Marrocos recibiu con disparos unha comitiva solidaria co Sáhara Occidental

Manifestación contra o 'muro da vergoña' en 2005 CC-BY-SA Saharauiak

O pasado 31 de decembro, os representantes de organizacións políticas que participan no encontro organizado pola Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara Occidental (CEAS-Sáhara), reuníronse coa Plataforma Berros Contra o Muro Marroquí. A organización denuncia que a comitiva foi recibida a tiros polo exercito marroquí.

Esta plataforma está formada por mozos e mozas saharauis que se atopan acampados a poucos metro do denominado Muro da Vergonza, que separa os territorios ocupados por Marrocos no Sáhara Occidental dos territorios liberados. A delegación está formada por 13 mozos e mozas, 4 da Esquerda Plural (2 de Esquerda Unida, 1 de Iniciativa per Catalunya e 1 da Chunta Aragonesista), 4 de UPyD, 2 de PSOE, 1 de Equo, 1 de EH-Bildu e 1 de Compromis), e permanecerá no continente africano até o 5 de xaneiro.

Na delegación participa o galego Miguel Picado, responsable da área de mocidade de Esquerda Unida na comarca da Coruña

Na delegación participa o galego Miguel Picado, responsable da área de mocidade de Esquerda Unida na comarca da Coruña. A formación, a través de César Santiso, cualifica a reacción dos militares marroquis de "totalmente desmesurada en comparación co carácter pacífico da protesta". En palabras de Santiso o obxectivo da viaxe é "amosar a solidariedade e compromiso coa causa saharaui e pular pola realización do referendo de autodeterminación prometido no ano 92". Ademais quérese denunciar o abandono e persecución que sofren os saharauis refuxiados no deserto de Arxel dende hai 37 anos, diante do silencio cómplice da comunidade internacional en xeral e de España en particular que permiten a vulneración da legalidade internacional e o dereito humanitario.

Manifestación contra o 'muro da vergoña' en 2005 CC-BY-SA Saharauiak

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.