A UE trata de paliar a alza nos prezos da factura da luz derivada da suba do gas, consecuencia da invasión rusa a Ucraína
A escalada de prezos do gas e o petróleo e as consecuentes subas na electricidade e nos carburantes para os consumidores levaron a UE a lanzar varias propostas para reducir a factura. A Comisión Europea intenta diminuír os efectos nos custos enerxéticos da invasión rusa de Ucraína a través, principalmente, dun recorte aos beneficios das eléctricas que segue sen ir aínda á cerna da cuestión: o sistema de fixación de prezos. O que provoca que sexa o gas natural quen marque o importe do resto das enerxías xusto cando o conflito bélico dispara os prezos dun hidrocarburo do que Rusia é o principal provedor europeo e o segundo produtor mundial.
A UE, moi dependente do gas ruso, desbota polo momento o veto á súa importación que si levan a cabo os Estados Unidos, sabedora dos problemas que cortar a billa crearía. Mentres en España o hidrocarburo procedente de Rusia supón algo máis do 10% do total, en países como Chequia ou Letonia é o 100% mentres que en Polonia, Alemaña, Finlandia, Bulgaria, Italia, Hungría ou Romanía supera o 40%, sendo a media da UE do 45%.
Polo momento, as medidas que formula a UE concéntranse nunha certa regulación de prezos a través da redistribuicón dos beneficios extra derivados do efecto do alto prezo do gas sobre ese sistema marxinalista e tamén a través de topes ao prezo da electricidade, tal e como acordaron este venres en Versalles os 27.
O sistema de fixación de prezos provoca que, malia que só o 18% da xeración eléctrica en España provén do gas, este marque o prezo da luz
Pero a clave segue a ser desligar o mercado eléctrico dos prezos do gas, unha medida que a UE espera poder tomar en maio para mudar un sistema que impulsa subas incontroladas da factura da luz cando en casos como os de España a parte da enerxía que provén del supón menos do 18% do total e é aínda menos importante en Galicia, por baixo do 14%.
Por que ocorre isto? O prezo da electricidade decídese diariamente nunha poxa a través dese sistema marxinalista no que o importe fíxase baseándose na enerxía máis cara que entra no sistema, por moi pouco que se precise esta fonte.
Este pasado luns, os ciclos combinados de gas natural fixaron o prezo en dez franxas horarias, provocando, co seu actual importe disparado nos mercados (marcando máximos de 345 euros MW/h) , o incremento tamén no prezo da electricidade. A retribución que reciben o resto de fontes (hidráulica, eólica, solar...), malia ter uns custos moitísimo máis baixos, son marcadas tamén por este hidrocarburo. Todos os sistemas gañan e todas as eléctricas tamén. Mentres, as facturas dispáranse nos fogares.
Mentres EUA veta o gas ruso, outros países medítano e a UE e España xa buscan alternativas. A invasión rusa e os bombardeos continúan na Ucraína, co temor a que o conflito acabe por frear as exportacións de gas natural, o que mantén a inestabilidade sempre á alza no seu prezo. Galicia non é allea a esta realidade ante o peso que este hidrocarburo ten no seu balance enerxético. Nin tanto, nin tan pouco.
Menos do 14% da electricidade xerada en Galicia provén do gas natural, que supón máis do 20% da enerxía primaria, case todo importado a través de Reganosa
No país, a electricidade xerada con esta fonte de enerxía, nos ciclos combinados e nas coxeracións, representou en 2020 o 13,6% do total, fronte ao máis do 75% das renovables. Desde 2010 ata este pasado ano, a media do que supuxo o gas natural na xeración eléctrica en Galicia non superou o 10%, con picos do 18,7% en 2019 e mínimos do 5,5% en 2014 e 2015, segundo os datos do Balance Enerxético de Galicia de 2020 que vén de publicar o Inega.
Obviamente, todo o gas natural que chega a Galicia é importado, representando arredor do 27% da enerxía primaria importada. Se sumamos á importación a enerxía primaria galega -produtos con orixe en Galicia susceptibles de xerar enerxía para o consumo final como axentes naturais e residuos- obtemos a enerxía primaria total, a cantidade da que realmente dispón Galicia para a súa posterior transformación.
Aí, o gas representa xa algo máis do 20% de toda a enerxía primaria total, só superado polo cru de petróleo (case o 39%) e seguido dos produtos petrolíferos (10,4%). Entre o vento e as hidroeléctricas cubriuse pouco máis do 15% da enerxía primaria galega.
O 75% do gas natural que chega a Galicia é consumido no país e o 80% pola industria, fundamentalmente nas centrais eléctricas de Sabón e das Pontes
Nunca o peso do gas natural fora tan importante no mercado enerxético galego. Dez anos antes representaba o 13,2% do total da enerxía primaria total e en 2019 esa porcentaxe era de menos do 16%. En 2020 foron dez puntos máis que en, por exemplo, 2018.
O gas natural chega a Galicia pola rede de gasodutos do Estado e en camións cisterna, pero moi maioritariamente (o 93%) a través da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, onde se recibe case o 10% do total de gas natural licuado (GNL) descargado nos peiraos de regasificadoras españolas.
En total, foron case 2.082 quilotoneladas de equivalentes de petróleo (ktep) de gas natural as que chegaron a Galicia, un 12% máis que en 2019 e nun ano, ademais, marcado pola pandemia. Un 42% máis que cinco anos atrás.
Do total de gas natural, arredor dun cuarto é exportado e o restante 74,8% é consumido en Galicia, dos cales un 48,9% é utilizado para xeración de electricidade, un 50,4% como combustible para xeración de calor e un escaso 0,7% en transporte.
O 17% do total de gas natural é usado nas centrais de coxeración, case o 20% nas termoeléctricas e perto do 38% para xerar calor en caldeiras. A industria é o principal receptor deste hidrocarburo en Galicia -arredor do 80% vai destinado a este sector- e as centrais eléctricas de Sabón e das Pontes son os que máis produto acaparan. Os fogares e outros sectores económicos supoñen unha minoría.
Sexa como for, todo pasa por Reganosa. Na planta mugardesa, case a metade dos barcos que descargaron en 2021 procedían de Rusia. Porque a maioría do GNL que entra en España a través de Galicia é ruso ou dos Estados Unidos, sendo a regasificadora a de mellor localización no Estado para recibir os buques de ambos os dous países, aínda que tamén chega algunha cantidade de Trinidade e Tobago, Nixeria, Exipto ou Guinea. De feito, a de Ferrolterra foi a primeira planta da Europa continental en recibir busques gaseiros de Rusia, aló por 2018.
Case a metade dos buques que descargaron en Reganosa en 2021 eran rusos; a planta pode almacenar gas para cubrir a demanda anual de medio millón de fogares
En total, no pasado ano, en Reganosa descargaron 25 buques, o que supoñen case 4 millóns de metros cúbicos de GNL, equivalente ao consumo eléctrico anual de máis de 6,5 millóns de fogares, batendo as marcas históricas da planta. Ademais, a regasificadora ten capacidade para almacenar 300.000 metros cúbicos, o que chegaría para cubrir a demanda anual enerxética de máis de medio millón de fogares. Supón, ademais, case a carga completa de dous buques gaseiros, roldando cada un deles entre os 170.000 e 190.000 metros cúbicos.
Desde a planta, o gas distibúese a través de gasodutos, principalmente cara ás centrais de ciclo combinado das Pontes e Sabón e á refinería da Coruña. Tamén se manda á rede xeral e través de dúas conexións, unha en Guitiriz e outra en Abegondo, podendo chegar así a outras partes do Estado.