A debuxante e música Laura Romero vén de gañar o primeiro premio do encontro Compostela Ilustrada, un evento que xuntou en Santiago, durante catro días, douscentos ilustradores e ilustradoras chegados desde distintos puntos da Península Ibérica para que intercambiasen experiencias a través de conferencias, exposicións e xornadas de debuxo ao vivo. A temática central da que foi a terceira edición deste encontro, dirixido por Miguelanxo Prado, foi a natureza urbana.
Así, os participantes convidados saíron ás rúas para debuxar espazos como a Alameda, o parque de San Domingos de Bonaval, o Xardín das Pedras que Falan, a Finca do Espiño, o Parque da Música ou o parque de Belvís. Laura Romero foi unha das concursantes do premio Compostela Ilustrada, que segundo a organización tivo como obxectivo atopar unha obra que reflectise "a esencia da cidade nunha imaxe daquilo que pasa de súpeto ante os nosos ollos, e que, precisamente por estar alí, o/a debuxante pode plasmar no seu caderno". E iso fixo esta artista, que se fixou en dúas mulleres que tomaban algo tranquilas nunha terraza nos soportais da Rúa do Vilar no medio dunha grande treboada.
'A Quenlla Madrugadora', de 'Pakolas'
Gañaches o premio de Compostela Ilustrada por un debuxo dos soportais da Rúa do Vilar. Como foi a experiencia?
Era a terceira vez que me apuntaba a Compostela Ilustrada. O bonito que ten este encontro é que vén xente de toda España, de Portugal… Da Rúa do Vilar chaman moito a atención os soportais, e é normal. Pero eu xa estou afeita a velos. O que me chamou a atención foron dúas mulleres que estaban alí nunha terraza tomando algo tranquilamente, co temporal que había aquel día. Foi o que me chocou. Por iso elas son o centro do debuxo: onde hai cores máis vivas…
“O que me chamou a atención foron dúas mulleres que estaban alí nunha terraza tomando algo tranquilamente, co temporal que había aquel día”
O “urban sketching” -debuxo urbano- é o que máis che gusta facer. En que consiste? Cal é a diferenza con, por exemplo, unha pintora que sae co cabalete pintar a Praza da Quintana?
O que eu lle vexo de especial é que é algo que se fai no momento e no lugar no que estás. As persoas que fan debuxo urbano levan enriba, normalmente, un caderno e algo co que debuxar. Non saben o que van debuxar, porque consiste en pararse a debuxar o que che chama a atención, o que te encontras. Eu estudei Belas Artes. Fixen a especialidade de pintura. E o que atopei no debuxo urbano é unha inmediatez que doutra maneira non podía ter.
Cartel para un concurso escolar de BD
“Non hai que ser pintora para facer debuxo urbano.”
Non é o mesmo que facer unha ilustración no teu taller, con todo premeditado: o concepto, os materiais… De todas maneiras, non hai que ser pintora para facer debuxo urbano. A maioría da xente que coñezo que o fai dedícase á arquitectura. E si ten algo que ver, por exemplo, co que facían os impresionistas. Pero eles saían preparados co seu cabalete, o seu lenzo, os seus óleos, para captar unha imaxe. No debuxo urbano, pintas o que vas encontrando. Nunca sabes o que vai ser.
Fixeches debuxo urbano no festival Portamérica. O que fas é, no lugar de fotos, debuxos: a xente nos concertos…
Si, eramos catro debuxantes que estivemos en días distintos. Dicíannos que había que facer un debuxo polo menos de cada tipo de actividade: os concertos, o mercado, a área gastronómica… Estivo ben. Había xente que se achegaba a ver que estabamos facendo…
“Empecei a facer unha listaxe de mulleres músicas que eu ía coñecendo”
O teu proxecto Músicas Galegas Ilustradas forma parte de O galego, a miña lingua propia da Deputación da Coruña e foi finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de mellor medio de comunicación. En que consiste? Cal é o seu obxectivo?
O obxectivo principal é reivindicar o papel das mulleres músicas que se moven nos escenarios dos festivais e salas de concertos de Galicia. Comecei a interesarme porque son baixista do grupo Zënzar e eu vía, nos festivais e nas salas, que había poucas mulleres músicas. Ás veces era eu soa, outras eramos dúas ou tres… E comecei a preguntarme, somos tan poucas, ou vésenos menos?
"Un día comecei a facer reconto e despois a facer gráficos, que é a maneira máis clara de que se vexa cal é a situación"
Entón empecei a facer unha listaxe de mulleres músicas que eu ía coñecendo. E despois decidín xuntar iso coa miña profesión de debuxante, facendo ilustracións destas mulleres. Neste caso é debuxo dixital, porque tiña que ser algo que fixese en non moitísimo tempo e que fose fácil de compartir. Agora teño xa 120. Despois fun investigando en músicas doutros estilos, coas que non coincido en festivais e salas.
Cos datos que tiñas, comezaches a facer gráficos que son moi elocuentes. De presenza de homes e mulleres músicos.
Si, para iso comecei tamén a mirar carteis dos principais festivais, ou polo menos dos que están máis publicitados. Un día comecei a facer reconto e despois a facer gráficos, que é a maneira máis clara de que se vexa cal é a situación. E tamén era unha maneira de responder aquela pregunta que eu me facía, e de deixar ver que o que eu pensaba non era só unha idea miña. Era a verdade.
Debuxo gañador do 'Compostela Ilustrada'
Es baixista, xa o comentaches, en Zënzar, banda veterana do rock galego que, aínda que si ten colaborado con mulleres, nunca antes tivera unha muller como membro. Como te convenceron?
Eu non os coñecía persoalmente e non podo dicirche moi ben como foi, pero penso que foi polo boca a boca como deron comigo. Eu vía a Zënzar nos festivais cando tiña 15 anos. E non creo que eles me visen tocar a min, porque non dan as contas: eu tivera un grupo cando estaba estudando en Salamanca, e despois tiven outro, pero tampouco tivo moita repercusión. Cando me chamaron eu estaba un pouco de baixón: no debuxo, na música e en todo o meu traballo artístico. Pero ao comezar con eles volvín coller o baixo.
“Eu vía a Zënzar nos festivais cando tiña 15 anos”
Penso que, cando buscaban un baixo, foron preguntando entre coñecidos. Bocixa falou cunha rapaza que toca o baixo, que non puido incorporarse ao grupo. E ela, que me coñecía a min, faloulles de min. Penso que Boci pensou que estaría ben que entrase unha muller no grupo… Chamáronme, fixéronme unha proba e e así foi.
Pero ti comezaras a tocar o baixo de moi nova, non si?
Eu son debuxante. Non me consideraba música. Levaba moitos anos tocando, pero non empecei a tomalo en serio, no sentido de ter un profesor particular, ata hai un ano. Cando tiña uns 14 ou 15 anos meu tío agasallárame unha guitarra clásica. Despois tiven un profesor na escola de música de Ordes que me emprestou un baixo. Funme viciando, comprei o meu propio baixo, e así comecei, pero era de forma autodidacta. Ata que entrei en Zënzar, en febreiro do 2016, e entón, claro, comecei a dedicarlle moito tempo ao baixo. Estou ademais na banda da compositora MJ Pérez.
Lucía Aldao e María Lado, Sés e xente debuxando no Hostal dos Reis Católicos -Debuxo do caderno de Laura-
O libro que tes como ilustradora é Pakolas, libro-disco de Paco Cerdeira, (Pakolas), que é membro de Zënzar e da banda Gramola Gominola. Tedes ademais un espectáculo no que debuxas “en directo”...
Pakolas é o proxecto en solitario de Paco Cerdeira. Eu ilustreino, pero realmente é un proxecto de Paco. O que é máis conxunto é o espectáculo, no que el canta e toca e eu fago debuxos de cada canción. Está moi ben: os nenos non saben onde mirar… Ademais decidimos que fose á maneira clásica, con cabalete, lenzo e pinceis.
O proxecto Músicas Galegas Iustradas e, supoño que, dalgunha maneira, toda a túa obra, teñen que ver coa túa formación feminista. Tiveches a Rosa Cobo como docente, por exemplo, no Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña.
Na Facultade non foi ata non sei se cuarto ou quinto curso cando comezamos a estudar con algo máis de detalle a arte feminista. E despois tamén no Máster en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, que fixen en Pontevedra, no que xa había docentes e artistas feministas. E supoño que o feminismo é, si, algo que sempre está aí no que fago, e non só na miña faceta artística. En Músicas Galegas Ilustradas teño claro que é un traballo de visibilización que fai falta. Porque parece que as mulleres non contamos na música. Nin en nada. Podía facelo tamén de científicas, por exemplo.
"Parece que as mulleres non contamos na música"
Na túa páxina web dis que fas un debuxo de figuración realista. Pero non sempre. Nótase por exemplo na túa ilustración para cartelería.
Eu sempre tiven a sensación de facer cousas distintas. Como che contaba, un tipo de ilustración dixital máis rápido, outro tipo de debuxo que tira máis á mancha, outro que é máis de liña… Pero o que me di a xente é que fago figuración realista, que ese é o nexo. Agora mesmo o que penso é que, ao centrarme máis no debuxo urbano, o que fago ten máis que ver co sketch, co boceto, cun debuxo máis rápido…
A Arca da Noe, en Vilar de Santos, Ourense
"Eu sempre tiven a sensación de facer cousas distintas"
Tamén es ilustradora. Tes retratos de mulleres coma María Victoria Moreno, ilustracións de tendas antigas que poden achegarse máis ao debuxo urbano, carteis de festivais…
Esa parte é a que teño agora máis esquecida, porque como che dixen estou a centrarme máis no debuxo urbano. O único libro que teño como ilustradora é o de Pakolas. Nos últimos meses estiven traballando en logos, pero o que fago é en calquera caso máis debuxo que ilustración. Mais os proxectos que teño agora son máis de debuxo urbano. A ilustración é máis puntual.
"Non fai falta ser Picasso para facer debuxo urbano"
Tamén dás aulas e obradoiros…
Teño un obradoiro para alumnado de ESO sobre as mulleres na música galega, integrado no proxecto do Músicas Galegas Ilustradas. Do que se trata é de falarlles diso, das músicas galegas, para que teñan referentes, que é o que eu non tiven, porque a min ninguén me explicara que había tal baixista ou tal o que fose.
Utilizo o debuxo, o audiovisual…, e fálolles de mulleres que fan música combativa coma Josefa de Bastavales ou Mercedes Peón… Tamén estou a dar no centro sociocultural da Almáciga un curso de iniciación ao debuxo urbano. Fálolles do que a min me achegou, do que debe ser… E dígolles que non fai falta ser Picasso para facer debuxo urbano. O importante é debuxar, e non tanto facelo ben.