A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña tomou este venres declaración ás catro primeiras persoas que foran detidas pola Policía nos últimos tres días por participaren no asasinato do mozo Samuel Luiz, vítima dunha malleira mortal na Coruña na madrugada do pasado sábado. Tras escoitar cadansúas declaracións -ningunha das catro persoas se acolleu ao dereito a non declarar-, a maxistrada decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para os tres homes,
A xuíza considera que estas catro persoas poden ser autoras dun delito de "homicidio ou asasinato", o cal será definido no transcurso da instrución
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no seu auto a xuíza observa nestes tres homes "risco de fuga" e tamén "posibilidade de alteración ou destrución de probas" e por iso os envía á cadea. Para a cuarta investigada á que tomou declaración, a única muller detida ata agora polo crime, establece a obriga de comparecer no xulgado. A Fiscalía, indica o tribunal, "non solicitou o ingreso en prisión para ela".
Coa información a respecto do caso condicionadas polo segredo de sumario que segue pesando sobre a investigación, o xulgado si concreta os presuntos delitos que atribúe a estas catro persoas. Despois de que a Policía os acusase de homicidio e a un deles, tamén de apropiación indebida por quedar co teléfono móbil da vítima, a xuíza considéraos sospeitosos "dun delito de homicidio ou de asasinato". Será no transcurso da instrución, aclara, cando se definirá a imputación.
A escasa información ofrecida polo xulgado non ofrece dato ningún a respecto da posibilidade de que a xuíza contemplase nas súas consideracións o carácter homófobo do crime. Segundo fontes presenciais, Samuel foi agredido ao berro de "maricón". Esta e todas as demais cuestións dependerán da investigación que continuará nas mans do Xulgado de Instrución número 8, o que estaba de garda no momento dos feitos.
Dous detidos máis, ambos menores de idade
A xuíza de garda decretaba a prisión provisional para tres dos catro primeiros detidos e a obriga de comparecer no xulgado para a cuarta acusada pouco despois de que a Policía e a Delegación do Goberno de España en Galicia confirmasen dúas detencións máis doutras dúas persoas igualmente acusadas polos axentes de seren autoras da mortal agresión. Neste caso trátase de dous varóns, ambos menores de idade.
Estes dous mozos son tamén veciños da Coruña e amigos dos outros catro detidos. A Policía acúsaos de homicidio nun contexto no que a Delegación gobernamental volve recalcar que "todas as liñas de investigación continúan abertas" e que, atendendo ás imaxes e testemuños examinados, seguen sen descartarse novas detencións.
Agradecemento ao mozo que tentou evitar a agresión e novas mobilizacións
Amizades de Samuel agradecen a intervención do mozo que tentou evitar a agresión e piden que as autoridades faciliten a súa regularización administrativa
Todo isto sucede apenas vinte e catro horas despois de que un amigo da familia de Samuel divulgase nas súas redes sociais un vídeo no que varias das amigas do mozo asasinado agradecen a actitude do único mozo que, no momento da agresión, interveu para tentar evitala xunto a un amigo. "Tentaron afastalo de onde se estaba producindo a agresión, pero eran eles contra unha manda", resumen en declaracións que recolle La Opinión de A Coruña. Alén do agradecemento persoal, as amigas de Samuel coidan que a "humanidade" deste mozo, veciño coruñés de orixe senegalesa, debera ser dabondo para que as autoridades lle faciliten a regularización administrativa, coa que actualmente non conta.
Paralelamente, colectivos de defensa dos dereitos LGBTI+ ultiman novas mobilizacións para, en repulsa do asasinato de Samuel, unírense baixo o lema Ante o o odio e a violencia, non mostres indiferencia o vindeiro domingo, 11 de xullo. Colectivos como Avante LGBT+, Amizando Les Coruña, Abrir Fenda, GOTAS ou CASCO enmarcan o acontecido nos "distintos delitos violentos que se veñen exercendo contra o colectivo". Nesta liña, ALAS A Coruña subliñaba nos últimos días, en declaracións a Praza.gal, que "os discursos de odio contra as persoas LGBT xa estaban aí, pero agora teñen un altofalante público e político" que os agrava, considera.