O Goberno de Marrocos impediu este venres a unha delegación do Parlamento galego entrar en territorio do Sáhara Occidental. Nove persoas -entre deputados, xornalistas e integrantes do colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps)- foron interceptados por autoridades marroquís e expulsados nada máis intentar baixar do avión en El Aaiun.
Os nove integrantes da delegación galega foron interceptadas nada máis intentar baixar do avión en El Aaiun
Todos os membros do Intergrupo Paz co Sáhara coincidiron en denunciar a "actitude antidemocrática" amosada polo Goberno de Marrocos coa que "están a atentar non só contra os Dereitos do Pobo Saharaui senón contra os representantes electos do pobo galego". Foron Xabier Ron (AGE), Montse Prado (BNG), Consuelo Martínez (Grupo Mixto), Noela Blanco (PSdeG) e Gonzalo Trenor (PP), xunto cos representantes da Sogaps, Enrique Porto e Maite Isla, as persoas vetadas polo Executivo alahuí.
Os representantes galegos foron expulsados e obrigado a regresar ás Illas Canarias . O argumento das autoridades marroquís foi que o grupo non estaba a ser neutral no conflito.
A delegación do intergrupo do Parlamento desprazouse a El Aaiun coa intención de comprobar de primeira man a situación que está a vivir a poboación. Hai dous anos o intergrupo realizara xa unha visita na que puido comprobar "a violación sistemática dos dereitos humanos co obxectivo de facer calar aos movementos de resistencia". Esta denuncia que quedou recollida nas conclusións da misión de observación levada a cabo do 27 de febreiro ao 3 de marzo de 2014.
No documento, os integrantes do intergrupo puxeron de manifesto o constante seguimento e vixilancia á que foi sometida a delegación galega que chegaron a cualificar como "asfixiante". A situación que se atoparon foi dun "pobo sometido e unha violación continuada á liberdade de expresión e manifestación que provocaba un clima de intimidación permanente", tal e como lembra AGE. O resultado desta nova visita confirma a actitude antidemocrática do Goberno de Marrocos impedindo xa a entrada da delegación galega no territorio.