Primeiro, despatoloxización. E a continuación, medidas eficaces en eidos tan diversos comoa educación, a xustiza ou a economía e mais o emprego. Son algunhas das reivindicacións que os colectivos LGBTI de Galicia sacaron este domingo ás rúas da Coruña para, co gallo do Día Internacional pola Despatoloxización da Transexualidade, que se conmemora cada 23 de outubro, reclamar a tramitación e aprobación no Parlamento galego dunha Lei Galega de Identidade Sexual.
Despois de manter, durante os últimos meses, xuntanzas cos diversos grupos políticos á procura de apoios -o único que rexeitou a iniciativa foi o PP, aseguran-, a Asociación TransForma Unión Trans, a Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), Ultreia LGTBI, ALAS Coruña e o Comité Antisida da Coruña sacaron este domingo as súas reivindicacións á rúa nunha mobilización condicionada pola rúa, pero marcada pola mestura de reivindicación e ton festivo. Xunto a estes colectivos participaron na manifestación representantes das tres forzas da oposición galega.
As reclamacións reiteradas este domingo polos colectivos LGTBI de Galicia resúmenas nun decálogo cos trazos básicos que, ao seu xuízo, debera ter a nova lei. Esa normal, sinalan, debera implicar unha carteira de servizos médicos que "garanta a despatoloxización da transexualidade" e tratamentos específicos que, "no seu caso", inclúan as cirurxías de reasignación sexual. Este tipo de intervencións, sinalan, deberan canalizarse a través dunha unidade asistencial de referencia, con profesionais especialistas.
Representantes de En Marea, PSdeG e BNG apoiaron a mobilización nas rúas da Coruña
Unha normativa específica, como as que xa avanzan noutras autonomías, din os colectivos, permitiría amplicar con normalidade e estabilidade "a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos e nos plans de convivencia dos centros" e, ademais, crear "unha documentación identificativa transitoria para todas as persoas residentes en Galicia que non se sintan identificadas co nome e xénero rexistral". Un observatorio LGTBI "de investigación, control, atención e asesoramento" ou plans "de inclusión, contra o estima e a discriminación" son outras das iniciativas dunha lei que, adivirten, debera incluír un réxime sancionador "que recolla especificamente a discriminación, a exclusión socail e todo tipo de violencia".
As reclamacións destes colectivos foron apoiados na marcha polo voceiro de En Marea, Luís Villares, quen lembra que "unha das primeiras medidas" do seu grupo na lexislatura é "levar ao Parlamento de Galicia esta petición de ampliación de dereitos". Tamén participaron na marcha, entre outros, a deputada no BNG Olalla Rodil e o edil do PSdeG Fito Ferreiro, integrante tamén do colectivo 7 Cores.