"Sen memoria ou mobilizacións non hai avances": as rúas galegas reivindican o Orgullo

Cabeceira da manifestación do Orgullo na Coruña © ALAS A Coruña

“Reivindicamos un Orgullo comunitario, feito desde abaixo: Cultura cuir, divulgación, educación en diversidade, visibilidade das realidades trans, racializadas, migrantes e non normativas. Porque, sen memoria ou mobilización, non pode haber avance”, salienta a asociación ALAS A Coruña no seu manifesto deste Orgullo 2025.

“Non podemos permitir que o Orgullo sexa tratado como unha festa cando a nosa comunidade aínda está a sufrir violencia e discriminación e, por enriba de todo, non podemos permitir que sexa unicamente unha oportunidade de negocio para uns poucos, que acadan beneficios de xeito pouco ético e transparente, a costa dos fondos públicos. Unha festa sen reivindicación non é un orgullo, é só un festival. Por todo iso, exiximos que eses recursos públicos sexan destinados a poñer en marcha políticas públicas que protexan e empoderen ás comunidades máis vulnerables, como é a nosa”, agregan desde o colectivo coruñés, que convocou a manifestación este sábado baixo o lema 20 anos avanzando en dereitos: Alén das grandes cidades.

Celebracións do Orgullo en Ames este sábado CC-BY-SA Concello de Ames

Ademais da manifestación da Coruña, Avante LGBT+ convocou este sábado mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ferrol. O colectivo decidiu homenaxear en Compostela ao artista Xosé Vizoso, finado este ano. Olivia Meijide deseñou o cartaz da asociación representando as dúas Marías, as irmás Fandiño Ricart. 

O Orgullo deste ano está marcado polo vixésimo aniversario da aprobación polo Congreso dos Deputados da reforma do Código Civil que eliminou a prohibición de casar entre persoas do mesmo sexo.

En Ames tamén se reuniron este sábado polo Día do Orgullo e a corporación municipal deu lectura a un manifesto co foco en que “no ano 2025 intensificouse notablemente a violencia e o odio contra a comunidade LGTBIQ+ en España, cunha crecente normalización de discursos discriminatorios que se traducen en agresións concretas. As cifras evidencian a urxencia dunha actuación institucional e social para protexer este colectivo e garantir unha convivencia libre de odio”.

Ademais entregóuselle o premio á gañadora do concurso fotográfico LGBT, que se enmarca na campaña municipal Ames a quen ames faino con orgullo, que foi para Paula Castiñeira Olveira, veciña do Milladoiro. Durante a mañá do sábado houbo obradoiros de pintura de bolsas e pedras, talleres de pulseiras e para elaborar espetadas de lambonadas. 

Fotografía de Paula Castiñeira Olveira gañadora do concurso 'Ames a quen ames faino con orgullo' do Concello de Ames © Paula Castiñeira Olveira

Ribeira celebrou o Día do Orgullo cun acto institucional cos membros da corporación municipal e representantes de asociacións locais; as Amas de Casa, Mulleres en Acción, Renacer, Cruz Vermella e a Cofradía da Dorna. O pregoeiro deste ano, Rafa Moraña, repasou a súa infancia na vila do Barbanza como un neno xordo. Moraña invitou a reflexionar sobre o que significa para unha persoa con xordeira estar dentro do colectivo LGBT na súa vida cotiá e salientou que unha das vantaxes é que están á marxe dos discursos de odio, da falta de empatía e de respecto que viven as persoas oíntes. 

En Soutomaior iniciaron o Día do Orgullo cunha andaina na que participaron máis de 50 persoas e que saíu do peirao, continuando pola Illa de Medal, Salinas do Ulló para rematar de novo no punto de inicio onde as persoas
participantes puideron desfrutar dun Mari Picnic. O Concello de Soutomaior organizou toda unha xornada de convivio na Carballeda do peirao de Arcade que rematou coa música en directo de Meiga-I e The Tetas' Van

Pancarta de Galiza Nova nunha das manifestacións do Orgullo deste sábado CC-BY-SA Galiza Nova
Remate en María Pita da mobilización do Orgullo na Coruña © ALAS A Coruña
Lectura do manifesto polo Orgullo no Concello de Barreiros (Lugo) CC-BY-SA Concello de Barreiros
Obradoiro de música e danza polo Orgullo en Soutomaior CC-BY-SA Concello de Soutomaior
Cartaz de Olivia Meijide para o Orgullo, inspirado na obra de Xosé Vizoso © Olivia Meijide/Avante LGBTQ+

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.