“Usurero, Dios no perdona”, “The time for talk is over”, "A por ellos", "Se les está terminando el tiempo", "Emigra o muere", "Lady Capital" ou "Que les recorten la cabeza". Son algúns dos títulos das 18 ilustracións orixinais que forman parte de Presente Bruto Ilustrado, un proxecto artístico en que participan deseñadores e debuxantes de toda España, con obras que denuncian realidades sociais e as orixes e culpables da crise. Os beneficios da venda das obras destinaranse a apoiar un banco de alimentos.
Entre os participantes hai dous galegos, dous vigueses, Roberto Argüelles ("In gold we trust") e o Bunker Graphics de Rubén Suárez e Paulo Pascual ("Gana la banca").
A iniciativa parte do estudio The Fly Factory, que destaca que "España está vivindo unha crise non só económica, senón de tamén de valores, e están pagándoa os que menos teñen. Se hai un momento no que é necesario botar unha man, é agora". De cada unha das obras se realizou unha edición limitada de 50 unidades en serigrafía, cada unha asinada polo seu autor.
Polo de agora a iniciativa recolleu 3.657 euros, máis da metade dos seis mil que fixou como obxectivo, e aínda non chegou ao ecuador do proceso de crowdfunding, que prevé rematar o 15 de novembro, dentro dun mes. Pódese participar a partir de 25 euros (un cartel para recoller en Madrid) ou 35 euros (envío por correo) e a colección completa pode adquirirse por 295 euros.
Alvaro P-FF, Borja Bonafuente, Aritz Aramburu, Doctor Juampa, Mauro Entrialgo, José Punzón, Don Rogelio J, Nikita Rodríguez, Oky von Stoky, Toño Camuñas, El Tinglado Gráfico, Grip Face, Lorenzo Montatore, Luís Demano, Mik Baro ou o estudio Conspiracy Studio son algúns dos creadores que achegaron o seu talento a esta acción. E a banca, os empresarios, a emigración, os recortes, a especulación urbanística, a Xustiza ou os medios de comunicación centran as obras que participan neste proxecto, no que xa colaboran uns 76 mecenas.