Malia non ser apoiado polas grandes federacións e asociacións e desmarcarse tamén o Comité Galego de Transporte, a terceira xornada do paro no sector está a provocar xa algúns problemas de desabastecemento e cortes de estrada en Galicia.
O paro no transporte, que non é apoiado polas grandes federacións, está a provocar xa algúns problemas de desabastecemento en Galicia
A industria láctea anunciou que parará a súa actividade a partir deste xoves ao non poder contar cos produtos necesarias para a elaboración de produtos lácteos nin para o traslado ás cadeas de distribución por mor do paro, gandeiros advirten mesmo da posibilidade de ter que sacrificar animais pola falta de penso para alimentalos e algún sindicato agrario acusa a empresas de transporte de incumprir os servizos mínimos.
Nas lonxas de Burela ou Celeiro xa van dous días sen poxas e nas de Vigo e A Coruña o ritmo é baixo, vendéndose unha parte pequena do peixe e metendo en cámara moito máis ao non haber maneira de transportalo a outras partes do Estado. Nesta última advírtese de perdas dun millón de euros nunha semana.
Ademais, a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB) denuncia "graves problemas" no funcionamento da cadea alimentaria debido ao bloqueo que se está producindo nalgunhas estradas polo paro, tamén en Galicia. Houbo cortes na autovía A-8 ao seu paso por Vilalba e barricadas en Nadela ou Pedrafita, mentres que os piquetes actuaron en dierntes portos e polígonos, como no caso do de San Cibrao das Viñas.
A industria láctea di que para a actividade, as lonxas traballan a medio gas e gandeiros temen ter que sacrificar animais por falta de penso
Ao tempo, a patronal do transporte denuncia unha actitude "coactiva e intimidatoria" por parte dos piquetes e mesmo denuncia pasividade da policía. Desde os convocantes do paro sinálase, pola contra, que o pasado martes, durante unha protesta ante a seda da Xunta en Santiago, axentes tomaron datos de varios participantes por obstaculizar a vía, avisándoos de multas de 600 euros.
Mentres, en Vigo, o presidente dos armadores (ARVI), Javier Touza, pediu á Delegación do Goberno de España que se garanta a protección dos transportistas, mentres resalta o risco existente para os alimentos perecedoiros.
Nun comunicado, o Porto de Vigo advirte de que a actividade "empeza a resentirse", sobre todo no porto pesqueiro do Berbés, onde se descarga e poxa pescado e marisco procedente de todas as partes do mundo, aínda que segue a funcionar o transporte a mercados locais, peixerías ou supermercados.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Comercializadores de Marisco (Agacomar) e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) resaltan que os piquetes e os custos de enerxía "ameazan" o sector e piden que se escolte os camións con destino MercaMadrid, MercaBarna, ou outras grandes plataformas de distribución, como as de Sevilla ou Bilbao.
Os sindicatos agrarios, ademais, alertan de que periga a recollida de leite a partir deste xoves, así como o futuro abastecemento en fresco de pito, porcino e produtos de horta, entre outros. En Santiago, a feira de gando de Amio suspendeuse ao non levar animais.
O ministro de Agricultura recoñece "disrupcións puntuais" no abastecemento dalgúns produtos frescos como peixe, froitos e hortalizas
Ante a situación, o conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou o respecto da Xunta ás reivindicacións deste sector, pero ao tempo apelou á “responsabilidade de todos” para que se cumpran os servizos mínimos e se garanta o abastecemento. Desde o Goberno central, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, asegurou que segue de "perto e con preocupación" o paro para que non cause desabastecemento de alimentos, aínda que se detectaron algunhas "disrupcións puntuais" nalgúns produtos frescos como o peixe, froitas e hortalizas.
A Plataforma para la Defensa del Sector de Transporte de Mercancías denuncia a "gravísima" situación do sector e unhas condicións laborais "inadmisibles" nun contexto marcado polo elevado prezo dos carburantes. É un colectivo minoritairo e sen representación no órgano de diálogo do sector coa Administración estatal, o Comité Nacional del Transporte por Carretera (CNTC), pero está a endurecer unhas mobilizacións nas que reclaman que se prohiba a contratación dos servizos de transporte de mercadoría por baixo dos custos de explotación.
Ademais, a plataforma acusa a Administración de "seguir negociando cos cargadores -integrantes do CNTC en lugar de atender as chamadas de SOS dos auténticos protagonistas do sector, os camioneiros de a pé". "O 90% das empresas de transporte (medianas e pequenas) atopámonos nunha situación económica de quebra total, ao igual que as condicións laborais son de total precariedade en todos os sentidos. Consecuecias que pagan de xeito directo todos os consutores asalariados, aos que defenderemos nas demandas esixidas", di a plataforma.
Sindicatos como CCOO adivrten de que o paro convocado desde o luns non é unha folga, senón "un chamamento a traballadores autónomos e pequenas empresas para que deixen de traballar". Ademais, lembra que se o que se fai é un cesamento da actividade decidido pola empresa, o día cóbrase e cotízase e non hai que recuperalo, e que se non hai comunicación expresa e por escirto da compañía de non acudir ao traballo, hai que ir traballar.