O PP rexeita as propostas dos colectivos LGTBI para recoñecer a identidade de xénero

Presentación das propostas © ARELAS

A Asociación TransForma Unión Trans, a Asociación de familias de menores trans (Arelas), Ultreia LGTBI, ALAS Coruña e o Comité Antisida da Coruña (CASCO) fixeron público este venres o resultado das xuntanzas mantidas nas últimas semanas coas distintas formacións políticas, ás que lles presentaron 10 "propostas básicas" que debería conter a futura Lei Integral de Identidade de Xénero, na que están a traballar con máis asociacións e activistas LGTBI de Galicia.

EnMarea, BNG, Cs e CxG apoiaron a totalidade do documento, mentres que o PSdeG-PSOE, malia non asinalo, afirmou compartir a maioría das propostas

O seu obxectivo é presentar a norma no Parlamento galego no ano 2017, buscando o maior consenso posible para acadar un completo recoñecemento da identidade de xénero en todos, engadindo tamén unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade. EnMarea, BNG, Cs e CxG si apoiaron a totalidade do documento, mentres que o PSdeG-PSOE, malia non asinalo, afirmou compartir a maioría das propostas.

O único partido que rexeitou a iniciativa foi o PP, e fíxoo ademais de forma rotunda, argumentando que Galicia conta dende hai dous anos cunha lei LGTBI. "Esa lei dedícalle unicamente dúas liñas ao colectivo trans, é unha norma totalmente insuficiente", destaca Cristina Palacios (Arelas), que engade que "a norma, ademais, non se está cumprindo". Palacios sinala igualmente que "en ningún momento tiveron intención de apoiar o documento, parece que simplemente querían facer a foto". "Escudáronse así mesmo en que hai un mes asinaron un convenio económico coas entidades LGBTI, o que é certo, pero iso non serve para avanzar en dereitos nin para rematar coas discriminacións", di. 

Na xuntanza co PP, Sara Romero -presidenta da Asociación TransForma Unión Trans- sufriu "un trato intimidatorio, despectivo e con moita agresividade", explica Cristina Palacios, que engade que "mesmo nalgunha ocasión se dirixiron a ela en masculino"

Nesa xuntanza tivo lugar un incidente, que as entidades LGTBI cualifican como "inaceptable", motivado polo "trato indigno" que os representantes do PP -Susana López Abella (ex Secretaria Xeral de Igualdade) e Gonzalo Trenor (deputado do Parlamento e ex-vicepresidente da Plataforma Gay do PP)- dispensaron a Sara Romero, presidenta da Asociación TransForma Unión Trans. Sufriu "un trato intimidatorio, despectivo e con moita agresividade", explica Cristina Palacios, que engade que "mesmo nalgunha ocasión se dirixiron a ela en masculino".

No acto, que tivo lugar en Compostela, participaron representantes das catro forzas políticas que asinaron o documento e que apoian a totalidade das propostas. Palacios subliña que contan tamén co apoio do PSdeG-PSOE á meirande parte das propostas, que figuran no seu programa electoral. "Non quixeron asinar, argumentando que as propostas xa están no seu programa e que optan por non asinar nada, para non comprometer o partido", explica.

 

As dez propostas

As entidades salientan que "cada día moitas persoas son rexeitadas no ámbito familiar, acosadas no ámbito educativo, patoloxizadas dende o ámbito sanitario"

As entidades salientan que "cada día moitas persoas son rexeitadas no ámbito familiar, acosadas no ámbito educativo, patoloxizadas dende o ámbito sanitario, o que obriga a moitas persoas trans a largos anos de espera para optar as cirurxías requiridas por eles/elas, sen opción a outra alternativa". Denuncian igualmente que estas persoas son decote "excluídas do ámbito laboral, obrigadas a ter que mostrar cada día unha documentación que non as identifica, e a sufrir todo tipo de violencias transfóbicas polo simple feito de non identificarse co sexo asignado ao nacer".

Entre o decálogo de propostas destaca o obxectivo de que a carteira de servizos médicos garanta "a despatoloxización da transexualidade, os tratamentos específicos e, no seu caso, as cirurxías de reasignación sexual necesarias"

Entre o decálogo de propostas destaca o obxectivo de que a carteira de servizos médicos garanta "a despatoloxización da transexualidade, os tratamentos específicos e, no seu caso, as cirurxías de reasignación sexual necesarias, en todas as etapas da vida das persoas trans". Demándase tamén "a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos, nos plans de convivencia dos centros, e nos plans de estudo das universidades. Pídese tamén a creación dun plan de inclusión social que loite contra o estigma e a discriminación das persoas trans, que se atopen en risco ou en situación de exclusión social. Finalmente, reclaman dotar dun réxime sancionador á Lei Galega de Identidade de Xénero, que recolla especificamente a discriminación, a exclusión social, e todo tipo de violencia, por mor da identidade sexual e/ou de xénero.

Presentación das propostas © ARELAS
Cinco entidades están detrás da iniciativa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.