0 Gardados para despois

Unha fita sobre Paz Andrade recollerá unha das últimas entrevistas de Díaz Pardo

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


O pasado 15 de decembro, o director Gonzalo E. Veloso  visitou a Isaac Díaz Pardo na súa casa de Sada. Fíxoo acompañado por Santiago Teijelo, o seu cámara. O motivo do encontro non era outro que entrevistar o histórico promotor do grupo Sargadelos para un documental ao redor da figura de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista máis, unha voz máis para o "retrato coral" que Veloso anda a preparar co gallo das Letras Galegas. Díaz Pardo recibiunos acompañado por Charo Portela nun diálogo no que retratarían entre os dous o persoeiro homenaxeado o próximo 17 de maio. A entrevista durou 35 minutos nos que Isaac botou a vista atrás, lembrou a súa relación con Paz Andrade e revisou boa parte da historia contemporánea de Galicia . Foron 35 minutos de palabras únicas. Unha semana despois, Isaac ingresaría no hospital. O día 5 de xaneiro falecería.

Deste xeito, a fita de Veloso incluirá unha das últimas entrevistas que concedeu o insigne galeguista. "A miña idea con Isaac era facerlle unha entrevista concreta sobre Valentín, pero despois facerlle outra máis ampla sobre el mesmo. Ese día, o día que o entrevistamos, estaba xa tocado. Despois de media hora de conversa paramos, non nos queríamos exceder", lembra o propio Veloso. Esa conversa con Isaac será unha das moitas voces que se recollen neste proxecto, no que anda a traballar o realizador dende o pasado verán. O seu testemuño estará acompañadas por outros como o do xornalista Tucho Calvo, o escritor Neira Vilas ou Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo. "O documental será un retrato coral, un puzle xeral sobre Valentín. Pero a min paréceme tan importante neste proxecto o autor que se trata como as persoas que van falar. As voces son tan importantes, quizais máis, que o propio Valentín. O documental é realmente deles. Sobre todo no caso de Díaz Pardo, que xa non está", explica o director.

"O primeiro en ler Galicia como tarea fun eu"

Nesa entrevista, Díaz Pardo ofreceulle a Veloso moitas lembranzas sobre Paz Andrade. Contoulle, con voz pausada e a memoria lúcida, unha serie de anécdotas que retrataban a súa relación con Valentín e o momento histórico no que se moveron. Díaz Pardo rememorou como chegara as súas mans a obra máis lembrada do impulsor da revista Industrias Pesqueras. "Galicia como tarea, o primeiro que o leu fun eu. Luís Seoane recibiu os folios. El tiña moito que facer e entregoumos a min. Eu corrixín os folios", explica Isaac, que tamén lembrou como a versión inicial axustábase ao momento histórico e aos límites da censura. "Corrixino eu. E claro, a obra tiña que ir co estilo do franquismo... El Ferrol del Caudillo, esas cousas... Saquei esas cousas. Luís Estaba totalmente de acordo", sinala.

Noutro dos fragmentos da entrevista, que Veloso cedeu a Praza, Isaac Díaz Pardo eloxiaba o esforzo de Paz Andrade pola cidade na que viviu case toda a súa vida. "Vigo débelle todo a Valentín Paz Andrade, aínda que haxa quen queira quitarlle o posto", sentencia.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Un gran prisma para a memoria do século XX

Máis alá da entrevista a Díaz Pardo, o proxecto de Gonzalo E. Veloso busca ser un achegamento xeral á figura de Valentín Paz Andrade. "Interésame recrear a súa vida e proporcionar unha idea do que foi", sinala Veloso. Para chegar a esa idea xeral, o realizador é consciente da complexidade vital do personaxe e as diversas facetas da súa figura pública. "O título do libro de Tucho Calvo, A memoria do século XX, é totalmente claro. Certo é que hai moitas memorias do século XX, pero Valentín é unha delas. A súa vida foi moi ampla e diversa. A RAG escolleuno polas súas múltiples dimensións. Por autor, por figura política, por empresario, xornalista", enumera Veloso.

Ese, polo tanto, é o reto: condensar unha traxectoria tan intensa como a de Paz Andrade. Para iso, o director,a pesar de non traballar cunha estrutura definida, parte dun esquema previo. "Nunca traballo cun guión pechado. Podes ter unha idea na cabeza do que vai ser o documental, pero iso sempre vai cambiar. Un sabe por onde entra cando fai un documental, pero non sabe por onde vai saír. Eu o único que sei é que entrarei por Valentín e sairei por Valentín", sinala. O director adianta que a súa intención, en calquera caso, é realizar un triplo achegamento na peza: unha parte  persoal, outra dedicado a súa traxectoria e unha terceira centrada na obra.

Con ese obxectivo marcado, Veloso está a realizar diversas entrevistas. Todas elas constituirán a materia prima e, dependendo do que desvelen as diferentes fontes, Gonzalo construirá o prisma para definir a Paz Andrade. "Cada un deles vaime contando o que quere. Nos encontros non fago preguntas pechadas, deixo que eles conten o que queiran. Eu ofrézolles unha oportunidade para que falen sobre Paz Andrade", sinala o autor. Seguindo esa técnica, Veloso ten na axenda unha longa serie de nomes na axenda. Méndez Ferrín, Alonso Montero ou Víctor Freixanes son algúns das persoas cos que contactará Veloso, quen tamén está pendente da familia do homenaxeado nas Letras Galegas. "Falei coa viúva hai meses, e díxome que era o seu fillo quen levaba todo o asunto. Aínda non teño resposta de Alfonso Paz-Andrade", admite.

Segundo documental para o 17 de maio

A vontade de realizar esta fita sobre Paz Andrade ten o seu comezo no traballo que Veloso realizou o ano pasado sobre Lois Pereiro. "Eu son amigo de Manu Clavijo que levaba tempo traballando sobre Lois. Pediume que lle fixera un videoclip como parte de promoción do disco. Díxenlle que si, pero tamén se podía facer unha serie de entrevistas como bonus para o álbum. Entón vimos que había un documental e falando con Fran Naveira, de Mr. Misto, vimos que si se podía facer"; sinala Gonzalo. Así foi nacendo a primeira longametraxe, que levou por título Lois Pereiro: Seguindo os surcos. Pouco despois de estreala en Monforte por primeira vez en xuño do ano pasado, Veloso recibiu unha mensaxe dende Mr. Misto: "Valentín Paz Andrade. Letras Galegas 2012. Vaite documentando". E alí comezou a nova película.

A obra sobre Valentín aínda non ten título. No seu afán por compartir o seu traballo coas voces que participan e cos propios espectadores, Gonzalo promove dende a páxina web de Facebook do proxecto unha enquisa para buscar un título para a criatura. Polo momento, das catro posibilidades, leva a dianteira Facendo país: Un achegamento a Valentín Paz Andrade. Haberá que agardar até maio para coñecer cal será o título definitivo, xa que a intención de Veloso é que o documental estea rematado para o 17 de maio.

Gonzalo E. Veloso

Gonzalo E. Veloso naceu na Coruña hai 26 anos. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e Actualmente está a realizar a tese de doutoramento na Área de Literatura Comparada. O proxecto sobre Paz Andrade será outro dos seus traballos audiovisuais, de entre os que destacan a longa Lois Pereiro: seguindo os surcos e Peregrinos sen retorno. A súa fita sobre o poeta monfortino está preseleccionado para catro premios Mestre Mateo deste ano, incluíndo o galardón para a Mellor Longametraxe Documental. Haberá que esperar a fin de mes para saber a cantos premios aspira a súa obra.