O Día do Orgullo LGBT+ vén marcado neste 2025 polas alertas ante os discursos de odio, mais tamén polo vixésimo aniversario da reforma legal para o matrimonio igualitario
O Día do Orgullo LGBT+ vén marcado neste 2025 pola mobilización e alertas ante os crecentes discursos de odio. Mais tamén polo vixésimo aniversario da aprobación polo Congreso dos Deputados da reforma do Código Civil que eliminou a prohibición de casar entre persoas do mesmo sexo.
Aquel avance legal impulsado polo primeiro Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero chegara avalado por unha ampla maioría absoluta: 187 votos a prol fronte a 147 en contra (os de todo o PP agás Celia Villalobos e dous membros de Unió Democrática de Catalunya). Pero tamén acompañado dunha férrea oposición de organizacións ultraconservadoras e da dirección dos populares na época, que mesmo presentara ante o Tribunal Constitucional un recurso contra a lei, rexeitado en 2012.
Os primeiros matrimonios entre dous homes e dúas mulleres chegaran naquel ano 2005 acompañados por unha amplísima repercusión mediática, tamén en Galicia. E foi no noso país, precisamente, onde a dura oposición do PP a estes dereito comezou a amosar as primeiras fendas cando, en 2006, boa parte da cúpula galega do partido -na oposición dende meses antes- acudiu en Ourense á voda con outro home de quen na altura era concelleiro de Cultura da cidade, José Araújo.
Ata o remate de 2024 un total de 2.380 parellas de dúas mulleres ou dous homes casaron en Galicia nun contexto ben afastado dos escenarios catastrofistas advertidos hai dúas décadas polas manifestacións contrarias a este dereito
Aquela fora unha das 77 vodas entre dous homes ou dúas mulleres celebradas en Galicia durante 2006, primeiro ano completo coa reforma legal en vigor. Na primeira década sen prohibición non existiu ningún exercicio con máis dun cento destes matrimonios, cuxo incremento é especialmente significativo dende a pandemia da COVID -en maior medida que o das unións entre unha muller e un home-.
En total, ata o remate de 2024 un total de 2.380 parellas de dúas mulleres ou dous homes casaron en Galicia. E fixérono nun contexto afastado de calquera dos escenarios de máxima tensión ou catástrofe advertidos hai dúas décadas polas manifestacións que coprotagonizara o PP canda a Conferencia Episcopal e organizacións ultras que, nalgúns casos, co paso dos anos acabaron desembocando en Vox. Casaron, ao cabo, coa plena normalidade de calquera persoa que decide facelo.

Mobilizacións neste 2025
O vixésimo aniversario do matrimonio igualitario estará tamén presente nas mobilizacións e actos reivindicativos convocados para este 28 de xuño no noso país. É o caso, por exemplo, da impulsada por ALAS A Coruña baixo o lema 20 anos avanzando en dereitos: Alén das grandes cidades (19h30 dende a Praza de Ourense). Canda a salientar os "logros acadados", salientan, procuran reivindicar "os retos que aínda persisten" na loita pola igualdade de dereitos sociais para o colectivo.
En Vigo, a Asociación Nós Mesmas e Avante LGBT+ organizan a manifestación do Orgullo Crítico a a partir das 20h00 dende o cruzamento das rúas Urzaiz e Gregorio Espino. En Santiago, Avante LGBT+ convoca a veciñanza tamén ás oito da tarde dende a Praza 8 de marzo. En Pontevedra, á mesma hora, a marcha parte do Parque das Palmeiras.
En Lugo a mobilización parte ás 12 da mañá da Praza Horta do Seminario. Tamén ao mediodía desenvolverase a manifestación de Ferrol, dende a Praza Amada García. En Ourense, a manifestación da Asemblea do Orgulho desenvolveuse no serán deste venres.