O IPC quedou o pasado setembro en Galicia no 1,3% interanual. O custo da vida segue á alza, pero ao menor ritmo dende hai máis de tres anos
O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) pechou o mes de setembro en Galicia cun crecemento do 1,3% interanual. O custo da vida segue á alza, pero faino ao menor ritmo dende febreiro de 2021, cando comezaban a relaxarse algunhas das restricións da pandemia da COVID e principaba, tamén, a elevarse unha curva inflacionista que se disparou de vez a principios de 2022 entre os efectos da invasión rusa de Ucraína e as sancións que trouxo consigo.
Foi daquela, en 2022, cando a inflación chegou a escalar en Galicia alén do 11% interanual, por riba da media estatal. Ese incremento dos prezos por riba da media foi practicamente unha constante nestes anos que comezou a relaxarse a pasada primavera ata chegar, o pasado setembro, ao devandito 1,3%, dúas décimas por baixo do dato estatal.
A información actualizada este 15 de outubro polo INE explica, para o total estatal, que as causas da relaxación da inflación hai que buscalas, sobre todo, en dous dos ámbitos que máis preocupación causaron á poboación xeral nestes últimos anos. Trátase do transporte, pola baixada dos prezos dos combustibles, e tamén pola relevante moderación no apartado de alimentación, disparada neste tempo.
Unha ollada máis detida aos principais grupos de gasto amosa, para Galicia, a diferenza co panorama de anos previos. O gran grupo de electricidade, gas e outros combustibles, que chegou a medrar por riba do 80% interanual en 2022, quedou o pasado setembro nun encarecemento do 1,7%. Os alimentos, en conxunto, son un 1,3% máis caros que hai un ano. En 2023 encarecían por riba do 15% interanual.
Na cesta da compra é, precisamente, onde se rexistran as novidades máis destacadas. O aceite, que chegou a subir prezos na contorna do 50% aínda a pasada primavera nun contexto agudizado polas malas colleitas a causa da seca, encarece agora a un ritmo do 2% interanual. O azucre, que chegou a rexistrar taxas de inflación superiores ao 65%, non só non segue á alza senón que baixa un chisco ao anotarse un -2,5% no IPC de setembro en Galicia.
Nese mesmo mes, segundo o INE, tamén descenderon de prezo en Galicia as froitas e o leite (-2,3%) e mais as hortalizas (-0,9%). Mentres, os alimentos que máis encarecen son a carne de ovino (+13,2%), o café (+6,6%), as patacas (+5,6%) e o peixe (+4,6%). A un menor ritmo, pero tamén máis caros que hai un ano, están alimentos como a carne de vacún, cunha taxa interanual do 3,7% ou o pan (+1,7%).