En guerra. A República Árabe Democrática Saharauí (RASD) decretou o pasado sábado a ruptura do alto o fogo asinado con Marrocos en 1991. Brahim Ghali, secretario xeral do Frente Polisario e presidente da RASD, anunciouno logo de denunciar que forzas do exército marroquí reprimiran con violencia unha protesta que civís mantiñan desde hai case un mes no paso fronteirizo de El Guerguerat, onde houbo intercambio de disparos.
A República Saharauí decretou a ruptura do alto o fogo e acusa a Marrocos dunha operación militar para abrir unha fenda no paso de El Guerguerat
A RASD acusa a Marrocos de iniciar unha operación militar para abrir a fenda pechada polos manifestantes saharauís de forma pacífica, traspasar o muro de máis de 2.700 quilómetros que separa o territorio ocupado do administrado polo Polisario e incumprir así os acordos de alto o fogo. Unha brecha que o Polisario asegura que se utiliza para "saquear os recursos naturais do pobo saharuí" e que non é "ningunha ruta internacional ou rexional" como defende o reino alauita.
Desde o venres, tres son xa os partes de guerra difundidos polo Polisario, o último deste luns, informando do cuarto día consecutivo de ataques con bombardeos, desta vez a varias bases militares e centros de alerta marroquís que se unen aos que o domingo terían deixado "varios mortos e feridos", así como "soldados que desertan da fronte". Desde Marrocos, que mantivo silencio durante días, recoñécese agora a resposta a disparos por parte das forzas saharauís.
Mentres, imaxes difundidas nas redes e mesmo enviadas a familias de acollida de nenos e nenas saharauís en Galicia mostran nais despedindo mozos camiño da fronte de guerra. Noutros casos, os intentos por comunicarse con rapaces que manteñen contacto habitual cos seus acolledores galegos tornouse máis difícil desde hai días.
Salamu, un de tantos mozos que pasou varios veráns en Galicia, adéstrase en campamentos militares: "Se me chaman á guerra, irei", explica a Praza
Un deles é Salamu, xa un mozo, que hai máis dunha década pasou varios veráns no Ortegal cunha familia á que volveu visitar non hai tanto. Desde Tindouf, en Alxeria, atende a Praza.gal para explicar que el e os seus "están ben e seguros" ao atopárense nun campo de refuxiados --con xa máis de 200.000 persoas-- fóra do territorio saharauí, pero atentos ao devir da guerra. "Desde aquí colaboramos con todo o que podemos cos compañeiros e compañeiras que están no Sáhara Occidental", explica quen, coma tantos novos, está a ser adestrado en campamentos militares por se fose requirida a súa presenza na contenda.
"Estannos preparando desde aquí por se tivésemos que alistarnos; se me chaman, irei á guerra... Senón, desde aquí seguiremos axudando", conta coa normalidade e enteireza de quen leva toda unha vida refuxiado, fóra da súa terra e consciente desde cativo do sufrimento familiar. "Grazas", repite insistentemente ante a preocupación que chega dun lugar do que recorda, con detalle, cada persoa achegada.
Máis de 9.000 menores do Sáhara foron acollidos por familias galegas nos últimos 25 anos grazas á SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí)
El foi un dos máis de 9.000 menores que nos últimos 25 anos foron acollidos por máis de 7.000 familias galegas grazas a SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), entidade que desde 1991 mantén unha constante actividade de apoio, primeiro a través de Amigos do Pobo Saharauí, máis tarde Asociación Galega de Axuda ao Sáhara e dende 2004 coa actual denominación. Entre a axuda, colaboración co Ministerio de Saúde Pública Saharauí, con asistencia sanitaria, enviando material e medicación, colaborando na restauración do Hospital de Bojador ou construíndo a Casa Sanitaria de Galicia xunto cun proxecto da Xunta.
E, por suposto, o programa Vacacións en Paz, suspendido este verán pola covid-19 e que provoca que 325 familias teñan que agardar á chegada dos pequenos saharauís para outra ocasión. Moitos pícaros como os que agora, anos despois de gozar dos veráns en Galicia, vense obrigados a empuñar unha arma.
A presidenta de SOGAPS, Maite Isla, e mais o delegado saharauí para Galicia, Mohamed Mehdi Zerga, fan súa a reivindicación do Frente Polisario, e demandan a institucións, partidos, sindicatos, ou sociedade civil "que se mobilicen pedindo ao Goberno español e á ONU unha intervención rápida e decidida que poña fin á ocupación ilegal e ao espolio dos bens do territorio do Sáhara Occidental e restitúa os dereitos arrebatados ao pobo saharauí desde o abandono de España á súa provincia número 53 en 1975". Ademais, cualifican a Marrocos de "culpable" e a España de "responsable" no mantemento dun conflito que "xa dura demasiado tempo e xera moito sufrimento".
A Delegación Saharauí para Galicia pide ao Goberno español e á ONU "unha intervención rápida e decidida que poña fin á ocupación ilegal e ao espolio"
"Logo de máis de vinte anos nun Proceso de Paz, os saharauís demostraron unha confianza total nas Nacións Unidas e na Comunidade Internacional que se vai esgotando ante as repetida violacións dos dereitos humanos nos territorios ocupados e ante o non cumprimento dos acordos", explican na misiva, na que chaman a apoiar a mobilización do vindeiro xoves 19, ás 18 horas na Praza das Praterías de Compostela, para "denunciar o sufrimento do pobo do Sáhara".
Iniciadas as accións militares, o Polisario aseguraba xa o sábado ter causado vítimas mortais a Marrocos e "considerables perdas materiais" nos ataques contra bases militares e postos de vixilancia. En El Aaiún, capital administrativa do Sáhara Occidental e parte do territorio ocupado, aumenta a presenza de policías e militares, así como as denuncias de "represión" por parte das autoridades saharauís, que informan de polo menos sete persoas detidas na fin de semana.
25 anos á espera do referendo que pide a ONU
Son 29 anos despois da sinatura do alto o fogo e 25 desde que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobase unha vía para a celebración dun referendo "libre, limpo e imparcial para a libre determinación do pobo do Sáhara Occidental". Mesmo unha Misión da ONU para este referendo (Minurso) leva anos despregada sen ter conseguido nin tan sequera albiscar unha data para a consulta.
Desde a RASD, o sábado advertíase tamén que logo de case 30 anos á espera do referendo de autodeterminación, o pobo saharauí perdeu xa a confianza na ONU e na propia Minurso, á que acusa de ser cómplice da explotación e "espolio" por parte de Marrocos dos recursos naturais do Sáhara Occidental, que conta con importantes xacementos de fosfatos, gas ou petróleo e que conta cos caladoiros de pesca máis abundantes da costa atlántica de África.
Desde España, antiga potencia colonial do Sáhara e asinante dos Acordos Tripartitos de Madrid en 1975 considerados ilegais e cos que se entregou o territorio a Marrocos e Mauritania, ínstase ás partes a reiniciar as negociacións. Mentres, representantes políticos de Podemos, IU, BNG, EH Bildu, Compromís ou ERC, entre outros, así como diversas mobilizacións en todo o Estado, reclaman que o Goberno se posicione e actúe ante as violacións do alto o fogo. E recordan que España segue a ser, legalmente, a potencia administradora do Sáhara Occidental.
"A fin da guerra está agora vinculada á fin da ocupación ilegal de parte da República Saharauí", asegura o ministro de Exteriores da RASD, Mohamed Salem Uld Salek, que acusa a Marrocos de iniciar a escalada ao "negarse a pechar a fenda" no muro e anunciar publicamente unha operación para abrir o paso que "fora pechado por manifestantes da sociedade civil saharauí".
Xusto, cando veñen de cumprirse 45 anos da Marcha Verde, coa que o rei Hassan II forzou a entrega do Sáhara Occidental a Marrocos por parte de España, cuxo goberno continúa esquecendo a súa vella colonia.