O 27 de febreiro de 1976 o baleiro de poder propiciado pola retirada de España do territorio do Sáhara Occidental propiciaba a proclamación da República Árabe Saharauí democrática. Corenta anos despois, a entrega de facto do territorio saharahuí a Marrocos e Mauritania continúa como ocupación e dura represión, mentres diversos colectivos en moitos puntos do mundo esixen á comunidade internacional, a comezar polo Estado español, as accións oportunas para que o pobo saharauí poida exercer a súa autodeterminación mentres lle lanzan diversas mostras de solidariedade, como as deste sábado en Galicia.
Unha concentración en Santiago e o izado da bandeira da RASD en máis de 60 concellos forman parte das mostras de solidariedade galega co Sáhara Occidental, canalizadas en boa medida a través de SOGAPS, a entidade que tamén impulsa o gran número de acollidas de nenas e nenos saharauís en familias galegas. A Delegación Saharauí para Galicia e SOGAPS foron as responsables do manifesto lido na concentración da capital galega, centrado na esixencia de autodeterminación e de garantía de cumprimento dos dereitos humanos.
"O pobo saharauí ten que decidir libremente o seu destino cun referendo de autodeterminación" que o novo Goberno de España debería ter como "prioritario", din. Ademais, subliña, cómpre reclamar de inmediato "a liberdade dos presos políticos" e aclarar que aconteceu con máis de 400 persoas desaparecidas. "A impunidade cara a Marrocos", advirten, pode derivar en que no Sáhara se volva "reconsiderar" a vía pacífica como método para acadar os seus obxectivos políticos.
"O pobo saharauí ten que decidir libremente o seu destino cun referendo de autodeterminación"
Representantes de AGE, BNG e CxG apoiaron na concentración unhas reivindicacións que tamén asume o Intergrupo Parlamentario Paz e Liberdade no Sáhara Occidental, composto por representantes de todos os grupos no Parlamento galego. Co gallo do aniversario este intergrupo, que foi acosado pola policía secreta marroquí cando visitou o Sáhara en 2014, instou de novo as diversas institución sa "intensificar o apoio solidario e humanitario" tanto a quen viven no propio Sáhara Occidental como "á poboación refuxiada nos campamentos de Tinduf", cuxo estado empeorou notablemente tras as chuvias torrenciais do pasado outono.
O intergrupo do Parlamento galego para o Sáhara insta a Marrocos a "cesar as persecucións de activistas saharauís de dereitos humanos"
O Plan de Paz da ONU para o Sáhara debe ser cumprido, subliñan, e o referendo de autodeterminación ten que celebrarse "sen máis atrasos". As deputadas e deputados galegos instan ademais as autoridades marroquís a que "cesen as persecucións ás activistas saharauís de dereitos humanos". Por eles, di, debe velar a misión da ONU que actúa sobre o terreo, a MINURSO.
Estas e outras cuestións serán abordadas a fin de semana do 4 e 5 de marzo no propio Parlamento de Galicia, onde se celebrará a xuntanza anual dos Intergrupos Parlamentarios que abordan a cuestión do Sáhara nas diversas comunidades autónomas. "Nesta xuntanza traballaremos para promover a visibilización deste conflito, agradecendo a implicación da sociedade civil e dos medios de comunicación para difundir a realidade do pobo saharauí", din.