Galicia suma o quinto día do paro de transportistas con varios sectores económicos gravemente afectados, lonxas e portos practicamente paralizados, polígonos a baixo rendemento, gandeiros tirando leite e á espera de que os servizos mínimos se cumpran para poder alimentar os seus animais, desabastecemento na alimentación, a contrución detida e grandes conserveiras como Calvo ou xigantes como Estrella Galicia anunciando que pecharán axiña.
A falta de subministros e a imposibilidade de repartir a mercadoría está a paralizar moreas de empresas e importantes sectores por un paro impulsado por unha organización minoritaria, que non é apoiado polas grandes federacións e asociacións de transporte pero ao que se están unindo numerosos autónomos. Están a impedir o paso a polígonos, portos ou plataformas loxísticas, freando ou detendo de vez a actividade en moitas empresas que advirten xa das consecuencias mesmo no emprego.
A plataforma convocante do paro, impulsada en 2007 desde Galicia, apenas representa o 20% do sector pero é apoiada por moitos autónomos
A Plataforma para la Defensa del Sector de Transporte de Mercancías apenas representa o 20% do colectivo e carece de representación no órgano de diálogo do sector coa Administración estatal, o Comité Nacional do Transporte por Estrada. É, no entanto, moi activa e organizada, e foi acusada desde diferentes voces de usar a violencia e as ameazas para impedir o traballo de moitos compañeiros, algo que negan os seus portavoces. Neste venres, pro exemplo, un piquete picou as rodas a doce camións en Dumbría e en Vilagarcía, outro rachou o depósito dun camión conxelador, provocand un importante vertido de combustible. En San Cibrao das Viñas, en Ourense, unha empresa denunciou tamén graves danos á súa frota de vehículos.
A maioría de empresas concentradas no Comité Nacional do Transporte non secunda o paro porque di que xa está acordado co Goberno central que os cargadores asuman o incremento dos custos dos portes. A plataforma convocante, pola contra, di representar os pequenos camioneiros e autónomos que están á marxe das organizacións maioritarias: arredor de 100.000 en todo o Estado.
Nada en 2007, a propia plataforma explica na súa web que foron transportistas de Galicia, e outros de Albacete, os que deron orixe a este colectivo á marxe das asociacións maioritarias.
Apoiado no ámbito político por VOX e sen apoio de ningún dos grandes sindicatos -que advirten a diferenza entre paro e folga-, o certo é que son moitos os transportistas que se están unindo ás protestas. Desde o Goberno central apúntase á extrema dereita como responsable da "reacción" dun colectivo que "parece orientado polos posicionamentos da ultradereita", segundo dixo a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez. "Non están facendo uso do seu dereito a folga, senón que están boicoteando o resto dos traballadores que, nun momento tan complicado coma este, están traballando para garantir o subministro de alimentos de primeira necesidade", dixo este xoves.
O Goberno central acusa o colectivo de estar "orientado polos posicionamentos da ultradereita" e de incluír "un grupo de ultras que intentan unha chantaxe"
A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, advertiu tamén que o paro "minoritario" de transportistas responde a "un grupo de ultras que están intentando someter este país a unha chantaxe e substituíndo a palabra por paus, clavos e pedras". Ademais, aclarou que non se reuniría con eles ao non ter representación nos órganos acordados.
Este venres, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, definiu a protesta máis como un "boicot" que como unha folga e reclamou "responsabilidade" aos manifestantes, que considera "unha minoría". "A maioría de empresarios do sector quere traballar", dixo.
O feito de que sexa Vox o partido que alente as protestas e que anime as persoas mobilizadas a acudir ás manifestacións convocadas polo partido ultra esta fin de semana fai temer na Administración algo máis que a indignación lóxica dos traballadores, amplificada polas consecuencias económicas da guerra da Ucraína e a suba dos prezos dos carburantes e da enerxía. De feito, a plataforma convoca xa marchas de camións en todas as cidades no mesmo día que Vox convoca tamén mobilizacións fronte aos concellos de toda España.
Sexa como for, Galicia está a ser unha das comunidades máis afectadas. Máis de 2.000 axentes das forzas de seguridade actúan para facilitar o tránsito de camións entre piquetes e o pasado xoves levaron a cabo 400 escoltas. Mentres, láteo, pesca, forestal, metal ou a gran distribución sofren as consecuencias. Empresas como Estrella Galicia xa media suspender a súa actividade polo paro e vén de deter as súas exportacións. Coren leva tres días cos matadoiros pechados e a explotación forestal tamén se deterá a vindeira semana.
Estrella Galicia, Conservas Calvo ou a construción teñen pensado parar a súa actividade ante a falta de subministros e transporte
Este venres, transportistas cortaron xa a A-6 no Corgo e houbo problemas en cidades como Vigo cunha marcha lenta de camións que chega desde Tui. Desde a Xunta, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, pediu ao Goberno central que "mobilice o Exército" para que os camións que non se sumasen ao paro sigan circulando ante unha situación que cualificou de "moi grave" en Galicia.
No sector primario, as consecuencias son globais: o cereal no sae dos portos e o penso nos chega ás granxas, a recollida de leite tamén está en perigo e hai empresas que xa non a levan a cabo, e moitos animais poderín ter que ser sacrificados por falta de alimento. Moitas industrias e a construción paran por falta de materiais e ata a distribución farmacéutica está en perigo e o Sergas caulcula que se está a reducir entre un 40 e un 50% a entrega de material sanitario.
A resposta do Executivo central chegará, segundo asegura, nos vindeiros días, principalmente para deter a suba dos prezos do combustible. O día clave será o 29 de marzo, logo do Consello Europeo. O Goberno ten previsto anunciar unplan de contención para frear a escalada inflacioanista que agravou a invasión rusa de Ucraína.
Ademais, este mesmo xoves o Congreso convalidou o Real Decret-Lei que recolle o acordo que freou a folga en decembro para mellorar a sustentabilidade do transporte de mercadorías. Consiste, entre outras cousas, en prohibir que os camioneiros teñan que facer carga e descarga da mercadoría, que nos contratos se inclúa a revisión obrigatoria do prezo do transporte segundo o importeo dos carburantes desde o meonto da contratación ata a realización efectiva do transporte ou que se cumpran os tempos de descanso e condución. Ante a alza dos combustibles, as mobilizacións piden máis medidas.