Comezan as "vacacións en paz" en Galicia para 330 nenas e nenos saharauís

Recepción ao primeiro grupo de nenas e nenos participantes no programa 'Vacacións en paz', este 7 de xullo no aeroporto de Santiago CC-BY-SA Xunta

Cada verán dende hai xa 28 anos nenas e nenos saharauís pasan "vacacións en paz" en Galicia. Ao abeiro do colectivo Sociedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), en colaboración coa República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e co apoio dos sucesivos gobernos galegos e de múltiples concellos, familias galegas acollen a rapazada nacida nos campamentos de persoas refuxiadas na Hamada, preto da fronteira entre Alxeria e o Sáhara. O primeiro grupo de 2019 chegou este domingo a Galicia para comezar un verán no que serán un total de 330 os acollidos por familias galegas.

Cada verán dende hai 28 anos, nenas e nenos saharauís pasan o verán acollidos en familias galegas ao abeiro do colectivo SOGAPS; este domingo chegou o primeiro grupo

Son "fillos e fillas dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975", explican dende SOGAPS para contextualizar "a vida destes nenos no exilio". Habitan campos de persoas refuxiadas e, "viven como o resto da poboación saharauí, privada do máis elemental" e "sobrevivindo dificilmente grazas á axuda internacional". Reivindicar os dereitos destas nenas e nenos e as dúas familias, pero tamén "evitar a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto", cando chegan a superarse os 50 graos de temperatura é parte das "vacacións en paz" que agora inician.

Membros de SOGAPS, o conselleiro de Sanidade e familias acolledoras recibiron a primeiras horas deste domingo no aeroporto compostelán de Lavacolla o primeiro grupo de nenas e nenos, co que viaxaron tamén integrantes do Intergrupo Paz co Sáhara do Parlamento de Galicia -Alberto Pazos (PP), Eva Solla (EM) e Montse Prado (BNG)-, que visitaron nos últimos días os territorios ocupados. Ata o 9 de setembro os rapaces acollidos desenvolverán diversas actividades de lecer, pero tamén recibirán atención médica cuberta polo Servizo Galego de Saúde, que inclúe vacinación, exames de saúde e outras "medidas de prevención e rehabilitación", ademais da atención a posibles urxencias.

Mobilización polos dereitos do pobo saharauí durante unha anterior edición do programa 'Vacacións en paz' CC-BY-SA SOGAPS

"As vacacións en paz -sinala SOGAPS- preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica", afastados durante un tempo do "clima de guerra" dos territorios ocupados. Ao tempo, este colectivo proponse "contribuír á súas formación", facilitarlles a devandita asistencia médica, "perfeccionar a aprendizaxe das linguas castelá e galega, que estudan nos seus programas escolares" e, alén disto, "promover entre a sociedade galega os valores de tolerancia e solidariedade".

Durante a súa estancia en Galicia a rapazada saharauí participa en actividades formativas e de lecer e recibe asistencia sanitaria cuberta polo Servizo Galego de Saúde

SOGAPS lembra que as familias que queiran participar como acolledoras das nenas e nenos saharauís nas vindeiras edicións do programa deben comezar por asistir ás xornadas formativas que organiza cada ano o propio colectivo. Nelas explícase a necesidade de contar cunha "sensibilización especial cara á causa do Sáhara Occidental" e, ao mesmo tempo, detállase a documentación e trámites necesarios a realizar, como unha entrevista cunha traballadora social ou o compromiso de colaborar coas actividades do programa.

A actividade de apoio aos nenos e nenas saharauís e ás súas familias por parte de SOGAPS non se limita ao porgrama Vacacións en Paz, senón que inclúe actividades solidarias e divulgativas durante todo o ano. Así, por exemplo, a organización facilita o envío de paquetes con diverso material ao Sáhara con roupa, libros ou material escolar. O envío deste material tamén é realizado cando rematan os períodos de estancia de Vacacións en Paz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.