Unha galega, entre o profesorado evacuado dos campamentos saharauís de Tindouf

Campamento de persoas refuxiadas en Tindouf (Arxelia) © Transporte Saharaui

O pasado día 12 a xornalista galega Carmen Quintela partiu rumbo a Tindouf, a capital no exilio da República Árabe Saharauí Democrática. Xunto a dez persoas máis ía participar nun proxecto educativo de cooperación nos campamentos de persoas refuxiadas do Sáhara Occidental. Era unha iniciativa organizada por unha muller española, á marxe de organizacións ou gobernos pero "en coordinación" cos responsables educativos do Sáhara, o seu "Ministerio de Educación". A iniciativa desenvolveuse con normalidade durante dez días, ata que este luns se producía unha evacuación por sorpresa.

Ao contrario do acontecido o pasado xullo, cando o Ministerio de Exteriores español fixo pública a repatriación de cooperantes españois polo risco de ataques, desta volta a información oficial é nula, a comezar polas propias persoas afectadas. En declaracións a Praza Pública Quintela detalla que alí eran conscientes "do que está a pasar en Malí" ou dos incidentes acontecidos nos últimos días na propia Alxeria, pero en ningún momento lles chegara ningunha alerta. "Onte [por este luns, 21 de xaneiro] estabamos na clase e chamáronnos por teléfono dende o servizo de protocolo en Tindouf e dixéronnos que preparásemos as maletas, que marchabamos".

Exteriores asegura non ter constancia da evacuación, aínda que a galega repatriada indica que canda ela había, cando menos, once persoas máis de orixe española

Pouco, ou máis ben nada, era o que sabían das razóns da repatriación. "Non nos dixeron nada". Só despois, falando coa promotora da iniciativa "e cun delegado da Fronte Polisaria" souberon que a marcha se producía "por razóns de seguridade; ata o luns non viran perigo pero estabamos nunha situación de risco". Isto é, podíanse producir ataques ou mesmo secuestros. "Segundo temos entendido é unha operación coordinada co Goberno de Alxeria e coa Fronte Polisaria para garantir a seguridade, tanto a nosa como a das familias coas que estabamos".

A incerteza de Quintela, acabada de chegar a Madrid, non se aclara moito máis se a consultada é Axencia Española de Cooperación Internacional. Ao contactar co seu servizo de comunicación, este organismo gobernamental remite á Oficina de Información Diplomática, tamén dependente de Exteriores. En conversa con este diario fontes da Oficina sinalan que nela non consta que se producise evacuación ningunha de cidadáns ou cidadás de nacionalidade española en Tindouf nos últimos días. Non obstante, apuntan, si existe unha recomendación especial para cooperantes, dada a delicada situación da zona. Ademais dela mesma, a xornalista galega evacuada detalla que na zona estaban canda ela, cando menos once persoas máis, todas de orixe española. Ningún deles recibiu axuda ningunha do Goberno de España, nin sequera para cuestións de intendencia: "o cambio de voo pagouno a Fronte Polisaria", ilustra.

Campamento de persoas refuxiadas en Tindouf (Arxelia) © Transporte Saharaui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.