O abandono histórico do Sáhara rexórdelle a España en Ceuta mentres Marrocos volve utilizar persoas migrantes como reféns

Menores migrantes chegados a Ceuta este 17 e 18 de maio de 2021, en imaxes da Garda Civil (esquerda) e do Exército español (dereita) © Garda Civil | Exército español

En novembro de 2020, mentres medraba a segunda vaga da pandemia do coronavirus, cumpríanse 45 anos da invasión e anexión do Sáhara Occidental por parte de Marrocos a través da coñecida Marcha Verde, cando o o reino daquela encabezado por Hassan II, pai do actual monarca marroquí, aproveitou a febleza da ditadura española, con Franco agoniante, para culminar a operación. Poucas semanas despois, o electoralmente derrotado Donald Trump recoñecía oficialmente a soberanía marroquí sobre o Sáhara a poucas semanas de ter que abandonar a Casa Branca.

As circunstancias xeopolíticas e cadanseus antecedentes históricos véñenlle de estoupar ao Goberno español na fronteira de Ceuta co mesmo Marrocos ao que España e a UE 'subcontratan' o freo ás persoas migrantes a cambio de substanciosos recursos económicos

Ambas circunstancias xeopolíticas con cadanseus antecedentes históricos véñenlle de estoupar ao Goberno de España na fronteira de Ceuta, unha das dúas cidades que o Estado español mantén baixo a súa soberanía no norte de África, lindeiras con Marrocos. Co mesmo Marrocos ao que España e Europa veñen subcontratando a política migratoria consistente en achegarlle recursos económicos ao réxime de Mohamed VI a cambio de frear, no seu territorio e cos seus métodos militares e policiais, as persoas que tentan migrar cara a Europa procedentes de diversos territorios africanos. En virtude deses acordos, este mesmo martes o Consello de Ministros daba luz verde ao pagamento de 30 millóns de euros ás autoridades marroquís.

As autoridades marroquís xustifican implicitamente as súas manobras no feito de que neste mes de maio de 2021, España permite, por razóns humanitarias, que nun hospital de La Rioja sexa atendido Barhim Ghali, líder da Fronte Polisario de 73 anos afectado pola COVID-19 que entrou en territorio español baixo outra identidade. Ghali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), naceu no Sáhara Occidental cando estaba ocupado por España e chegou a servir no Exército español. Marrocos acúsao de "crimes de lesa humanidade". Como pano de fondo, o abandono histórico do Sáhara Occidental por parte de España.

Sánchez e Grande-Marlaska observan a situación dos migrantes en Ceuta a través de imaxes das cámaras de seguridade, este 18 de maio de 2021 © Pool Moncloa / Fernando Calvo

A reacción marroquí foi relaxar os controis en Ceuta. Aínda máis, abrir a fronteira ceutí e propiciar a entrada en territorio oficialmente español de miles de persoas migrantes, dando lugar a unha imaxe de desbordamento migratorio do Goberno español, mais tamén propiciando dantescas escenas de centos de persoas, entre elas menores de idade -mesmo bebés- transitando a fronteira a pé, en balsas ou a nado. As mesmas persoas que, en condicións normais, Marrocos retén cobrando de Europa por facelo.

Tras a entrada dunhas 8.000 persoas, en torno á metade devoltas 'en quente', Sánchez referiuse á crise en termos de "desafío" e "grave crise para España e Europa" e ratificou un amplo despregamento militar na zona

Cifras oficiais do Ministerio do Interior citadas por eldiario.es apuntan a que entre os días 17 e 18 de maio entraron en Ceuta unhas 8.000 persoas e que en torno á metade foron devoltas en quente. Entre elas atópase unha cantidade moi elevada, pero indeterminada, de menores de idade, moitos dos cales precisaron asistencia da Cruz Vermella e outras entidades humanitarias e persoal sanitario.

Co drama humanitario e o conflito diplomático superpoñéndose na fronteira sur, o Goberno de España cambiaba o paso oficialmente a primeiras horas do martes. Tras a reunión ordinaria do Consello de Ministros, o presidente Pedro Sánchez emitía unha declaración institucional dende o Palacio de La Moncloa na que cualificaba a situación en termos de "desafío" de Marrocos e de "grave crise para España e para Europa". Na mesma alocución ratificaba un amplo despregamento de efectivos do Exército na zona, á que se desprazou decontado mentres, paralelamente, na propia Moncloa se constituía un gabinete de crise encabezado pola vicepresidenta Carmen Calvo.

Reacción da presidenta da Comisión Europea aos sucesos de Ceuta. Diversos líderes da UE expresáronse nos mesmos termos durante a xornada do martes

Xa en Ceuta, acompañado polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, Sánchez reiteraba a mensaxe. España, proclamou o mandatario socialista, "actuará con firmeza para garantir a seguridade ante calquera desafío, calquera eventualidade e calquera circunstancia". Ao tempo, nas praias ceutís as imaxes de persoas migrantes rescatadas superpoñíanse ás de soldados actuando ao xeito de antidisturbios contra algunhas outras destas mesmas persoas migrantes.

Mentres Casado marcou un perfil relativamente baixo, outros membros do PP optaron pola mofa. Feijóo, pola súa banda, pediu "diplomacia" e "firmeza" tras ligar os sucesos de Ceuta cun suposto "efecto chamada"

Mentres todo isto sucede, o propio Sánchez asegurou estar en contacto directo co xefe do Estado e mais co líder do PP, Pablo Casado, que optou por un perfil relativamente baixo na crítica ao Goberno de España. Non sucedeu así con outros líderes da formación conservadora, especialmente da súa organización xuvenil Nuevas Generaciones, cuxos membros -tamén en Galicia- non aforraron mofas contra o Executivo a respecto da crise migratoria. 

Dende a Xunta e o PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, consideraba que "cooperación e diplomacia" son "compatibles coa firmeza". Horas antes, nun espazo televisivo de Antena 3 no que é entrevistado con frecuencia, o xefe do Goberno galego daba en relacionar os acontecementos na fronteira de Ceuta cun suposto "efecto chamada" que Feijóo ligou co rescate, en 2018, dos migrantes do barco Aquarius por parte do Goberno de España poucas semanas despois da chegada de Sánchez ao poder por primeira vez. Este mércores, en declaracións aos medios na feira turística Fitur, Feijóo reiterou que, ao seu xuízo, os sucesos de Ceuta son a "factura" que o Goberno de España está a "pagar" polo que teima en denominar "efecto chamada".

A Xunta di estar disposta a "colaborar, na medida das súas posibilidades, na acollida de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados chegados a Ceuta"

Por parte da oposición galega, a líder do BNG, Ana Pontón, subliña que "a solución non son tanques, nin muros, nin devolucións en quente", senón "respecto aos dereitos humanos e Sáhara libre". "En Marrocos, un déspota condena a pobreza a miles de persoas coa complicidade da UE e de España que o usan de xendarme e para facer negocios, resalta Pontón.

Alén das valoracións en clave partidaria formuladas por Feijóo, o Goberno galego amosou este mércores a súa "disposición" a "colaborar, na medida das súas posibilidades na acollida de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados chegados a Ceuta". No marco dunha xuntanza convocada polo Ministerio de Dereitos Sociais, na que participou o director xeral de Infancia, Jacobo Rey, a Consellería de Política Social di que a Xunta está "disposta para axudar, dentro das posibilidades, nesta situación nesta situación extraordinaria como xa fixo no proceso de acollemento de menores non acompañados chegados a Canarias" -naquel caso, os traslados non chegaron a producirse-. O departamento que dirixe Ione Belarra trasladará unha proposta concreta de prazas para estas nenas e nenos a cada comunidade autónoma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.