Non é unha visita secreta, pero case. Este venres unha delegación do Parlamento de Galicia iniciou viaxe cara ao Sáhara Occidental. Carmen Gallego, do PSdeG, Xabier Ron, de AGE, Montse Prado, do BNG e Gonzalo Trenor, do PP, van na compaña de membros do colectivo Solidariedade Galega co Pobo saharauí (Sogaps) para coñecer de primeira man a realidade da antiga colonia española, agora abandonada á súa sorte e baixo ocupación marroquí. Dende que chegaron a información que flúe cara ao país non é moita, pero se algo se sabe xa iso é o acoso ao que a delegación está sendo sometida por parte da policía de Marrocos.
Mentres que PP e PSdeG, cando menos polo momento, non fixeron transcender información ningunha a respecto da visa. Si o fan Sogaps, Alternativa e mais o Bloque. No primeiro día de traballo a axenda marcaba unha xuntanza coa Asociación saharauí de Vítimas das Violacións de Dereitos Humanos e, despois dela, o colectivo solidario xa advertía de que "temos moito control da policía". "De forma permanente temos a secreta por tras de nós", informaba o deputado Ron, que alertaba ademais de que os axentes "xa entraron" nos cuartos asignados aos deputados e deputadas "e revolveron maletas".
A policía secreta "xa entrou" nos cuartos da delegación "e revolveron nas maletas"
Na segunda xuntanza da xornada a delegación galega achegouse á realidade da asociación Ibsar Elkhair, que vela polos dereitos de persoas con discapacidade. "Traballan nunhas condicións de práctica ilegalidade" e "piden axuda" en forma de "cadeiras de rodas e axudas para operacións". "Onte cando souberon que entráramos nos campamentos de refuxiados fixeron festa", asegura, nun contexto no que algúns dos activistas chegaron a estar 15 anos no cárcere "en lugares aínda descoñecidos, padecendo torturas" malia "cumprir coa lexislación e mesmo ter dúas sentenzas favorables".
A piques de rematar a misión da ONU
A visita da delegación do lexislativo galego e mais de Sogaps prodúcese, detalla o BNG, a piques de que remate o mandato da Misións das Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental, establecida en 1991 e aceptada tanto por Marrocos como pola Fronte Polisaria. "A única responsabilidade da MINURSO é realizar os preparativos que permitan a celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara e, en particular, o censo de votación para esta consulta". Un "dos obxectivos principais" da visita é, precisamente, "apoiar a reivindicación saharauí de ampliación das competencias da MINURSO e, ademais de dar cumprimento á resolución da ONU, garantir o dereito á autodeterminación do pobo saharauí" e denunciar as vulneracións de dereitos humanos durante o "sometemento ao poder marroquí".
O grupo galego está a coñecer testemuños da represión marroquí e a apoiar o dereito de autodeterminación
"A descolonización do Sáhara é un problema enquistado que para resolverse precisa esforzos políticos, pero tamén de atención humanitaria e de vixilancia e denuncia dos organismos internacionais perante a conculcación dos dereitos humanos que padecen os saharauís", sinalaba Montse Prado antes de partir. A súa intención na visita é "transmitirlles aos representantes do pobo saharauí o apoio da fronte nacionalista á súa lexítima loita polo dereito de autodeterminación, pola súa liberdade e polo dereito a un futuro en paz". Xa dende os territorios ocupados Prado destaca as experiencias das "vítimas de represión", dos "familiares de desaparecidos e desaparecidas" e, en xeral, os testemuños do "sufrimento dun pobo ocupado".