O pasado luns comezou oficial a vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, na que unha parte moi importante das uvas non se van recoller. A razón é que as adegas teñen aínda un importante excedente de viño de anos anteriores, debido á caída das vendas de viño tinto
A produción de viño está en crise, especialmente a de viño tinto e de forma particular a da Ribeira Sacra. O pasado luns comezou oficial a vendima nesta Denominación de Orixe, na que unha parte moi importante das uvas non se van recoller. A razón é que as adegas teñen aínda un importante excedente de viño de anos anteriores, debido á caída das vendas de viño tinto. Dende hai anos consúmese no mundo menos viño tinto, subsituído polo viño branco, que mesmo comeza a presentar prezos superiores, e por variedades máis lixeiras e refrescantes, coma os espumosos e rosados. Unha mudanza histórica.
Calcúlase que este ano se recollerán 1,5 millóns de quilos de uva menos na Ribeira Sacra, unha proporción significativa da produción, pois o pasado ano recolléronse 6,6 millóns de quilos. O problema coñécese dende hai varios meses. A comezos do verán as adegas comunicaron aos produtores que non lles mercarían toda a uva, unha situación que pon en risco a supervivencia dos negocios de moitos viticultores, que nestas comarcas xeran anualmente ao redor de 600 empregos directos e moitos máis indirectos. Porén, dende o Goberno galego non se artellaron solucións e dende o propio consello regulador reaccionouse con lentitude.
O problema coñécese dende hai varios meses. Porén, o Goberno galego aínda anuncia agora as primeiras axudas e o propio consello regulador reaccionou con lentitude
Os produtores iniciaron mobilizacións hai varias semanas para esixir da Xunta axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva e, ademais, a creación dunha mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes, xa que este non é unha problemática conxuntural. O Sindicato Labrego Galego lembra que outros territorios afectados pola crise do viño tinto, como A Rioxa, puxeron en marcha xa no mes de xullo un programa de axudas aos produtores para compensalos pola uva non recollida -cando menos para cubrir os custos de produción que tiveron ao longo do ano- e para asegurar a súa continuidade.
Na Ribeira Sacra estamos ante un contexto particular, polas dificultades que ofrece o terreo, con maiores custos por hectárea e a importancia que os viñedos cultivados nas súas ladeiras teñen para a definición da paisaxe, que aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO
Na Ribeira Sacra estamos ante un contexto moi particular, en primeiro lugar polas dificultades engadidas que ofrece o terreo (a viticultura heroica realizada en socalcos), con maiores custos por hectárea. Tamén por existir unha estrutura moi fragmentada de pequenos viticultores e, ademais, un número relativamente reducido de adegas que lles mercan o produto. Algunha delas xa acordou mercar a uva só a algúns produtores, outra decidiu adquirir un 20% menos de todos os seus proveedores.
A outra característica específica da produción de viño na Ribeira Sacra é a importancia que os viñedos cultivados nas súas ladeiras teñen para a definición da paisaxe típica desta zona -que aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO- e para a conservación do medio. Se non é rendible producir uva nestes lugares, moitos viñedos poderían ser abandonados.
Ademais das axudas directas aos produtores, están sobre a mesa outras propostas inmediatas, como a destilación do excedente para obter alcol de viño, e outras de medio e longo prazo, como a conversión das actuais producións de viño tinto en viño branco, con mellor saída comercial
A comezos de setembro o Goberno galego prometeu aos produtores que ía poñer en marcha axudas por un valor de dous millóns de euros co obxectivo de manter o paisaxe e outros incentivos para aliviar o excedente das adegas, apoiando por exemplo a destilación de crise do viño. Porén, tres semanas despois as palabras aínda non se converteron en feitos, aínda que este pasado venres Medio Rural avanzaba que será o 1 de outubro cando publique esas axudas á destilación cunha dotación de medio millón de euros para financiar achegas de 1,05 euros por litro de viño destilado.
Ademais das axudas directas aos produtores para compensar o custo do traballo realizado no último ano nos viñedos, sobre a mesa están posibles solucións a medio prazo para dar continuidade a esta forma de vida. Algunhas máis inmediatas, como son a destilación do excedente para obter alcol de viño, e outras de medio e longo prazo, como a conversión das actuais producións de viño tinto en viño branco, con mellor saída comercial. Tamén se reclaman mellorar os circuítos de comercialización en todo o planeta do viño galego -moi recoñecido polos críticos- para así dar saída tamén ás producións de tinto.
"Non pode ser que a un mes da vendima che diga que non che recollen a uva, están xogando co futuro de moita xente e co traballo", di Goretti, produtora de Pantón
De momento, os produtores continúan coas súas mobilizacións ao berro de "a xente non vendima, isto é unha ruína", ao tempo que en moitos lugares destas comarcas se poden ver carteis que anuncian "véndese uva", para poder dar saída ás producións que non foron adquiridas polas adegas. O Sindicato Labrego Galego puxo en marcha unha campaña de difusión que inclúe a colocación de faixas de protesta en distintos lugares para denunciar "a ausencia total de medidas reais de apoio ás viticultoras e viticultores por parte da Xunta" e a publicación de vídeos nos que produtores e produtoras explican a súa situación.
É o caso de Goretti, viticultora de Pantón de 43 anos, que destaca que "é unha pena que todo o esforzo que puxemos no viñedo, con todos os traballos de poda, ata e refolla e os sulfatos, que non son nada baratos" estean agora en risco. "Non pode ser que a un mes da vendima che diga que non che recollen a uva, están xogando co futuro de moita xente e co traballo", di. Goretti engade que "agora parece que todo o mundo quere vir para o rural, pero o rural non é vou, tomo un café e xa queda todo feito; hai que loitas todos os días e é un traballo moi continuado para que despois en dous días che boten todo abaixo".
"Se queremos preservar isto e se queremos ser Patrimonio da Humanidade, deberíamos mirar un pouco pola xente do rural para que isto non quede abandonado e non sexa todo monte", di David, viticultor de Pantón
Pola súa banda, David, tamén viticultor de Pantón, di que "comecei nesta aventura no ano 2019 e semella que a aventura remata" e engade que "vémonos abocados a cambiar de oficio". "A Administración quere que a xente veña ao rural e viva do campo, o que aquí é inviable, porque aquí só se pode vivir do viñedo. E se disto non podemos vivir, pois acabará todo a monte". David reclama axudas da administración para poder subsistir a esta crise e poder competir en igualdade con outras denominacións de orixe -coma a da Rioxa- que si están a recibir axudas da administración.
O viticultor lembra os maiores custos de produción que ten a produción de uva na Ribeira Sacra e explica que "aquí, se metemos maquinaria, abarataríamos os custos de produción, pero claro, a paisaxe non sería a mesma". "Se queremos preservar isto e se queremos ser Patrimonio da Humanidade, deberíamos mirar un pouco pola xente do rural para que isto non quede abandonado e non sexa todo monte", conclúe.