Galicia pinta moito: 50 ilustradores galegos actuais

Algúns dos ilustradores e ilustradoras que aparecen no libro © Dot Galicia

A revista Dot busca financiamento para a publicación dun libro que recolle as obras de 50 ilustradores e ilustradoras galegas do momento. 50 ilustradores gallegos actuales: Ilustradots, trátase -segundo destacan os seus promotores- "do primeiro libro recompilatorio de ilustración galega actual", que demostran "que a ilustración galega está a pasar por un período dourado no que se atopa unha xeración envexable de artistas". A obra reúne artistas xa consagrados e outros ilustradores e ilustradoras emerxentes, cunha breve descrición sobre o seu traballo e traxectorias e unha mostra de ao redor de seis imaxes das súas obras, nunha publicación de máis de 200 páxinas a cor en tamaño A5.

Unha campaña en Verkami leva recadados case catro mil euros, dos seis mil que se necesitan para a edición da obra. Pero a cinco dias da súa finalizanción aínda necesita un derradeiro empurrón. Como é habitual neste tipo de campañas, ofrécense recompensas para as persoas que fagan algunha achega económica. Neste caso, estas recompensas van dende a descarga do libro en pdf (por 5 euros), o libro en formato físico (dende 22 euros), que pode incluír a maiores unha lámina dun dos autores ou autoras (por 29 euros) ou unha bolsa de tea deseñada por algún dos ilustradores e ilustradoras (dende 31 euros).

Os autores e autoras que formarán parte do libro son: Julia Abalde, Xiana Alonso, Roberto Argüelles, Guillermo Arias, Cinta Arribas, Carlos Arrojo, Raul Bermudez, Los Bravú, Michel Casado, Alba Casanova, Sergio Covelo, Nuria Diaz, Pedro Díaz, Federico Fernandez, Berto Fojo, Cristobal Fortunez, Alberto García Ariza, Silvia García, Xose Lois García, Jano, Humber jumber, Santi Jimenez, Bea Lobo, Rebeca Losada, Andrés Magán, David Mendez Alonso, Arturo Mosquera, Nano4814, María Nóvoa, Santiago Paredes, Sara Pazos, Pelucas, David Pintor, Pirusca, Miguel Porto, Bernal Prieto, Ivan R, Sr. Reny, Chus Rojo, Roque Romero, David Rubín, David Sierra, Tayone, Natalia Umpierrez, Alberto Vázquez, Nando Vazquez, Oscar Villan, María Viñas e Santi Zubizarreta.

Algúns dos ilustradores e ilustradoras que aparecen no libro © Dot Galicia
Algúns dos ilustradores e ilustradoras que aparecen no libro © Dot Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.