"Non é unha decisión, é o que somos": un Orgullo pola igualdade e o respecto fronte ás agresións

O 28 de xuño é o Día do Orgullo CC-BY-SA Cecilie Bomstad

"É como elixir ser gacela na selva. Obviamente vas preferir ser león, vas preferir entrar dentro do normal, do que a sociedade acepta. Pero se non entras dentro diso é moi duro ocultalo e finxir ser unha cousa que non es", di Max Suárez, que pertence a Arelas –a asociación de familias de menores e mocidade trans de Galicia– para responder á pregunta sobre se o trans "está de moda". Pois isto é o que pensa a maioría do alumnado e do profesorado que participou na enquisa do proxecto Xeración Contrainfo, da ONGD Agareso –a asociación galega de comunicación para o cambio social–, que este curso centrouse nos discursos de odio cara ao colectivo LGBT+.

"Que ganas de ir o colexio e sufrir agresións, saír á rúa e sufrir agresións e nas redes sociais tamén agresións. Non é unha moda", asegura desde Arelas Nathan Esmorís, quen tamén participa nesta segunda edición de Xeración Contrainfo. "Non é unha decisión, é o que somos", resume Esmorís. Neste Día internacional do Orgullo LGBT+ a Federación estatal de lesbianas, gais, trans, bisexuais, intersexuais e máis convoca mobilizacións baixo o lema Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma. 

Sara Covas, de Arelas, en Santiago de Compostela este xoves CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

As enquisas realizadas este curso a 503 alumnos e alumnas e 74 docentes dos IES Politécnico de Vigo e dos institutos de Soutomaior e do Milladoiro sobre a lgbtfobia sinalan que o 81% do alumnado que declara pertencer ao colectivo LGBT sufriu algunha agresión e que o 69% do profesorado presenciou algunha vez agresións contra poboación LGBT. "Practicamente a totalidade do alumnado que nos di que se une ás burlas contra rapazada do colectivo LGBT son rapaces cis hetero. Os alumnos cis hetero están nun universo e as alumnas e as persoas do colectivo LGBT están noutro sitio. Hai matices, por suposto, pero isto repítese entre o profesorado", detalla Sonia Díaz, da ONGD Agreso.

"As persoas que estamos nas marxes somos as encargadas de facer que o mundo avance", asegura Sara Covas, de Arelas

"Quen quere pertencer ás marxes na ESO? Todos queremos ser os máis guais. Porén, cos anos vaste decatando de que nas marxes é onde está o verdadeiro poder, a loita e a rebelión. As persoas que estamos nas marxes somos as encargadas de facer que o mundo avance", asegura Sara Covas, que este xoves participou nun encontro organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xunto a Agareso para abordar as aprendizaxes desta edición do proxecto Xeración Contrainfo.

Para Sara Covas o foco está na "normalización" dos insultos que as persoas trans reciben a diario cando van pola rúa e ante calquera cousa que compartan nas redes sociais. "Preocúpame moito como estas agresións verbais, que chegan a ser físicas, son impulsadas pola ultradereita; tamén que estes discursos de odio comezan a estar ben vistos por algunha xente máis", explica a Praza.gal na véspera do Día do Orgullo.

"No instituto no que fixen a ESO a xente que foi o meu piar fundamental para sobrevivir foron outras persoas que deixaban nas marxes igual ca min. Unha rapaza senegalesa, outra marroquí, outra rumana e outra dunha familia moi cristiá. Daquela eu pensaba que as miñas amigas, o grupo das 'populares' ían ser o meu apoio, pero cando comuniquei como realmente me sentía todo iso se desmoronou. E a xente que me quedou de verdade foi a xente que podía empatizar coa miña situación e como intentaban separarme do grupo as outras persoas xa nin me falaban. Foi unha boa sorpresa ver como persoas con realidades distintas á miña –pois non coñecín a ningunha persoa trans no instituto– e que tamén o pasaban mal, pero que conseguimos apoiarnos entre nós para defendernos", relata Sara Covas, que participou activamente nesta edición de Xeración Contrainfo. 

A través da investigación de Xeración Contrainfo en Agareso afirman que "os centros de ensino galegos non son 'espazos seguros' para o alumnado LGBT". A rapazada do colectivo coincide en que precisa de persoas "aliadas" para "sobrevivir"

Como conclusión global, a través da investigación de Xeración Contrainfo en Agareso afirman que "os centros de ensino galegos non son 'espazos seguros' para o alumnado LGBT". É máis, "o profesorado pode ser un axente agresor". Por iso, a rapazada do colectivo coincide en que precisa de persoas "aliadas" para "sobrevivir" á etapa do instituto. Sara Covas é agora a aliada doutras persoas que pasan pola súa mesma situación. Acaba de facer a maioría de idade, pero é boa coñecedora do camiño ata sentirse ben consigo mesma e cara ao exterior. 

"Obviamente foi unha experiencia dura pero hoxe en día estou moi contenta porque é algo que me fortaleceu un montón e me axudou –xunto a outros factores, como escoller o Bacharelato de Artes– a gañar confianza en min. Grazas a iso puiden comezar a comunicar a miña realidade sen ter medo ao que dirán. As pedras no camiño foron necesarias para chegar a ser a persoa que son hoxe, gústame moito dicirlle á rapazada trans que nunca se renda porque, aínda que é moi difícil e eu son consciente de que fala desde o privilexio, é como o proceso polo que pasan as bolboretas: é súper liberador", debulla a luguesa.

Sonia Díaz, da ONGD Agareso, e Sara Covas, de Arelas, no encontro co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia CC-BY-SA Praza.gal

"Ti non das avanzado como unha persoa trans se chegas á casa e che seguen chamando polo nome anterior, incluso con agresións ou faltas de respecto"

Para Covas a súa foi unha situación de privilexio porque na súa familia mostráronse receptivos desde o primeiro momento. "Cando es menor, sen apoio familiar hai moitas cousas que non podes lograr. Máis alá das cuestión no médico ou do tema legal, ti non das avanzado como unha persoa trans se chegas á casa e che seguen chamando polo nome anterior, incluso con agresións ou faltas de respecto", conta. Ademais, Sara Covas pon como exemplo a situación na que se atopan moitos menores trans que acoden a Arelas porque nas súas casas ser trans é algo negociable. "Temos varios casos de familias que lle din á rapazada que se sacan boas notas e non se portan mal poderán acceder a tratamentos hormonais ou que os chamarán polo nome que queren e non polo dead name", sinala.

No encontro con xornalistas deste xoves en Compostela analizouse como se comunica o trans nos medios de comunicación, onde aínda é difícil atopar retratos dunha realidade trans feliz, fronte a informacións nas que se sinala aínda como unha patoloxía ou un trastorno: "Non é doado expoñerse cando todo o que hai na túa contorna é agresión". Esta circunstancia, que tamén provoca unha falta de referentes, non axuda a quen está querendo compartir como se sente nin a quen xa vive a súa vida como persoa trans. "É moi importante que se ensine que hai luz ao final do túnel, que podes continuar porque será duro pero vas estar ben e vas sentir unha gran liberación cando poidas vivir como realmente es", asegura Sara Covas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.