A pasada fin de semana botou a andar a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, que agrupa a máis de 50 entidades veciñais, culturais, comunidades de montes e outros colectivos. O obxectivo é "ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra" e levar "a súa voz e opinión aos espazos de decisión que lles afectan", comezando pola mesa da Reserva da Biosfera, a Candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO, o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra ou os GDR.
A pasada fin de semana botou a andar a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, que agrupa a máis de 50 entidades veciñais, culturais, comunidades de montes e outros colectivos
A asemblea, que tivo lugar este sábado no castelo de Castro Caldelas, aprobou unha declaración pública de principios que se resumen en cinco puntos: patrimonio (in)material-lingua, territorio-paisaxe, participación, benestar-igualdade e un rural vivo. Estas liñas básicas, que se desenvolverán en mesas de traballo co fin de nutrir de iniciativas á Federación, presentáronse como "os puntos básicos que unen o tecido organizado na Ribeira Sacra". Os promotores da Federación cren que se nos vindeiros meses se sumarán máis colectivos pois hai outro medio cento de asociacións pendentes de ratificar a súa participación.
A unión fai a forza. A Federación destaca que coa unión e o traballo conxunto das distintas entidades existentes na comarca "a Administración está obrigada a escoitalos" porque "xa non se trata dun colectivo individual dun concello concreto; aquí traemos a voz e a representación de numerosos colectivos con actividades e iniciativas coas cales contribuír a unha mellora da vida no territorio".
O obxectivo é "ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra" e levar "a súa voz e opinión aos espazos de decisión que lles afectan"
Xurxo Martínez González, membro da directiva e vicepresidente da Asociación de Veciños/as de VIlachá de Salvadur, explica para Praza.gal que "a vontade de constituírnos como federación naceu dunha reflexión que varias entidades foran realizando e poñendo en común: que o feito de sermos asociacións pequeniñas, ás veces representando unha única parroquia, derivaba en que a administración non nos tiña en conta e nin sequera respondía ás nosas demandas". "Entón pensamos que unha forma de que a administración nos puidese atender era unirnos, de xeito que xa non fose o problema dunha parroquia, senón de toda a comarca e de todas as persoas que habitan este territorio", di.
"A función fundamental que temos é contribuír á mellora dos habitantes deste territorio e agora o que queremos é que a administración responda"
O obxectivo, explica, é que "os habitantes deste territorio sexan tidos en conta por parte da Administración, establecendo un diálogo directo e frutífero para todas as partes". "A función fundamental que temos é contribuír á mellora dos habitantes deste territorio e agora o que queremos é que a administración responda", subliña, destacando que "non imos sinalar a ningún partido ou administración, a composición da federación é completamente plural". Nos vindeiros meses a Federación presentará as súas reivindicacións e propostas aos distintos grupos políticos, á Xunta de Galicia e ás deputacións de Lugo e Ourense. Ademais, levará a cabo "reunións informativas nas distintas parroquias, que é onde está a xente".
"Haberá que preguntarlle á xente, non?"
A participación da cidadanía destas comarcas nas cuestións que lles afectan directamente é unha das claves que explica a creación desta entidade e, igualmente, constitúe unha das súas principais demandas. Neste senso, as asociacións que conforman a Federación reclaman "a necesidade de que o pobo participe e opine sobre diversas cuestións que condicionan e condicionarán a súa vida".
"Queremos participar e opinar nas mesas de traballo da Reserva da Biosfera e da Rede Natura, porque as comunidades de montes teñen moita importancia para a xestión deste territorio, e hai que saber cal é a súa importante e cales son as súas limitacións"
"Queremos participar e opinar nas mesas de traballo da Reserva da Biosfera e da Rede Natura, porque as comunidades de montes teñen moita importancia para a xestión deste territorio, e hai que saber cal é a súa importante e cales son as súas limitacións" explica neste senso Xurxo Martínez. "A sensación que temos é a mesma que hai cando dende Madrid se mira a Galicia. Pois aquí é o mesmo: Santiago mira dende lonxe á Ribeira Sacra, un sitio que está aí, e tenta xestionalo e ordenalo sen ter en conta as persoas que alí viven. Haberá que preguntarlle á xente como vive, non?", di.
Neste proceso xoga un papel moi destacado os problemas xurdidos a partir da candidatura da Ribeira Sacra para ser considerada Patrimonio Mundial pola UNESCO. "Moitas persoas que habitan este territorio non se senten identificadas coa candidatura, porque nin se lles informa nin se ten en conta a súa opinión. No Consello de Parroquias non puideron participar todas as parroquias, incumprindo a demanda da UNESCO de que este consello fose un órgano de participación social", denuncia Xurxo Martínez. "Queremos interconectar ao movemento de base, coñecernos e compartir experiencias que sexan aproveitables para outras parroquias. Hai moitos traballos que son un exemplo", engade.
"Moitas persoas que habitan este territorio non se senten identificadas coa candidatura da UNESCO, porque nin se lles informa nin se ten en conta a súa opinión"
Outros problemas que xurdiron tiñan relación con sancións impostas pola aplicación de lexislacións máis estritas ligadas á inclusión de territorios na Rede Natura ou na Reserva da Biosfera "e que prexudican a persoas que sempre traballaron estas terras", sinala. "Iso leva a que moita xente se pregunte: que beneficio me reporta a min que se nomee a Ribeira Sacra Reserva da Biosfera ou Patrimonio da Humanidade?", engade.
Servizos básicos
"Ás veces faise un grande investimento en construír corenta miradoiros sobre a Ribeira Sacra e se cadra hai que avaliar se isto é necesario, ou se os habitantes destas comarcas teñen outras prioridades"
Como sucede en boa parte da Galicia rural, a reclamación de servizos de calidade está moi presente, dende unhas comunicacións axeitadas, o acceso á sanidade ou ao ensino en condicións semellantes ás que ten a poboación urbana ou as conexións a internet e de teléfono a través do móbil, moi deficitarias neste territorio. "A Ribeira Sacra é un lugar que ten un certo potencial de asentamento de poboación grazas ao viño ou ao turismo. Pois facilitemos este asentamento. Pero para isto necesitamos un nivel mínimo de servizos", di.
"Necesitamos mellores comunicacións por estrada, servizos públicos básicos (por exemplo un pediatra de Urxencia no Hospital de Monforte), modernización das tecnoloxías...", enumera Xurxo Martínez, que critica que "ás veces faise un grande investimento en construír corenta miradoiros sobre a Ribeira Sacra e se cadra hai que avaliar se isto é necesario, ou se os habitantes destas comarcas teñen outras prioridades".
"Nós non estamos en contra do turismo, todo o contrario, de feito na federación hai persoas que son propietarios de casas rurais. Pero o que non se pode facer é o que pasou en San Pedro de Rocas"
Neste senso, nas xuntanzas tratouse a necesidade de "harmonizar o turismo", para avanzar cara a un turismo sostible. "Nós non estamos en contra do turismo, todo o contrario, de feito na federación hai persoas que son propietarios de casas rurais. Pero o que non se pode facer é o que pasou en San Pedro de Rocas", destaca Xurxo Martínez, en relación aos estragos provocados pola ampliación dunha estrada para facilitar o paso dos autobuses turísticos.
Fai fincapé, igualmente, na mellora das telecomunicacións, en especial a conexión a Internet. "Hai moita xente que non ten nin acceso a Internet", denuncia. "Agora pódese aproveitar o teletraballo para atraer ou fixar poboación nas aldeas que antes estaba obrigada a traballar nas cidades, pero para iso hai que ter unha calidade mínima de conexión", di, sinalando que por exemplo "na miña aldea non hai cobertura de móbil nin de Internet, cando poñer un poste de repetición custa uns poucos miles de euros".
Un proceso de varios meses
"Necesitamos mellores comunicacións por estrada, servizos públicos básicos (por exemplo un pediatra de Urxencia no Hospital de Monforte), modernización das tecnoloxías..."
A constitución da Federación completa un proceso, desenvolvido nos últimos meses, no que a través de sucesivos contactos e encontros as entidades promotoras foron debatendo as necesidades e demandas da poboación da comarca. Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) ou Tuiriz (Pantón) acolleron algunha destas xuntanzas.
A nova directiva, escollida por unanimidade, intégrana a presidenta Natalia Figueiras (Salvemos Rochas, do concello de Esgos), o vicepresidente Alfonso Campos (da asociación Proencia, de Sober), o secretario Lucas Vázquez (de Segredos de Pantón), o tesoureiro Xurxo Martínez González (da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón), e os vogais Anton Fente (Chantada), Alexandre Varela (Taboada), Mercedes Martínez (A Teixeira), José (Castro Caldelas) e Lorena Álvarez (Pantón).