Hai agora un ano, aínda entre ecos da recuperación das mobilizacións polo Día do Orgullo que non fora posible desenvolver en 2020 por mor da pandemia, Samuel Luiz foi asasinado dunha malleira na coruñesa avenida de Bos Aires, na contorna da zona de locais hostaleiros do paseo marítimo. O crime suscitou toda unha vaga de dor e repulsa mentres diversos colectivos ligaban o acontecido a un acto de odio homófobo.
O asasinato de Samuel Luiz está pendente de xuízo para cinco dos acusados, tres deles en prisión preventiva. Os dous restantes, menores no momento dos feitos, xa cumpren condena
Un ano despois, o caso aínda está pendente de xuízo para cinco dos acusados, tres deles en prisión preventiva. A Fiscalía atribúelles delitos de asasinato e a un deles, ademais, atribúelle un delito de roubo con violencia por quedar co móbil de Samuel Luiz na noite dos feitos -inicialmente, a Policía acusárao de apropiación indebida-. Ata hai escasos días, o xulgado agardaba autorización dos EUA para acceder aos perfís e mensaxes borradas polos acusados nas redes sociais, agora concedido.
Outros dous, menores cando participaron na agresión, xa cumpren condena tras un acordo entre as partes. Concretouse en tres anos e medio nun centro de réxime pechado e outros tres de liberdade vixiada, como adiantara La Opinión.
Este sábado, na véspera do cabodano, a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS A Coruña) homenaxeou a memoria de Samuel ao carón do lugar dos feitos. Foi nun acto sinxelo e sentido, sen lectura de manifestos para "respectar o proceso xudicial aberto" e antes do cal a organización pediu "respecto á dor é á intimidade da familia e persoas achegadas a Samuel".
ALAS A Coruña, promotora da homenaxe a Samuel na véspera do cabodano, lembra a importancia de "facer fronte a quen pon en dúbida os dereitos humanos" e que a "igualdade real da comunidade LGBTI" aínda segue pendente
A homenaxe concretouse cun minuto de silencio e, a continuación, unha ofrenda floral no lugar do asasinato. Antes, a presidenta de ALAS A Coruña, Ana Fernández, reflexionou tamén sobre a necesidade de que os gobernos sexan "valentes" e "xeren alianzas co asociacionismo LGBTI" para "facer fronte a quen pon en dúbida os dereitos humanos". Crimes coma este, coida, seguen evidenciando a necesidade de "accións para acadar a igualdade real da comunidade LGBTI".
A memoria de Samuel Luiz tamén estivo moi presente nas mobilizacións do Día do Orgullo deste 2022, moi especialmente na concorrida manifestación da Coruña. "Manifestámonos por ti, Samuel, e por todas as vítimas da LGBTIfobia. Vítimas de insultos, discriminación, malleiras ou acoso só por ser LGTBI+", salientou o manifesto lido o pasado 28 de xuño, que sinalaba a malleira mortal da que foi vítima Samuel como mostra de que "é necesario que sigamos saíndo ás rúas a reivindicar os nosos dereitos. O dereito a ser quen somos, sen medo".
Xunto á vaga de solidariedade e repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, nestes doce meses ecoou tamén outra onda, a de agradecemento a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, veciños da Coruña de orixe senegalesa que tentaron impedir a agresión. Semanas despois dos feitos, a Secretaría de Estado de Migracións concedeulles permisos de residencia e traballo.
No outono de 2021, o pleno da Coruña aprobou por unanimidade outorgarlles o título de fillos predilectos da cidade, honra que se concretou definitivamente o pasado marzo. Daquela, ONG Ecodesarrollo Gaia, coa que están implicados, apostara tamén por que ambos puidesen participar nun programa educativo en institutos e entidades sociais polo respecto á diversidade e a non violencia