España volve deixar o pobo saharauí nas mans de Marrocos en plena mudanza do taboleiro internacional

Visita oficial de Pedro Sánchez a Marrocos en 2018 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Senllos comunicados cruzados na tarde dun venres cando o groso da atención política e mediática internacional está posta na evolución da guerra na Ucraína e as súas consecuencias económicas e mentres, no caso español, a ollada pública se centra na vaga expansiva do paro no sector dos transportes. Primeiro, o Palacio Real marroquí e despois, o Goberno de España confirmou que ratifica un xiro na súa posición histórica a respecto do Sáhara Occidental, asumindo os plans do réxime de Mohamed VI para a que fora colonia española ata 1975.

A nova postura supón a renuncia á autodeterminación do Sáhara Occidental, avalada pola ONU

O comunicado marroquí revelaba que, a través dunha carta remitida por Pedro Sánchez ao monarca norteafricano, o Executivo español acepta o modelo de "autonomía" para o Sáhara Occidental como a alternativa "máis seria, realista e crible". Trátase da opción avalada polos EUA e gobernos europeos coma o alemán. Ademais, o líder do PSOE sinalaría nesa misiva que dá por bos os "esforzos serios e cribles de Marrocos, no marco das Nacións Unidas, para atopar unha solución mutuamente aceptable", posición que Marrocos saúda como o inicio dunha etapa de estabilidade e colaboración bilaterais.

Pouco despois, noutra nota oficial, o Goberno de España daba por bo o revelado por Marrocos. "Iniciamos unha nova etapa" nas relacións con ese país, baseadas "no respecto mutuo", no "cumprimento dos acordos", na "ausencia de accións unilaterais" e na "transparencia e comunicacións permanentes". Todo, agrega, para "garantir a estabilidade, a soberanía, a integridade territorial e a prosperidade dos nosos dous países".

O pacto con Marrocos suscita o rexeitamento en UP e en boa parte dos grupos que facilitaron a investidura de Sánchez. O Goberno de España mantén que Alxeria, clave no fornecemento de gas, coñecía o acordo

O comunicado do Executivo que preside Sánchez menciona aspectos que obvia a nota marroquí, tales como a "xestión dos fluxos migratorios" ou o "restablecemento da plena normalidade na circulación de persoas e bens". Anuncia, ademais, unha vindeira viaxe do propio presidente a Marrocos "para desenvolver a folla de ruta desta nova etapa". Nin un nin outro mencionan que a asunción do modelo de autonomía propugnado por Marrocos implica desbotar o referendo de autodeterminación para o pobo saharauí, avalado pola ONU.

Como recolle Infolibre, o Goberno español defende que este non é un xiro radical da posición española sobre o Sáhara, posto que xa o Executivo de Zapatero valorara esta posibilidade e tamén o fixo o de Rajoy. Ademais, manteñen que é "compatible coas resolucións das Nacións Unidas" e aseguran que non vai afectar ás relacións con Alxeria, que acolle os refuxiados saharauís, que está historicamente enfrontada con Marrocos e que ademais é un acto clave no subministro de gas, máis aínda agora en plena escalada de tensión bélica con Rusia. Segundo fontes de Exteriores citadas polo devandito xornal, Alxeria coñecía o acordo hispano-marroquí antes de ser público. Non obstante, este sábado transcendía que o Goberno alxeriano decidiu chamar a consultas ao seu embaixador en España.

Mapa colonial do Sáhara Occidental e a súa contorna (1952) © IGN

O gabinete de Pedro Sánchez dá así por pechada a crise con Marrocos máis intensa dos últimos tempos e mesmo por preservado o control de Ceuta e Melilla, pero abre varias frontes colaterais. Dende os seus socios de Goberno, Unidas Podemos, ata boa parte dos grupos que facilitaron a súa investidura, todos eles historicamente partidarios (como noutrora, o propio PSOE) de que o pobo saharauí poida decidir o seu futuro en referendo.

A Fronte Polisario advirte o Goberno de España que está a "violar a legalidade internacional" e lamenta que ceda á "chantaxe" do réxime marroquí

Neste contexto, a Fronte Polisario -órgano político que historicamente representa o pobo do Sáhara Occidental e as súas aspiracións de autodeterminación- lamenta que o Goberno español asuma unha posición "absolutamente en contradición coa legalidade internacional". "Constitúe unha desviación perigosa, que viola a legalidade internacional, apoia a ocupación, alenta a agresión e a política dos feitos consumados", censuran, nun contexto "caracterizado pola gravidade que atravesa o conflito" nese territorio, "tras o reinicio da guerra en novembro de 2020 e o estado de tensión na zona pola continuación do Reino de Marrocos das súas políticas expansionistas".

Conclúe o Polisario que, ao cabo, a "chantaxe" dos últimos meses por parte de Marrocos vén de lograr os seus obxectivos. Así e todo, advirten, "España non pode desligarse unilateralmente das súas responsabilidades xurídicas" cara á súa antiga colonia, "xa que é a potencia administradora dun territorio pendente de descolonización". Por todo isto, reclaman "corrixir este grave erro".

Mulleres saharauís protestan en El Guerguerat, nunha imaxe de arquivo © Frente Polisario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.