María Antonia Dans protagoniza o 'Día da Ilustración', que lembra o nacemento de Castelao

Cartel da edición 2023 do Día da Ilustración, realizado por Siro © AGPI/Siro

Dende o ano 2014 vén celebrándose cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración en Galicia, unha iniciativa da Consellaría de Cultura e da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) que conmemora o aniversario do nacemento de Castelao (o 29 de xaneiro) e que dende 2017 homenaxea cada ano un ou unha profesional da historia da ilustración galega "que merece ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores".

Cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración lembra o aniversario do nacemento de Castelao e homenaxea unha figura destacada da historia do sector en Galicia. Nesta ocasión, recoñécese a María Antonia Dans

Nesta ocasión a figura homenaxeada é a de María Antonia Dans, ilustradora nacida en Oza en 1922 que iniciou a súa formación na academia de Lolita Díaz Baliño (homenaxeada no Día da Ilustración do ano 2021) e que xa nos anos 50 se trasladou a Madrid, onde residiu ata a súa morte en 1988. Na súa traxectoria expuxo en localidades de toda España e en moitos países, e obtivo multitude de recoñecementos, como a medalla da Cidade de París. E na capital do Estado asistiu ás reunións de literatos do Café Gijón e fixo amizade con Carmen Laforet, Antonio Mingote, Francisco Umbral ou Camilo José Cela.

Dúas ilustracións de María Antonia Dans © AGPI

Como ilustradora, estendeu ao papel impreso o seu característico emprego da cor e o seu estilo neoexpresionista combinando medios como a tinta e a acuarela ou as ceras

Dans colaborou como ilustradora con diversas publicacións, como as revistas Familia Española e Tiempos Nuevos e o xornal Pueblo; no diario Abc ilustrou en 1958 o conto La tata, para Carmen Martín Gaite. Fixo tamén ilustración infantil e xuvenil para editoriais como Doncel, Editora Nacional ou Susaeta. Ilustrou, ademais, ensaios e obras de divulgación para a Editorial Everest, como Galicia, una cultura de occidente, de Otero Pedrayo (1982) 

Tamén realizou deseños para pezas téxtiles para a empresa de decoración Gastón y Daniela. Como ilustradora, estendeu ao papel impreso o seu característico emprego da cor e o seu estilo neoexpresionista combinando medios como a tinta e a acuarela ou as ceras. A súa pintura, ás veces cualificada de "naíf" está emparentada cos modos de bordado popular. As súas paisaxes son elementais, con algo de mosaico. As faenas do campo e o mundo do mar son temas habituais nas súas obras.

Todos os anos un ilustrador ou ilustradora en activo recibe o encargo de realizar o cartel da edición, que nesta ocasión foi obra de Siro

No Día da ilustración adoitan realizarse un gran número de actividades nas bibliotecas do país, moitas delas centradas na figura homenaxeada e outras ao redor doutros ilustradores e ilustradoras. A máis importante é a exposición sobre María Antonia Dans que este luns 30 de xaneiro se inaugura na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, e que poderá visitarse ata o vindeiro 12 de maio. 

Así mesmo, todos os anos un ilustrador ou ilustradora en activo recibe o encargo de realizar o cartel da edición, que nesta ocasión foi obra de Siro, un histórico da profesión, dedicado dende os anos 70 ao humorismo gráfico e á caricatura.

Cartel da edición 2023 do Día da Ilustración, realizado por Siro © AGPI/Siro

A AGPI organiza o acto central da xornada, coa charla 'María Antonia Dans, creadora e muller comprometida', a cargo de Rosario Sarmiento

Ademais, este luns a AGPI organiza o acto central da xornada, coa charla 'María Antonia Dans, creadora e muller comprometida', a cargo de Rosario Sarmiento, nunha sesión que comezará ás 10.20 horas da mañá na sede compostelá de Afundación e que presentará Neves Rodríguez. 

A seguir, ás 12.30 horas, haberá unha charla a dúas bandas entre dous grandes autores de dúas xeracións distintas: David Pintor e Bea Gregores, onde falarán da súa obra e dos seus diferentes puntos de vista sobre o oficio da ilustración. 

Aida Alonso, Xoana Almar (Cestola na Cachola) e Jano amosan nestas ilustración a súa visión sobre María Antonia Dans

O resto da programación do Día da Ilustración pode consultarse na web do evento e abrangue mostras bibliográficas, exposicións, obradoiros e charlas.

Finalmente, a AGPI tamén adoita convidar a outros ilustradores e ilustradoras actuais a achegar as súas visións persoais sobre a figura homenaxeada. Este ano Aida Alonso, Xoana Almar (Cestola na Cachola) e Jano realizaron especialmente para a ocasión tres ilustracións sobre María Antonia Dans.

Ilustración de Aida Alonso dedicada a María Antonia Dans © Agpi/Aida Alonso
Ilustración de Xoana Almar (Cestola na Cachola) dedicada a María Antonia Dans © Agpi/Xoana Almar
Ilustración de Jano dedicada a María Antonia Dans © Agpi/Jano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.