"Os discursos de odio contra as persoas LGBT xa estaban aí, pero agora teñen un altofalante público e político"

Concentración de repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, este 5 de xullo na Praza de María Pita da Coruña © Concello da Coruña

Máis de medio cento de localidades galegas acolleron este luns concentracións de repulsa polo asasinato de Samuel, o mozo coruñés de 24 anos que este sábado pola noite morreu a consecuencia dunha malleira na que participou un gran número de persoas. A vaga de solidariedade estendeuse por toda España, con máis de medio cento de concentracións na principais cidades do Estado, que se viñan a unir ás realizadas en Galicia. 

Máis de medio cento de localidades galegas acolleron este luns concentracións de repulsa polo asasinato de Samuel

As concentracións, convocadas baixo o lema "Xustiza para Samuel" e "basta de LGBTfobia", denunciaron o carácter homófobo da agresión, pois os atacantes golpearon o rapaz ao berro de "maricón de merda". Porén, a Policía non confirmou o móbil LGBTfóbico da agresión, sinalando que "todas as vías seguen abertas" e pedindo "prudencia, responsabilidade e profesionalidade" á hora de informar sobre o sucedido mentres non se poidan confirmar os feitos.

Menos dúbidas teñen os colectivos LGBT galegos, dende ALAS a Avante LGBT+, que dende o primeiro momento denunciaron o carácter homófobo do asasinato, levando á convocatoria das concentracións, nas que tamén colaborou de forma moi activa o movemento feminista galego.

Amizades de Samuel, na concentración en repulsa polo seu asasinato, na Coruña este 5 de xullo CC-BY-SA M.A.

Ana G. Fernández, presidenta da Asociación para a Liberdade Afectiva e Sexual A Coruña (ALAS), destaca que "respectamos as investigacións policiais, pero dende o primeiro momento a contorna máis directa de Samuel denunciou que este incidente foi un acto de odio e pensamos que é algo que quedou máis que confirmado". "As testemuñas confirman que, se ben isto comezou como un malentendido, rematou como unha malleira por parte de 13 individuos ao berro de 'maricón de merda'", di.

Fernandez lembra que o asasinato de Samuel vén unirse a outros incidentes recentes, de maior ou menor gravidade, sufridos por persoas e colectivos LGBT en Galicia e noutros puntos do Estado. 

Fernandez, ademais, lembra que o asasinato de Samuel vén unirse a outros incidentes recentes, de maior ou menor gravidade, sufridos por persoas e colectivos LGBT en Galicia e noutros puntos do Estado. Dende a agresión sufrida por un matrimonio homosexual a pasada semana no barrio coruñés de Monte Alto (unha parella de homes foi atacada cunha porra estensible) ata á crecente realización de pintadas homófobas en distintos puntos do país ou a queima dunha bandeira LGTB, este domingo pola noite, no local do Comité AntiSida da Coruña (CASCO).

"Eses discursos de odio xa estaban aí, pero ata agora non tiñan un altofalante público e político no que verse reflectidos e ao que votar nas eleccións"

"Isto é unha escalada e é cada vez máis grave", alerta a presidenta de ALAS, que destaca que "hai unha situación que se leva dando dende algúns anos, pola que partidos políticos de ultradereita están chamando ao odio contra as persoas LGTBI". "Eses discursos de odio contra as persoas LGBT xa estaban aí, pero ata agora non tiñan un altofalante público e político no que verse reflectidos e ao que votar nas eleccións. Estas persoas, ademais, teñen xa cargos en institucións e teñen responsabilidades lexislativas", di Fernández. 

"Non hai lugar en ningunha sociedade pretendidamente civilizada para esta clase de crimes e, hoxe máis que nunca, sabemos que quen alentan o discurso de odio, aínda que queden en segunda fila, son cómplices deste crime e de todas e cada unha das agresións que padecemos. Queremos vivir sen medo, en cidades, pobos e aldeas, onde non teñamos que escondernos nin que pedir perdón ou permiso", destacaba este domingo ALAS nun comunicado.

A concentración de Santiago en repulsa polo asasinato de Samuel derivou nunha manifestación que rematou na Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ana G. Fernández, destaca a "incrible" onda de solidariedade que está percorrendo todo o Estado nos últimos dous días

Na parte positiva, Ana G. Fernández, destaca a "incrible" onda de solidariedade que está percorrendo todo o Estado nos últimos dous días. "Comezou sendo algo de Galicia e estendeuse xa por todo o país", salienta a presidenta de ALAS, que subliña a importancia mobilizarse, "porque temos que visibilizar que a violencia contra o colectivo LGTB segue existindo", di.

"Temos que pararnos e facer unha análise profunda por parte de toda a sociedade e de todas as institucións para ver que é o que está a pasar", afirma Ana G. Fernández, que reclama que "as institucións teñen que involucrarse e tomar a iniciativa para deter esta escalada". Neste senso, subliña a necesidade de que se aproben as novas lexislacións que nos últimos anos veñen reclamando os colectivos LGBT en Galicia e no coxunto do Estado. "Son leis necesarias para garantir a igualdade, non se trata de ter privilexios", di.

ALAS amósase moi crítica coa Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, unha norma criticada dende o inicio polas entidades LGBT, "que non ten contido nin ningún tipo de utilidade", di Ana G. Fernández, que reclama a súa modificación. 

"Son dereitos humanos, é algo tan sinxelo coma iso"

A entidade considera tamén necesario o traballo de formación e divulgación realizada por institucións e colectivos, como a propia ALAS. "Dende ALAS levamos moito tempo dando charlas en institutos, en asociacións..., alá onde nos reclamen. Isto non é adoutrinar, senón que é simplemente reclamar as liberdades máis básicas para todas as persoas", explica Ana G. Fernández. "Son dereitos humanos, é algo tan sinxelo coma iso", conclúe.

Concentración en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz ante a casa do Concello de Lugo, este 5 de xullo de 2021 © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.