

Sánchez, desprazado en Ceuta este venres, define o acontecido como "un ataque á integridade territorial de España". O Goberno español atribúe o sucedido a un aproveitamento por parte de "mafias" que se aproveitan dos migrantes da devandita xurisprudencia sentada polo Supremo e anunciou novas medidas sobre o terreo, dende barreiras físicas no mar ata unha despregadura do Exército. Marrocos, mantén Sánchez, está a "cooperar".

Nas redes a internacional reaccionaria ataca as claras o Goberno español: o argumentario dos EUA atribúe o sucedido a "políticas globalistas de extrema esquerda" cun argumentario secundado por, entre outros, Israel

Entre a obvia crise humanitaria e as habituais repercusións en política doméstica -o PP, con Feijóo á cabeza, culpa a Sánchez persoalmente de todo o acontecido-, a internacional reaccionaria celebra

E na vertente virtual, a das redes -especialmente X, a plataforma de Elon Musk- atacan ás claras ao Goberno de España con argumentos da Administración estadounidense segundo as cales os feitos de Ceuta teñen como causa "as políticas globalistas de extrema esquerda", amplamente secundados por, entre outros, destacados cargos israelís. Ao tempo, cargos das dereitas de diversos estados da UE, a comezar pola italiana Meloni, suxiren expulsar a España da libre circulación garantida no Espazo Schengen.

Ataques de contas oficiais do Goberno dos EUA contra o Executivo español a conta dos sucesos de Ceuta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.