O novo calvario do saharuí Hassanna Aalia

Remate da folga de fame de Hassanna Aalia © Sogaps

Todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia acordaron o pasado venres solicitar ao Goberno central, a través do Ministerio do Interior, que recoñeza o dereito de asilo político ao activista saharauí Hassanna Aalia e non execute a orde de expulsión decretada contra el logo da súa detención, o pasado día 6 de outubro, en Burgos.

Todos os grupos do Parlamento galego únense para pedir o asilo de Hassana Aalia e que non se execute a orde de expulsión decretada esta semana

Esta demanda dos grupos parlamentarios súmase así á declaración institucional aprobada o pasado 10 de febreiro no pleno na que se insta ao Ministerio de Interior a reconsiderar a petición de asilo político de Hassanna Aalia, aceptando a súa petición de protección internacional, segundo o establecido na Lei 12/2009, dado que, se volve ao seu país, será castigado duramente polas autoridades marroquís e non volverá saír de prisión no que lle quede de vida.

Hassanna Aalia, nacido en El Aaiún en 1988 e activista dende os 17 anos, participou en 2010, xunto con aproximadamente 20.000 saharauís, en Gdeim Izik, o campamento de protesta pacífica máis importante na historia do Sáhara Occidental, desmantelado polo exército marroquí con extrema violencia o 8 de novembro de 2010. O 17 de febreiro do 2013, o Tribunal Militar de Rabat emitiu sentenza contra 25 civís saharauís acusados de organizar Gdeim Izik, o campamento da dignidade. Entre eles, Hassanna Aalia, que permanece nesta comunidade e é xulgado en rebeldía e condenado a cadea perpetua.

A policía pretende expulsalo malia estar condenado a cadea perpetua por Marrocos e malia que a Audiencia Nacional paralizou a súa saída

O pasado martes, nunha viaxe de Galicia a Euskadi, onde reside, dous policías pedíronlle os papeis. "Entregueille os documentos do meu recurso de asilo e o papel da Audiencia Nacional que paralizou a miña saída obrigatoria de España ata que remate todo o proceso xudicial, pero dixéronme que non lles valía", declarou. Os axentes levárono a comisaría e, como adiantou o diario ABC, abríronlle un procedemento de expulsión. 

"Paréceme vergoñento porque lles presentei todos os papeis e os policías non recoñeceron a autoridade da Audiencia Nacional. Non o entendo", contou ás présas Hassana Aalia en conversa telefónica. 

"É vergoñento; os policías non recoñeceron a autoridade da Audiencia Nacional. Non o entendo"

 

Condenado a cadea perpetua 

Hassana foi condenado primeiro a catro meses de cárcere por un tribunal civil e, máis tarde, cando se atopaba en España cursando unha bolsa de estudos, foille comunicada unha nova condena, neste caso dun tribunal militar, a cadea perpetua. Organizacións como Human Rights Watch e Amnistía Internacional condenaron o proceso militar contra os activistas por non ofrecer suficientes garantías. Entre outras cuestións, HRW recolleu as denuncias de torturas nos interrogatorios aos acusados.

Daquela, "polo medo ás torturas en Marrocos", entre outras cuestións, Hassana decidiu non volver ao seu fogar e tramitar unha solicitude de asilo en España. O Goberno denegou a súa demanda e a decisión foi recorrida grazas ao asesoramento legal da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (Cear) de Euskadi. En virtude deste recurso (aínda sen resolver), a Audiencia Nacional aceptou a medida cautelar solicitada polo responsable xurídico de Cear Euskadi, Javier Canvell, para que non se expulse a Hassana ata que a xustiza determine se merece protección internacional.

O Estado non lle concedeu o asilo, pero recorreu e a Audiencia Nacional aceptou a medida cautelar á espera da decisión xudicial

O avogado do activista, Javier Canvell, explica que lle abriron un procedemento sancionador e daban 48 horas para presentar alegacións. Xa as presentamos, solicitando o arquivo da devandita sanción". Un proceso sancionador de expulsión pode ser arquivado, de estimarse as alegacións da persoa afectada, ou avanzar até a execución da saída do territorio nacional. Canvell é contundente: "Calquera sanción que se impoña estaría vulnerando unha decisión do a Audiencia Nacional". O letrado afirma que nas alegacións presentadas xustificouse "o perigo que sofre Hassana de volver a Marrocos" e espera que lles comuniquen o peche do procedemento.

A Dirección Xeral da Policía Nacional rexeitou responder as preguntas deste medio sobre o protocolo do Corpo ante unha situación como esta: na que a persoa presenta unha decisión da Audiencia Nacional que garante a súa estancia temporal no país. "É un caso moi concreto", indican.

O delegado da Fronte Polisario en Madrid, Abdullah Arabi, quere pensar que se trata dunha confusión. "Oxalá que fose un erro, pero non nos estrañaría que non o fose". O responsable saharauí cualifica de "incómodo" o caso do activista para as autoridades españolas e denuncia que "o Goberno respañol rexeita as solicitudes de asilo de saharauís porque comprometen as súas boas relacións con Marrocos". Aínda que estean "moi ben documentadas como neste caso", indica.

"Oxalá que fose un erro, pero non nos estrañaría que non o fose"

A Hassana, as dúas horas que pasou na comisaría removéronlle algúns dos seus recordos máis duros. "Quitáronme todas as miñas cousas, os meus documentos e metéronme nunha cela. Cheiraba dunha maneira que non podes imaxinar, mal non, o seguinte". Alí, entre reixas, chegaron as pantasmas: "Asusteime, acordeime daqueles anos na zona ocupada, das moitas ocasións en que me encerraba a policía marroquí e nos torturaba". Deixárono en liberdade ao oito da tarde, pero pola noite tampouco podía afastar esas vivencias da súa cabeza.

Aínda que conta coa resolución da Audiencia Nacional, Hassana admite que sentiu desprotexido. Cando presentou os documentos á policía respondéronlle que "iso non valía para nada", di. "Hai un mes e medio, a policía paroume tamén no País Vasco e non tiña enriba estes papeis, díxenlles que non os tiña, pero conteilles a miña situación. Preguntaron polo meu nome e apelidos e, cando comprobaron quen era, deixáronme ir". Este martes, tamén lles dixo os seus datos e tiña ademais o documento, pero non serviu de nada.

"A miña familia sabe que se eu volvo, vou estar toda a miña vida no cárcere e que vou pasar toda clase de torturas e malos tratos"

"Sinto que non estou seguro estando aquí. A quen me vou a dirixir? Que podo facer?", lamenta ante o proceder dos axentes. Hassana puido falar co seu pai e os seus irmáns, que viven na zona do Sahara ocupada por Marrocos, e tentounos tranquilizar. "A prensa marroquina conta que a policía española detivo o imputado do grupo de Gdeim Izik, que me van levar ao cárcere para cumprir a condena". Hassana ten moi claro que non pode volver: "A miña familia sabe que se eu volvo, vou estar toda a miña vida no cárcere e que vou pasar toda clase de torturas e malos tratos".

Hassanna Aalia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.