Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é o primeiro artista vivo ao que se reivindica no Día da Ilustración, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) que se celebra cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao. A homenaxe deste ano permite achegarse á prolífica traxectoria de Vizoso, que foi do deseño gráfico á ilustración, pasando pola escultura, a escenografía teatral, o cartelismo, a ilustración de libros, os murais ou as caricaturas.
Vizoso é o primeiro protagonista vivo do Día da Ilustración. A súa prolífica traxectoria vai do deseño gráfico á escultura, a escenografía ou o cartelismo
A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Na súa etapa como deseñador e ceramista en Sargadelos marca un fito no imaxinario da fábrica de cerámicas. "Todas as pezas tiñan un porqué e unha información que as explicaba, de onde procedían e o que tentaban comunicar. Non había nada feito por azar, por iso creo que ten un valor grande", afirmou Vizoso, que considera a Isaac Díaz Pardo o seu segundo mestre. O primeiro foi escultor valenciano Puchades, o seu profesor de debuxo no Bacharelato.
A celebración vén acompañada pola mostra 'Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo' na Biblioteca de Galicia
A celebración do Día da Ilustración vén acompañada pola mostra Xosé Vizoso: o neno que debuxou un cabalo, que se inaugura este xoves na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, onde permanecerá accesible ata o 12 de maio. A exposición traza unha panorámica da carreira artística do mindoniense, con predominio de fondos bibliográficos pero tamén a presenza de carteis, debuxos inéditos, tipografías ou deseños que realizou para Sargadelos, segundo avanza o ilustrador Alberto Guitián, que traballou man a man con Vizoso para esta retrospectiva.
A rede de bibliotecas públicas do país está a acoller diversos obradoiros para nenas e nenos de diferentes idades relacionadas co debuxo e a creación plástica, como é habitual cada ano. Ademais, tres ilustradoras socias da AGPI interpretan o universo gráfico de Xosé Vizoso desde a súa visión persoal: Abi Castillo, Carlos Arrojo e Julia Abalde crearon unha obra orixinal para conmemorar o traballo do artista homenaxeado este 30 de xaneiro.
Ata o 29 de marzo tamén se pode visitar no Pazo de San Marcos de Lugo a mostra Universo Vizoso, que reúne preto dun centenar de carteis e ilustracións do artista mindoniense seleccionados polo comisario da exposición, Aser Álvarez, para amosar a súa evolución creativa, alén da súa traxectoria en Sargadelos. Ademais dos seus traballos, nesta exhibición apoiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo poden verse unha trintena de fotografías do álbum persoal de Xosé Vizoso.
"Quixen retratalo co seu gran bigote, rodeado dos cabalos que forman parte da figura e no momento da súa creación, cun lapis na man, que, como el ben apunta, sostén desde que naceu", conta a viguesa Abi Castillo, que se inspirou no icónico deseño das San Lucas que realizou Vizoso para Sargadelos.
A feira das San Lucas de Mondoñedo tamén inspirou a coruñesa Julia Abalde co seu deseño: "Nesta obra quixen conectar a orixe de Xosé Vizoso, un rapaz que medrou no Mondoñedo dos anos cincuenta do século pasado, coa súa obra posterior, chea de forza visual e modernidade formal, pero sempre arraigada no sentir do rural galego. Escollín a feira de San Lucas, na que xa de cativo gozaba debuxando cabalos e para a que como artista deseñou múltiples carteis. A idea é mostrar como, a través do seu trazo, enche de cor e de dinamismo, condensando toda a forza dunha escena aparentemente humilde".
"Escollín un dos seus temas máis recorrentes, o gaiteiro; concretamente, unha das súas obras en que se retrata vestido como tal e rodeado de natureza. A partir desta obra, fixen unha reinterpretación desde o meu estilo, simplificando a figura e os motivos a través da síntese xeométrica que adoito empregar nos meus traballos", explica sobre a súa obra o coruñés Carlos Arrojo.
O Consello da Cultura Galega súmase á celebración compartindo o fondo Colección de Carteis da Queimada Popular de Cervo
O Consello da Cultura Galega súmase á celebración compartindo na rede o fondo Colección de Carteis da Queimada Popular de Cervo. Trátase de 27 carteis deseñados por Xosé Vizoso nos que se pode ver a súa evolución como deseñador, é unha boa mostra do seu recoñecible estilo.
Os carteis celebran a compoñente lúdica e máxica coa que se construíu o ritual da queimada na Galicia contemporánea. O fondo é propiedade da entidade Asociación cultural Airiños do Xunco, organizadora da Queimada Popular de Cervo, unha festa arrincou en 1974 e que dende 1994 conta con Xosé Vizoso como autor dos carteis de cada edición. No sitio web do CCG pódese consultar tamén un artigo contextualizador do docente e dramaturgo Francisco Piñeiro no que explica a historia e organización desta celebración.
"Unha das cousas que se pretenden con este tipo de efemérides é sorprender a xente, incluso a quen nos dedicamos á ilustración. A min sorprendeume moito recoñecer tanto a súa cartelaría, ter imaxes e estilos tan gravados no cerebro e decatarme de que eran todos de Vizoso. O mural do Banquete de Conxo ou as billas de cervexa de Estrella Galicia xa sabía que eran del, pero cando vas conectando todo o que ten feito sorprende", sinala Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
"Historicamente se lle deu menos importancia pola tendencia a ver a ilustración como algo decorativo, e a xente non acaba de asociar que é unha linguaxe propia", di a presidenta de AGPI
Laura Romero apunta que queda moito por facer no recoñecemento social das ilustradoras e ilustradores, mesmo de figuras que configuran o noso imaxinario cultural como é Xosé Vizoso a través das súas múltiples facetas como creador, falta darlle valor. "Se o comparamos co peso que pode ter unha escritora ou un escritor –sobre todo o escritor– aínda queda moito por facer para que a autoría dunha ilustradora ou ilustrador sexa ben recoñecida. Historicamente se lle deu menos importancia pola tendencia a ver a ilustración como algo decorativo, e a xente non acaba de asociar que é unha linguaxe propia, é unha maneira contar igual que fan os poetas, os músicos ou as actrices de teatro. Por iso é tan necesario celebrar o Día da Ilustración", debulla a ilustradora e música.
Todo o que nos entra polo ollo ten cada vez máis poder na nosa sociedade, incluso cando sucede sen que sexamos conscientes. Houbo quen anticipou que no século XXI a ilustración sería protagonista. Agora o risco está na automatización da Intelixencia Artificial. "Temos moitas loitas enriba coa IA e tócanos dar a coñecer a ilustración como profesión, pero sobre todo como linguaxe propia para contar. Estamos nun momento no que temos que pedirlle á xente que lle dea valor ás cousas que fai un humano. Recoñecemos o traballo de Vizoso porque ten a súa maneira de contar, non é que a IA tería feito o traballo de maneira distinta, é que outra persoa tamén o tería levado ao seu terreo e o resultado sería distinto. Para Vizoso os cabalos tiñan un significado moi especial, os carteis da feira da San Lucas non poderían ser como son sen el", destaca Laura Romero.