A lei trans está un paso máis cerca de ser unha realidade. Este xoves, a norma foi aprobada no Congreso con 188 votos a favor, 150 en contra e sete abstencións, entre elas a da socialista Carmen Calvo. E coa ovación de activistas que asistiron á votación parlamentaria, ondeando a bandeira do colectivo que desde hai case dous anos espera paciente ver os seus dereitos blindados por lei. O texto saíu adiante coa única oposición da dereita e asume xa o seguinte paso, agora no Senado. O mércores, os grupos debateron o ditame que saíu da Comisión de Igualdade e evidenciaron coas súas intervencións que a norma conta co apoio maioritario do arco parlamentario, a pesar da polémica que rodeou ao proxecto lexislativo desde a súa xénese.
A norma saíu adiante con 188 votos a prol, 150 en contra e sete abstencións, entre elas a de Carmen Calvo. Agora continúa trámite no Senado
O Pleno do mércores virou, máis que nun debate sobre os detalles do texto, nun exercicio de memoria e recoñecemento: boa parte dos deputados lembraron os nomes de activistas e organizacións do colectivo que batallaron, algúns pagando coa súa vida, os dereitos para as persoas trans.
A ministra de Igualdade, Irene Montero, eloxiou a lei que será finalmente aprobada, tras meses de debate, negociación, idas e vindas. "Con esta lei avanzamos en dereitos e avanzamos como país", recalcou. Parte da súa intervención foi dedicada a quen perderon a vida froito da discriminación, como Sonia Rescalvo, Samuel Luiz e Ekai Lersundi. Pero tamén lembrou a activistas e militantes que pelexaron desde distintas frontes pola conquista de dereitos: Mar Cambrollé, Uge Sangil, Pedro Zerolo e Carla Antonelli foron algúns dos nomes que ecoaron na Cámara Baixa.
"Esta lei repara unha débeda histórica do Estado coas persoas trans" e recoñece que "non sodes enfermas, non estades tolas, non sodes monstros, nin delincuentes". Dirixíndose ás persoas trans, a ministra lembrou tamén que non necesitan "tutelas nin testemuñas" que lles digan quen son. Esta última mención evoca o debate interno que se fraguou no seo do Goberno e que enfrontou os socios da coalición, pondo en xaque a continuidade da norma durante meses.
A lei recoñece que as persoas trans non precisan "tutelas nin testemuñas", destaca a ministra de Igualdade
Nese contexto, Irene Montero decidiu poñer o acento en lembrar "algo obvio" pero que ao seu xuízo debe "quedar rexistrado no diario de sesións: as mulleres trans son mulleres". Con esta afirmación, a ministra buscaba enxesar unha fenda aberta tamén no movemento feminista, notablemente debilitado tras o duro enfrontamento entre distintos sectores a conta da lei.
"Ser feminista non é negar a existencia das persoas trans", quixo resolver a deputada socialista Andrea Fernández, desmarcándose así das teses capitaneadas por algunhas feministas socialistas que viñeron criticando con extrema dureza os postulados da norma. Pero Fernández tamén tivo palabras contra o seu socio de coalición: "É absolutamente desacertado acusar o meu partido de pactar coa dereita un retroceso en dereitos LGTBI, unha falta de respecto a un partido centenario".
Pouco antes, a deputada de Unidas Podemos Sofía Castañón eloxiaba o legado de Pedro Zerolo, a quen atribuíu a valentía de pór as súas ideas por riba da disciplina de voto. Un comentario que foi afeado polos socialistas. "Pedro Zerolo nunca tivo que estar por encima da disciplina de voto. De feito non a seguía, marcábaa", puntualizou Fernández.
Apoio sen matices da esquerda e o 'bloque da investidura'
A esquerda parlamentaria expresou con absoluta rotundidade o seu apoio sen matices á lei. Mireia Vehí (CUP) apuntou que "despois de meses e meses de traballo" a lei sairá adiante "malia aos exabruptos da extrema dereita" e malia á "pantasma do borrado das mulleres". Unha lei que, en palabras de Isabel Pozueta (EH Bildu), é "imprescindible para garantir os dereitos das persoas LGTBI", especialmente tras constatar que as emendas rexistradas polos socialistas en canto a menores e persoas migrantes "non saíron adiante". "Alegrámonos moito", salientou a parlamentaria.
"Sen ser perfecta, é unha lexislación que permite avanzar en dereitos", afirma Néstor Rego (BNG)
A Comisión de Igualdade rexeitou o pasado luns 12 de decembro as emendas expostas polo PSOE relativas a endurecer os requisitos para exercer a libre determinación de xénero para os menores. E aínda que os socialistas podían decidir manter vivas as emendas de face á votación deste xoves, finalmente decidiron renunciar a elas.
En representación de ERC, María Carvalho cargou tamén contra a posición dos socialistas durante a confección da lei e o seu proceso parlamentario. "O tempo daranos a razón", sostivo, para a continuación mencionar a "todas as realidades trans" que "non inclúe" a lei, como a situación das persoas non binarias.
Joseba Antoni Agirretxea (PNV) defendeu que, a pesar da controversia, a lei "pretende soamente liquidar unha inxustiza" e converter en "lei unha realidade que estivo oculta, denigrada e perseguida". Os parlamentarios que conforman o Grupo Plural saíron igualmente á tribuna para defender a urxencia da lei, unha lexislación que "sen ser perfecta, permite avanzar en dereitos", reflexionou Néstor Rego (BNG).
Íñigo Errejón (Más País) alertou da ofensiva da dereita e da súa máis que probable intención de recorrer a norma ante o Tribunal Constitucional, "para gañar con trampas o que perderon con votos". Joan Baldoví (Compromís) reproduciu na Cámara Baixa as palabras de Guillem Montoro, primeiro concelleiro trans, quen celebra a norma como un "cambio importante" e un "paso adiante para conseguir a igualdade real", en tanto que supón a base para "construír un proxecto de vida digna".
Ás voltas coa "ideoloxía de xénero"
A oposición virulenta volveu emerxer entre a bancada da dereita e da extrema dereita. Carla Toscano (Vox) insistiu unha vez máis en que "a ideoloxía de xénero é a folla de ruta deste Goberno" e defendeu que a lei trans "é a paradigma da ditadura dos desexos". Unha norma que cualificou como un "bodrio sectario" que ademais "ignora a bioloxía" e pretende "cambiar e destruír a sociedade". Rosa María Romeu (PP), pola súa banda, criticou que a lei sairá adiante "a fume de carozo, sen escoitar a ninguén e sen contar cos profesionais aos que pretenden atar as mans para impor a súa ideoloxía".
Nun termo medio situouse Sara Giménez (Cidadáns), que aínda que recoñeceu os beneficios da lei, criticou que o Executivo "non estivo á altura das circunstancias e perde a oportunidade de ofrecer unha lexislación seria, completa e garantista que reforce o exercicio dos dereitos" da comunidade LGTBI. O texto, sinalou, peca de ser tramitado con "premura, falta de consenso e falta de rigor xurídico". En calquera caso, a deputada matizou que a súa formación está de acordo coa despatoloxización e a autodeterminación de xénero: "Somos conscientes do avance en dereitos que supón esta lexislación, pero podía ser máis garantista", reiterou. Este xoves, a deputada decidiu finalmente absterse, a pesar de que o seu grupo votou en contra da lei.