Galicia celebra este martes o Día Internacional do Orgullo LGTBQI (Lésbico, Gai, Transexual, Bisexual, Queer e Intersexual). Administracións, colectivos, movementos sociais, partidos políticos e milleiros de persoas reivindican o dereito a vivir e querer como lles preste, a liberdade, a igualdade... E fano conmemorando os disturbios de Stonewall de 1969 en New York. Agroman bandeiras multicor, que penduran en Concellos e edificios públicos, e dirixentes enorgullécense da súa defensa dos dereitos de todos e todas. É dabondo? Pregúntanse tamén as asociacións LGTBQI poucos días despois da masacre de Orlando e da alerta constante ante o incremento dos ataques homofóbos no Estado. E nun mundo onde aínda se castiga a homosexualidade en 64 Estados, onde arredor de vinte contemplan a pena de morte ou onde cardenais claman contra "o imperio gai" ou hai concelleiros electos que contratacan coa "fiesta del machote".
"Logo de ver os últimos acontecementos de Orlando, de ver como en España tamén hai agresións cada día, está claro que quedan moitas cousas por facer", din desde Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans), que si considera que "hai maior visibilidade e iso é bo", pero que aclara que "iso trae consigo tamén un maior número de ataques LGTBQIfóbicos", contan.
"Hai maior visibilidade LGTBI e isto trae consigo tamén un maior númer de ataques", lembra Arelas
Desde o colectivo Ultreia destacan tamén que as agresións "seguen a existir" e que "houbo mesmo un incremento", e instan a "solucionar unha situación sobre a que se teñen que tomar medidas". "As administracións tómanas, pero moi pouco a pouco; os gobernos responden lentamente", advirten. Pola súa banda, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) reivindica os "referentes que loitaron e que loitan por mundo para todas e todos" pero tamén que "é moito o traballo que queda por diante" "As agresións van en aumento e aínda que os pasos dados non son en van, quédanos moito polo que pelexar e seguir na rúa", din.
"As administracións toman medidas pero moi pouco a pouco; os gobernos responden lentamente"
Para Arelas, a "inmensa maioría da sociedade segue sen estar preparada nin quere aceptar uns colectivos que queren saír das súas gaiolas, do armario" e insiste en que "a sociedade non está respondendo como ten que responder á maior visiblidade do mundo LGTBI". "Hai fobia e odio, abonda con ler artigos que se publican, como o dun xornal galego de hai tan só uns días", explica Cristina Palacios, voceira do colectivo, que lembra tamén que "o acoso que sofren rapaces trans nas aulas tamén existe e segue, por moito que a Xunta diga que non o hai". "Temos que celebrar o Día do Orgullo e temos que seguir traballando", engade.
Preguntados os colectivos pola resposta das administracións, desde Ultreia cren que, en moitos casos, continúan "invisibilizados" e que a resposta dos gobernos "é moi ambigua". "É certo que reivindican en datas coma esta pero non sabemos moi ben cara a onde van as súas intencións; falta valentía, tamén", explican.
"As administracións soben ao carro do traballo dos colectivos, e así debe ser"
En Arelas cren que o apoio das administracións "é certo que é maior" pero tamén porque "eles son os primeiros conscientes de que estamos nunha sociedade LGTBQIfóbica, por moio que o neguen". Ademais, cre que esta reacción positiva dos poderes públicos é "froito do traballo que fan as asociacións" que si cre que ten "moito apoio" desde outros moitos organismos. "As administracións soben ao carro e así debe ser", engade.
Para ALEAS-EU, a clave é "seguir insistindo en dous eixos: a búsqueda do compromiso institucional real en canto á loita e conquista de dereitos LGTBI, e a búsqueda dunha maior unidade dos colectivos e activistas LGTBI". "Unha unidade de acción dende a diversidade que nos caracteriza, seguindo o gran exemplo do movemento feminista galego e do nacemento da Plataforma Feminista Galega", din nun comunicado. E lembran que, nun ano no que está de actualidade a dura realidade das persoas refuxiadas, "non debemos esquecernos de todas as refuxiadas LGTBI que son perseguidas no mundo, en países onde se as segue a matar, por exemplo, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Irán, Mauritania ou Iemen".
Actos institucionais
Con motivo do Día do Orgullo, foron maioría as administracións que o celebraron. Vilas e cidades penduraron a bandeira do arco da vella nas súas casas consistoriais. Na capital, o alcalde de Santiago, acompañado por varios membros da Corporación e por integrantes de Ultreia, deu lectura a unha declaración institucional asinada por todos os partidos políticos. Martiño Noriega destacou que "nos últimos anos e grazas á mobilización e a loita impulsada polo colectivo LGTBI tense avanzado mito no ámbito lexislativo, pero pese aos avances persisten arraigadas formas de violencia por causa da orientación sexual e a identidade de xénero".
"Pese aos avances persisten arraigadas formas de violencia por causa da orientación sexual e a identidade de xénero", destaca Noriega
Desde Pontevedra, o seu alcalde, Miguel Fernández Lores, reivindicou “a diversidade, o dereito de todo o mundo a exercer a súa sexualidade con normalidade, independentemente das características que teña”, xunto aos portavoces dos grupos municipais. Mentres que en Lugo, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González, xunto a membros da corporación, asistiu á lectura do manifesto polo Día Internacional do Orgullo LGTBI e lido polo presidente da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS). Nel, fíxose fincapé na "necesidade de construír unha sociedade inclusiva e libre, onde a educación xoga un papel fundamental para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais".
Na Coruña, o alcalde Xulio Ferreiro tamén leu unha declaración institucional e destacou que “A Coruña avanza na realidade dunha cidade libre de violencias machistas que garanta o dereito á igualdade inclusiva”. Ante a fachada do pazo de María Pita, cunha gran bandeira do Orgullo pendurada, o rexediro manifestou o "compromiso" da administración local "coa defensa da igualdade de todas as persoas, polo recoñecemento e inclusión de todas as diversidades e o total rexeitamento de calquera tipo de discriminación ou violencia por cuestións de orientación sexual e/ou de identidade de xénero”.
Sestayo amosa a súa preocupación ante "algunhas condutas" de "acoso" na escola ao estudantes "por ter unha orientación sexual diferente"
En Ferrol, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, e tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, presidiu o acto no que fixo fincapé “nunha maior sensibilización para o recoñecemento da igualdade”, amosando a súa preocupación “ante algunhas condutas” que se teñen rexistrado no ámbito escolar de “acoso” e discriminación de estudantes polo feito “de ter orientación sexual diferente”.
Ourense sumouse tamén á celebración con con campaña divulgativa, cine, obradoiros e iluminación das Burgas coas cores do arco iris. Na capital ourensá, como noutras moitas cidades, os actos polo Orgullo LGTBI levan xa varios días. Na Coruña ou en Vigo, cun amplo programa que na urbe olívica remata hoxe cunha festa e, noutros lugares, con manifestacións en diferentes puntos.