Hai cores e formas que se identifican co país. Algunhas -ou moitas- delas saíron do traballo artístico de Xosé Vizoso. Xa fose na súa faceta de deseñador principal de Sargadelos ao carón de Isaac Díaz Pardo ou como cartelista, traballo de deseño e pintura que xa protagonizou nos últimos anos diversas mostras antolóxicas e que dende este 4 de agosto chega á galería Monty4 da Coruña. Alí poderase ver como As San Lucas do seu Mondoñedo natal; a Santa Minia de Brión, onde vive, e outras moitas son xa, en certo xeito, sinónimo de Vizoso.
O traballo como cartelista de Vizoso dende os anos 70 do século pasado e ata a actualidade recolle os anos de deseño ao carón de Díaz Pardo ou Seoane e deixa ás claras o seu talento, "tan extenso como a súa produción", din os impulsores da mostra. El e os seus coetáneos, afirma Jesús Montero, un dos responsables da galería, "presentían, en maior ou menor grao, que estaban colaborando en algo importante para Galicia" dende Sargadelos e así o plasmou en toda a súa obra.
"Este home de talentos está a levar unha prolífica traxectoria en case todos os eidos do universo plástico", do debuxo á escultura pasando pola cerámica, a ilustración ou o grafismo. A súa arte, resalta Montero, "caracterízase pola estilización das formas, unha moi persoal caligrafía e a profunda raigame na identidade e na cultura galegas". Os seus carteis de festas, ao cabo, "transmiten sensacións e estados de ánimo que convidan a participar" delas... Nas Queimadas de Cervo, nas San Lucas, no San Roque...
Un cartel "alternativo" para as Festas de María Pita 2017 deseñado polo propio Vizoso pon o ramo a unha mostra que se poderá visitar na devandita galería ata o 1 de setembro de luns a venres, de 11 da mañá a 3 da tarde e de 5 da tarde ás 8 do serán. Alén das probras gráficas, dende Monty4 convidan a achegarse botando man das verbas sobre Vizoso que deixou escritas outro dos persoeiros esenciais da cultura galega coa que autor compartiu vida e artes, Xosé Neira Vilas.
"Os carteis de Vizoso van moito mas alá dun anuncio, da noticia dunha festa, da información de urxencia sobre un evento social ou cultural. Non son carteis para ver dun saque e seguir, senón pezas artísticas para contemplar con lecer, con delectación estética. Non son para persoas apuradas, senón para analizar con detalle con ollada inevitablemente admirativa".
Xose Neira Vilas. Catálogo da exposición Xosé Vizoso. Carteis 1970-2014