Unha ducia de ilustracións de Lolita Díaz Baliño
Este sábado 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, que como é habitual coincide co aniversario do nacemento de Castelao. Dende hai anos o evento, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Consellería de Cultura, homenaxea a un ilustrador histórico galego. Nesta ocasión a escollida foi Lolita Díaz Baliño, pintora e profesora que se converteu na primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes
-
01
Lolita Díaz Baliño
María Dolores Díaz Baliño naceu na Coruña en 1905 e finaou na mesma cidade en 1963. Nacida nunha familias de artistas, foi unha pioneira autora multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época, destacando dende moi nova na pintuta e na fotografía.
-
02
Primeira muller homenaxeada
Trátase da primeira vez que esta conmemoración homenaxea a unha ilustradora histórica galega. Nos últimos anos Cándido Fernández Mazas, Federico Ribas Montenegro, Camilo Díaz Baliño ou Álvaro Cebreiro recibiron este recoñecemento. Lolita Díaz Baliño era a irmá pequena de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo.
[Retrato de Lolita Díaz Baliño en 'Vida Gallega' en 1929 ]
-
03
Ilustradora en Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga
Traballou moito como ilustradora en varias publicacións, como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga, amosando un estilo art déco sobrio e elegante, acorde coa moda propia do momento.
O seu traballo, recoñecido en 1929 cunha bolsa da Deputación da Coruña, foi exhibido en numerosas mostras, de entre as que destaca a Exposición de Artistas Femininas que inaugurou a Asociación de Artistas na Coruña en 1934.
[Ilustracións en 'Galicia Gráfica' en 1926 e 1929 ]
-
04
Exposicións
Antes, en 1926, con só 21 anos, xa participara nunha exposición colectiva organizada en Compostela co gallo das Festas do Apóstolo. Esta Exposición de Arte Galego buscaba exhibir "importantes obras os mais xeniais artistas da Rexión" e Lolita Díaz Baliño compartiu espazo con Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Lloréns, Carlos Sobrino, Castelao, María Corredoira ou Arturo Souto.
Máis adiante tamén participou na Exposición Nacional de Barcelona en 1942 e na Internacional de Belas Artes en 1960.
[Ilustración para a revista Céltiga]
-
05
Da fotografía á pintura
Da fotografía, que practicou dende nena, saltou á pintura, converténdose nunha virtuosa do debuxo e da acuarela
-
06
Influencia do rexionalismo
Tamén se achegou aos movementos rexionalistas no seu estilo, cunha combinación das súas liñas art déco con outras influencias. A clave dos seus debuxos e carteis foi sempre a muller, representando case sempre figuras fortes e decididas.
[Ilustración de Lolita Díaz Baliño publicada en La Voz de Galicia en 1934]
-
07
Creadora... e mestra
Ademais de como creadora, Lolita Díaz destaca polo seu traballo como profesora, labor que leva a cabo tanto na Escola de Artes e Oficios coruñesa como na súa academia particular. Foi, polo tanto, artista e formadora de artistas e polo seu estudio pasaron outras mulleres artistas como María Antonia Dans, Gloria de Llano ou Elena Fernández Gago.
En 1938 ingresou como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes, converténdose na primeira muller en facelo, xunto con Carmen Corredoyra.
[Ilustración para a portada da revista Céltiga en 1927]
-
08
Traballos coa editorial Nós
Traballou tamén coa editorial Nós, deixando fermosas portadas de libros como esta, para o poemario de Xulio Sigüenza 'Cantigas e verbas ao ar'
-
09
Traballos en publicidade
A súa actividade estendeuse tamén á publicidade comercial, cada vez máis presente nos medios de comunicación e no espazo público. Velaquí, un anuncio das Aguas de Incio, aínda que podemos atopar moitas outras creacións, como as que realizou para o viño Sansón.
-
10
Catro ilustradoras para homenaxear a Lolita Díaz Baliño
O Día da Ilustración, que conta cun cartel realizado por Manel Cráneo, inclúe tamén a publicación de catro ilustracións realizadas por outras tantas creadoras contemporáneas (Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero), que ofrecen a súa visión persoal de Lolita Díaz Baliño, mediante obras realizadas especialmente para a ocasión.
[Ilustración de Nuria Figueiredo, ceramista e ilustradora ourensá, vive e traballa en Pontevedra]
-
11
Abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois
"Lolita Díaz permaneceu incomprensiblemente esquecida durante moito tempo, a pesar de ser unha figura adiantada, que abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Finalmente comeza a recibir o recoñecemento que merece", destácase dende a organización do Día da Ilustración.
[Ilustración de Iria Ribadomar, debuxante e pintora cambadesa residente en Santiago de Compostela, onde fundou Deica! Creacións, un proxecto de ilustración e complementos arredor da cultura galega]
-
12
Exposición na Biblioteca de Galicia
A homenaxe inclúe a exposición 'Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista', que acolle a Sala de Exposicións da Biblioteca de Galicia (Monte Gaiás) do 30 de xaneiro ao 13 de maio de 2021. A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Díaz Balio que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
[Ilustración de Lidia Cao, que estudou ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña, e desde 2018 traballa como ilustradora e muralista]
-
13
'Lolita Díaz Baliño: A ilustradora dos soños'
Así mesmo, este venres 29 Rosario Sarmiento (especialista en xestión, crítica e estudo da arte contemporánea que dirixiu en 2018 o documental Arte + Muller + Galicia) ofreceu unha charla titulada 'Lolita Díaz Baliño: A ilustradora dos soños'. Presentada por Neves Rodríguez, foi retransmitida na web do Día da Ilustración, e mais na canle de Youtube e no Facebook da AGPI.
[Ilustración de Laura Romero, ilustradora, urban sketcher e música. É a creadora do proxecto de visibilización «Músicas galegas ilustradas», que comezou pouco despois de entrar como baixista na banda de rock Zënzar]