Este mércores 30 de xaneiro celébrase en Galicia, como todos os anos, o Día da Ilustración, coincidindo co coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao e organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Nesta ocasión está dedicado ao vigués Federico Ribas, innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. En anos anteriores Álvaro Cebreiro ou Camilo Díaz Baliño foron os homenaxeados.
Nos anos 20 era "o ilustrador máis cotizado de Madrid"
Nacido en Vigo en 1890, aos 18 anos marchou a Bos Aires e despois a París para desenvolver a súa vocación artística. En 1914 instálase en Madrid, onde o seu estilo galante causa sensación. Contrátao como director artístico a perfumaría Gal (Heno de Pravia), e dirixe tamén a axencia Veritas, fundada pola empresa. Segundo Luís Seoane, nos anos vinte era "o ilustrador máis cotizado de Madrid". Preside ademais a Unión de Dibujantes Españoles, precedente do asociacionismo profesional.
Foi un publicista prolífico e brillante e modernizou a imaxe do sector conserveiro galego
En Galicia tivo unha casa en Beluso (Bueu), pola que pasaron persoeiros como Maruja Mallo, Ksado ou Gaspar Massó, para cuxa conserveira tamén fai multitude de traballos publicitarios, elevando o cartel á categoría de arte. Publica ademais nos xornais Faro de Vigo e El Pueblo Gallego e na revista Vida Gallega. Segundo destaca AGPI, Ribas "tiña un talento especial para debuxar as mulleres e popularizou o modelo de muller moderna independente, vital e sempre divina. Foi un publicista prolífico e brillante e modernizou a imaxe do sector conserveiro galego".
O Golpe de Estado de xullo de 1936 sorpréndeo en Bueu. De ideoloxía republicana, marcha primeiro a Vigo cando ve que algúns amigos seus comezan a ser asasinados na vila e finalmente exíliase en Bos Aires, onde coincide con Castelao e Seoane, colaborando con este na denuncia grafica do terror franquista. Regresa a España en 1949 para morrer tres anos despois.
En 1936 exíliase en Bos Aires, colaborando con Seoane na denuncia grafica do terror franquista
A Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura este mércores a mostra Federico Ribas: As liñas da beleza, con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador. A exposición poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás. Ademais, a sede de Afundación en Compostela e a Biblioteca Municipal de Ferrol acollen hoxe charlas, mostras e proxeccións co gallo da conmemoración. O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez.