"Se a ONU non avanza cara á solución, os saharauís deben prepararse para coller as armas"

O primeiro ministro da Fronte Polisaria CC-BY-SA Bru Rovira

Os saharauís están cansos de esperar. Levan case 40 anos estrañando o retorno ao seu país e 23 desde o cesamento do fogo, escoitando promesas que leva o vento deste deserto hostil no que viven en condicións miserables. Aínda que case ninguén confía nas resolucións das Nacións Unidas, o pasado martes estaban moi atentos ás noticias de Nova York. Non foron boas. Foron as de sempre. A ONU resolveu non resolver nada até o ano que vén.  A enorme paciencia dos saharauís está a chegar ao seu límite e nos campamentos está a levantarse un siroco que tamén golpea á Polisaria. O partido que mantivo unido este pobo fronte ao inimigo tamén sofre o desgaste. Con motivo do Fisahara 2014, o Primeiro Ministro da Fronte Polisaria, Abdel Gader Taleb Omar, recíbeme nunha modesta sala da residencia do gobernador da Wilaya (provincia ou campamento) de Dajla. Móstrase tranquilo aínda que non pode ocultar que se aveciña unha tormenta no deserto.

Como valora a resolución das Nacións Unidas?

A resolución non lle outorgou á Minurso (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental) a prerrogativa para vixiar o respecto aos dereitos humanos pero o informe previo do Secretario Xeral, Banki Moon, obriga á ONU a forzar outro escenario se dentro dun ano non houbo avances. Ese informe recolle a implicación das Nacións Unidas nunha descolonización que ten que terminar en referendo. Por primeira vez sinala que non se poden explotar os recursos do Sáhara Occidental en contra dos saharauís. E ademais chama ás partes a asegurar o respecto dos dereitos humanos en colaboración cos organismos internacionais. Non é todo negativo aínda que sabemos que a resolución pode supor unha decepción para o pobo saharauí que empurrará á radicalización de posicións. A ONU é consciente e esperamos que iso os obrigue a acelerar o proceso.  

Vostedes están en desvantaxe fronte a Marrocos, que conta co apoio de Francia, un país con dereito a veto no Consello de Seguridade. Que os fai pensar que teñen posibilidades de alcanzar os seus obxectivos?

"Marrocos hoxe é refén da súa propia ocupación"

O conflito non só afecta os saharauís. Impide que se aborde a solución doutros problemas da zona como a inmigración, o terrorismo e o narcotráfico que tamén afectan a Europa. Ademais, Marrocos hoxe é refén da súa propia ocupación. Está a mobilizar tropas, corpos de seguridade e medios económicos para comprar apoios. Está nunha situación económica e política difícil e o seu descrédito impídelle moverse libremente no marco internacional. Tamén a poboación saharauí perdeu o medo en territorios ocupados e Marrocos non está nunha posición cómoda. Esta é unha guerra de desgaste que lle está pasando factura. A Francia tamén lle pasa factura internacional a súa falta de respecto aos dereitos humanos.

E que opinión teñen vostedes do papel de España? 

Un dos nosos problemas é que non temos padriño. O noso padriño deixou de selo e iso levounos a esta situación. Os dous grandes partidos españois apoian a causa saharauí desde a oposición pero esquécena cando chegan ao goberno. Non representan á sociedade española, que está co pobo saharauí. Sentimos abandonados porque España non só ten unha responsabilidade histórica, tamén xurídica. Segue sendo a potencia administradora recoñecida pola ONU. Podería facer moito máis por nós como un país menos influente como é Portugal fixo pola descolonización de Timor.

Cal é a relación actual co Goberno de Rajoy?

"O Goberno do PP de cando en vez defende o dereito de autodeterminación, pero a continuación bótalle flores a Marrocos"

Decepcionante e distante. Diría que aínda peor que co PSOE, que polo menos apoiou a cooperación e facilitou os visados para o enfermos pero o PP non fixo nin sequera iso. De cando en vez defenden o dereito de autodeterminación do Sáhara pero a continuación bótanlle flores a Marrocos.

Durante os últimos anos, as negociacións centráronse máis no respecto aos dereitos humanos que na recuperación da soberanía.

O noso obxectivo é a soberanía pero, como esa resolución se alongou, entendemos que o respecto dos dereitos humanos crea un ambiente propicio para o diálogo e permite que esta longa espera sexa máis soportable para os saharauís e que poidan expresar a súa posición sen coaccións. É un medio para conseguir o noso obxectivo final.

Non pensan en aceptar a oferta marroquí de converterse nunha autonomía dentro de Marrocos?

Marrocos carece do dereito de outorgar autonomía porque o territorio non lle pertence. O plan Baker propuña unha autonomía de 5 anos seguida por un referendo de autodeterminación pero Marrocos non o aceptou porque non admitía o referendo. Nós si. Só aceptaremos unha oferta admitida por todo o pobo saharauí e ofreceremos aos colonos marroquís que así o queiran, ter a nacionalidade saharauí. Seremos xenerosos con quen acepten a independencia da república do Sáhara Occidental. Non hai inimigos permanentes.

Que ocorrerá se dentro dun ano a ONU non resolve nada novo?

Non hai que esperar a ese día, hai que seguir traballando durante este ano para que o 29 de abril de 2015 se producisen avances serios.

E se non é así?

"A ONU tería a obriga de impoñerlle a Marrocos unha solución; cando a comunidade internacional quere, pode facelo"

A ONU ten entón a obriga de imporlle a Marrocos unha solución. Cando a comunidade internacional quere, pode facelo utilizando medios militares ou sancións económicas. Iso privará a Marrocos da posibilidade de seguir reprimindo, que é a forma na que controlan hoxe a situación.

Se tampouco esas vías funcionan, que opción queda a vostedes?

Volver ás armas. Os saharauís están fartos.

Valórano como posibilidade?

Por que non? Non podemos estar cos brazos cruzados.

Pero vostedes teñen potencial militar para afrontar unha guerra?

"A Fronte Polisaria xa se enfrontou a Marrocos con menos armas e menos xente que a que temos agora"

A Fronte Polisaria xa se enfrontou a Marrocos con menos armas e menos xente que a que temos agora. Nós estamos dispostos a todo menos a botarnos atrás. Quen pensan que a prolongación do conflito nos desanimará e aceptaremos a proposta marroquí, equivócanse. Están a empurrar á xente á radicalización.

Observeino sobre todo nos mozos...

Nós comprendemos a súa impaciencia. A dirección mantén contactos con eles e non é ningún segredo que temos dificultades para convencelos. A ONU fixou un prazo e temos que prepararnos para chegar a unha saída pacífica pero se non se alcanza esa vía, hai que estar preparados para outras opcións.

A partir de que momento estarían dispostos a volver ás armas.

A ONU fixou a data do 29 de abril, que é unha data determinante e se entón a resolución da ONU non cambia, faremos un chamamento a retomar as armas. É un tema de discusión actualmente non só nas instancias da Polisaria, senón en toda a sociedade do Sáhara. A ONU é consciente do sentimento xeral de impaciencia dos saharauís e por iso realizou o seu informe favorable á nosa autodeterminación. Nós non cansamos de repetirlles que deben acelerar ese proceso para evitar que caiamos de novo na violencia. Esperamos que a ONU avance, se non os saharauís deben prepararse para retomar as armas.

A mocidade desencantada é un caldo de cultivo para grupos radicais como Al Qaeda. Temen que tenten captar a eses mozos?

"Nós non temos ningunha relación con Al Qaeda; os marroquís traballan para tentar relacionarnos con eles pero durante 40 anos non puideron demostralo"

Nós non temos ningunha relación con Al Qaeda. Os marroquís traballan para tentar relacionarnos con eles pero durante 40 anos non puideron demostrar nada. Somos grupos de ideoloxías opostas. A Polisaria pode afirmar que os servizos de intelixencia marroquís teñen relación con Al Qaeda e están detrás do secuestro do tres cooperantes nos campos de refuxiados co fin de cortar a axuda humanitaria e illar aos campamentos.

Eses mozos e non tan mozos reclámanlle á Fronte Polisaria unha renovación porque os mandos do partido levan demasiados anos no cargo.

Tamén somos conscientes diso e estamos a traballar para abrir paso aos mozos. O mesmo presidente no último congreso da Polisaria propuxo que houbese un novo secretario xeral e novos cargos pero as bases preferiron conservar a experiencia dos máis veteranos mentres dure esta situación de conflito e renovar a Polisaria paulatinamente. Agora xa hai algúns cargos novos e mulleres no parlamento. É outra cuestión que nos preocupa.

Despois de 40 anos, que lle di ao seu pobo para que sigan esperando?

Estes 40 anos, a pesar de todo, non foron en balde. Creamos no exilio unha estrutura dun Estado ao que o único que lle falta é recuperar a soberanía que a ocupación ilegal de Marrocos nos arrebatou. Seguimos esperanzados porque non temos outra saída.

O primeiro ministro da Fronte Polisaria CC-BY-SA Bru Rovira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.