A Policía Xudicial entrega dous informes de ADN á xuíza do caso que "implican directametne os dous principais autores dos feitos"
A Policía Xudicial entregou dous informes de ADN á xuíza que leva o caso de Samuel Luiz, o rapaz morto tras recibir unha malleira hai un mes na Coruña, que "implican directamente os dous principais autores dos feitos", dúas persoas maiores de idade e en prisión provisional.
Así o explicou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, tras anunciar tamén que a titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña levantou o segredo do sumario do crime, medida que permite ás partes do caso acceder ao contido das dilixencias de investigación practicadas ata o de agora, vetadas ata este día.
Miñones precisou tamén que a investigación policial conta xa con 36 testemuños e que a agresión durou "seis minutos fatais", xa que comezou ás 2:58 da madrugada e finalizou ás 3:04.
Ademais, na comparecencia aclarouse que ás seis persoas que foron detidas impútanselles dous delitos contra a vida: un consumado contra Samuel e outro en grao de tentativa contra o mozo senegalés que intentou impedir a agresión.
Ás persoas detidas impútanselles dous delitos contra a vida: un consumado contra Samuel e outro en grao de tentativa contra un mozo senegalés
Na actualidade, son tres as persoas en prisión provisional, comunicada e sen fianza pola malleira que provocou a morte de Samuel Luiz. Ademais deses tres mozos outros dous menores de idade permanecen ingresados nun centro de menores, mentres que a sexta detida, unha muller, fora posta en liberdade condicionada a comparecencias regulares no xulgado. A Policía non descarta que, "da análise do material obtido, así como de novos datos recabados, poidan producirse máis detencións".
Segundo explican as forzas de seguridade, a agresión a Samuel comezou cando a vítima estaba cunha amiga realizando unha vídeochamada e foi increpada por un dos detidos, que lles repetiu que deixara de gravalos, ameazándoos e "engadindo simultaneamente o insulto de 'maricón". A Policía aclara que logo se dirixiu cara a Samuel e "agarrouno forntemente polo pescozo en varias ocasións, empurrándoo e chegando a tiralo ao chan, momento no que comezou a pegarlle puññadas na cara".
A policía aclara que a rapaza que acompaba o agresor empurrou a amiga de Samuel, chegando esta a caer ao chan ao tempo que alentaba ao seu amigo para que continuase coa agresión. Foi daquela, segundo os axentes, cando o mozo senegalés que pasaba pola zona "separounos e defendeu a Samuel para que non lle seguisen pegando, deixando o agresor de golpealo".
"No entanto, instantes despois, a agresión continuou, sendo Samuel "agredido por varios mozos ata que foi auxiliado por diversas persoas". Pola investigacion sábese que a na malleira participaron "numerosas persoas que forman parte dun mesmo grupo de coñecidos ou amigos, "algúns dos cales participaron activamente na agresión".
A Policía aclara que a agresión durou varios minutos nos que "os golpes non cesaron" e que na malleira pariticparon "numerosas persoas"
"Durante uns minutos os golpes non cesaron a pesar de que varias persoas trataron sen éxito que deixasen de pegarlle", di a Policía, que asegura que "varias testemuñas" din que unha persoa "portaba na súa man unha navalla que sacou do peto do pantalón e que daba patadas á vítima mentres estaba no chan".
Precisamente, este vindeiro martes cúmprese un mes desde aquel brutal crime contra este enfermeiro coruñés de 24 anos. Os insultos de "maricón" e "maricón de mierda" que terían berrado os seus agresores ergueu a indignación en toda a cidadanía, sobre todo no colectivo LGTBI, con importantes mobilizacións en Galicia e en todo o Estado.
En canto á posibilidade de que o crime sexa considerado delito de odio, a Policía aclara que será a xuíza quen o determine.