Hai uns días botaba a andar en Compostela a escola de ilustración O Neno Amarelo, da man de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. É a segunda experiencia deste tipo en Galicia, despois de que o pasado ano Kiko da Silva puxese en marcha O Garaxe Hermético, máis centrado no mundo da banda deseñada.
As clases, ás que asisten un ducia de alumnos e alumnas, algúns profesionais e outros afeccionados con interese en afondar nesta práctica, comezaron o pasado venres e desenvolveranse semanalmente. No programa chama a atención a importancia dos contidos teóricos, que suman a metade das horas das clases. Como nos di o ilustrador Xosé Tomás: "é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros".
O curso contará con algunha master class, por exemplo unha a cargo de Xabier Docampo e Xosé Covas, que falarán da súa "parella consolidada de escritor e ilustrador". Ou outra na que participarán Belén López Vázquez (directora de Baía Edicións) e Mercedes Cerdeiras (responsable da Biblioteca Municipal Infantil da Coruña). Precisamente Baía Edicións colabora coa escola ofrecéndolle a un dos seus alumnos e alumnas a posibilidade de ilustrar de xeito profesional un libro que a editorial publicará o vindeiro ano.
"A ilustración nos libros ten unha semiótica particular, narra con imaxes, e todo isto supón un campo de traballo moi complexo, que precisa de cursos específicos"
Como nace o proxecto de O Neno Amarelo?
O proxecto nace do traballo constante e diversificado en varios campos entre Miguel Vázquez Freire, profesor e escritor, e eu mesmo, como ilustrador e tamén profesor. Levamos moitos anos facendo libros xuntos, reflexionando sobre o propio formato de álbum ilustrado, e temos organizado infinidade de charlas, obradoiros e actos formativos arredor da ilustración, a banda deseñada e a pedagoxía da imaxe en xeral. E a esta inquedanza compartida uniuse a cobertura empresarial que aporta Diego Rosales, guionista de banda deseñada no seu momento (en Golfiño, onde coincidimos os tres), e neste momento xerente do Colexio San Narciso, de Marín.
Por que o nome de O Neno Amarelo?
Trátase dunha homenaxe ao Yellow Kid de Richard F. Outcault, primeiro personaxe oficial de banda deseñada a nivel mundial, que apareceu nos xornais americanos a finais do século XIX.
Galicia leva anos sendo unha potencia en ilustración; faltaban espazos de formación?
En Galicia hai un amplísimo colectivo de ilustradores. E hai escolas que imparten ciclos formativos relacionados coa ilustración. Sen embargo, a ilustración que acompaña a un texto literario (cando o texto existe, pois ás veces o libro non ten palabras) ten uns paradigmas especiais, porque non só complementan a un texto, senón que o poden (quizais o deben) magnificar, ampliar, estender, mesmo rebentar e espallar os seus potenciais. A ilustración nos libros ten unha semiótica particular, narra con imaxes, e todo isto supón un campo de traballo moi complexo, que precisa de cursos específicos. Como todo o que requira especialización, non abonda saber debuxar, nin saber contar historias coa imaxe. É preciso mesmo ter nocións do que é un lector-neno, a estimulación da súa imaxinación, as súas potencialidades e os seus límites, as súas emocións,...
"Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros"
Dades tamén moita importancia ao ámbito teórico. Por que?
Foi unha das primeiras cousas que tiñamos claras: é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros, incluso cando se trate dos mesmos autores. É crucial coñecer o que xa outros fixeron, de onde veñen as tendencias, e saber en que momento histórico nos atopamos. Ademais, dada a propia linguaxe da imaxe, a intuición é unha bendición, pero non sempre se atina. Cómpre facer figuras retóricas visuais conscientemente, controlar a cadencia narrativa da imaxe (como na música), administrar os silencios visuais, falar coas cores, etc.
Podemos falar dun estilo galego de ilustración?
Persoalmente, nunca pensei que algo así existise. É certo que traballamos moito na ilustración infantil, e a través dela falamos de nós, da nosa idiosincrasia como pobo, e a nosa cultura está fondamente plasmada nas imaxes dos libros que se editan aquí. Un estranxeiro podería coñecer Galicia perfectamente lendo unha escolma de obras ilustradas: o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía, as paisaxes, as cores que nos rodean. Pero despois cada ilustrador é un universo particular.
"Cremos fondamente na ilustración como unha obra non supeditada ao texto. Pola contra, son dúas obras que camiñan da man. Non se contradín, nunca, e enriquécense, desbórdanse mutuamente"
A ilustración é sempre nun diálogo co texto? É iso o que a fai tan rica?
Dende O Neno Amarelo cremos fondamente na ilustración como unha obra non supeditada ao texto. Pola contra, son dúas obras que camiñan da man. Non se contradín, nunca, e enriquécense, desbórdanse mutuamente. Hai uns días contábame Yolanda Castaño que, ao traducir ao castelán un libro que fixemos xuntos, a propia ilustración deulle pé a modificar elementos do orixinal, porque na imaxe había cousas non mencionadas no texto, que aproveitou para a nova lingua de destino.
Como está sendo a recepción por parte dos alumnos?
Beo, acabamos de empezar, e esperamos que o noso traballo estea á altura das súas expectativas. Isto irá in crescendo, camiñando cara un proxecto final, que se culminará na publicación dun libro con Baía Edicións por parte dun dos alumnos.
A experiencia terá continuidade?
Esperamos que si. Desexamos facer unha nova quenda deste primeiro curso, e continuar con outras modalidades, entre as que se atoparán os monográficos.