A primeira reacción do presidente da Xunta ao asasinato de Samuel Luiz, o mozo vítima dunha malleira mortal na madrugada do pasado sábado na Coruña, produciuse no serán do pasado luns. Tras as masivas concentracións convocadas polos movementos LGBTI en repulsa ao acontecido, Alberto Núñez Feijóo sinalaba a través das súas redes sociais que "Galicia saíu ás rúas para condenar o miserable asasinato de Samuel". "Somos un pobo integrador e aberto que non tolera crimes coma este. Oxalá se dea pronto cos culpables para que poida facerse xustiza", afirmou, trasladando ademais "todo o meu cariño e respecto á familia e amigos de Samuel".
"Non me atrevo a dicir se se pode tipificar como un problema de homofobia", sinala Feijóo, quen cre "unha especulación" buscar "explicacións neste momento" para un acto "asasino e irracional"
Horas despois, no transcurso dunha entrevista na Cadena SER, Feijóo foi cuestionado sobre o acontecido. No Goberno galego quedaron "consternados e impactados" ao coñecer unha agresión para a que non daban "creto" e que non ten "explicación". "Gustaríanos saber quen foron" os autores dun "asasinato tan brutal", agregou.
Neste contexto, e preguntado ao fío do acontecido sobre se, na súa opinión, en España existe un "problema de homofobia", o titular do Goberno galego respondeu que "hai un problema de irracionalidade e de instinto asasino". "Non sei cales eran as inclinacións sexuais" da vítima e "non creo que teña ningunha relevancia", considerou. "O que ocorreu -engadiu- é que mataron un home, non sabemos por que", xa que "as causas" serán coñecidas "cando a investigación avance". En calquera caso, afirma, serán "irracionais" e "inxustificadas".
Neste contexto, Feijóo sinala que non se "atreve" a "dicir, neste momento, se se pode tipificar como un problema de homofobia". "Buscar unha explicación a un asasinato neste momento de consternación paréceme unha especulación", agregou o xefe do Goberno galego. "Se hai algún móbil" para o crime será "asasino e irracional", valora, nun contexto no que coida que "teñen toda a razón os pais" ao pedir "un mínimo de respecto para esta persoa". "A partir de aí, a investigación nos dará conta do que ocorreu", resolveu.
Pontón (BNG) insta a Feijóo a "non ser equidistante nin mirar para outro lado" e "tomar exemplo da sociedade galega que encheu as prazas para reclamar xustiza para Samuel"
As consideracións do presidente da Xunta causaron malestar nas dúas formacións da oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, que no serán do luns participaron nas mobilizacións a través de diversos dirixentes. Nesta liña, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, asegura estar "sorprendida polas declaracións do presidente da Xunta" por "parecer empeñado" en "negar que por tras do asasinato de Samuel hai homofobia". "Non se pode ser equidistante nin mirar para outro lado", considera a líder do Bloque. "É como se un asasinato machista se quixese limitar a un caso de violencia máis", compara.
Coida Pontón que "non se pode contribuír a branquear a homofobia", igual que non se podería facer co racismo ou a xenofobia, "como fai a extrema dereita, á que cada vez se parece máis o PP". Feijóo, di Pontón, debe "rectificar" e "tomar exemplo da sociedade galega" que "encheu as prazas para reclamar xustiza para Samuel e condenar o seu vil asasinato".
O PSdeG advirte o presidente da Xunta de que "ser cauteloso coas causas do crime" é compatible con "non relativizar a homofobia"
Nun sentido semellante, o PSdeG sinala que ser "cauteloso coas causas do crime" é compatible con "non relativizar a homofobia". "Estanse a dilucidar certos compoñentes de violencia homófoba" no asasinato de Samuel Luiz, considera o viceportavoz socialista no Parlamento, Pablo Arangüena, para que cómpre "non relativizar as causas da violencia" porque "iso supón non actuar sobre esas causas" e sobre a violencia mesma.
Horas antes, no marco da mobilización de repulsa polo asasinato na Coruña, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, subliñou a condena polo acontecido. "O peso da lei ten que facer xustiza; todo o agarimo e apoio á familia", sinalou.