Alumnado, familias e profesorado: unidade para 25 mobilizacións polo ensino público

Mobilización da comunidade educativa na Coruña o pasado 28 de febreiro CC-BY-SA Federación Provincial de ANPAs de Centros Públicos da Coruña

Nais e pais, alumnado, persoal non docente e de coidado e profesorado. Toda a comunidade educativa está chamada este mércores 6 de maio a mobilizarse "polo ensino público galego" nalgunha das 25 manifestacións convocadas por todo o país

Sindicatos, anpas e as súas federacións, organizacións estudantís ou colectivos de orientadoras únense "polo ensino público galego" en protestas que chegan a 25 localidades

Será unha nova protesta masiva pola falta de recursos e medios e pola grave situación de moitas infraestruturas educativas en Galicia, pero non será unha máis. Desta vez, boa parte dos sindicatos, anpas de centros e varias das súas federacións, colectivos de docentes, organizacións estudantís e outras entidades únense nunha protesta que volve revelar o "fastío" ante a realidade que se vive en moitos centros educativos e que se pretende "mudar".

Así o advirten desde as Asembleas Abertas do Ensino Público, colectivo clave no impulso destas mobilizacións que pretenden "encher as rúas mostrando a unidade e transversalidade necesarias". Creadas a finais do ano pasado por iniciativa de profesorado organizado en varias comarcas de Galicia, a "situación crítica" dos centros públicos fixo xurdir un novo "espazo de mobilización" que discorre "de forma paralela" a sindicatos, anpas e outras organizacións na mesma loita. 

Ver en pantalla completa

Mobilizacións polo ensino público o 6 de maio, nun mapa difundido polas Asembleas Abertas

"Nas primeiras reunións de docentes, unha das cousas que vimos claras é que nos faltaba comunicación entre nós pero tamén moita coas familias; coincidimos en que era necesario que comprendesen o que estaba pasando nas aulas e que as demandas do profesorado, malia a mala prensa que temos, non consistían só en reducir horas lectivas ou subir salarios, senón que afectaban o benestar do alumnado, ás súas condicións de ensino, ao día a día", explica Sabela Sanromán, profesora no IES de Mos e portavoz das Asembleas. 

"Faltábanos comunicación nas familias, que comprendesen que moitas das nosas demandas afectan o benestar do alumnado", di Sabela Sanromán, das Asembleas Abertas

Así comezaron as xuntanzas de docentes e anpas, pero tamén con entidades de orientadoras e outros colectivos. "Foron moi positivas, tamén porque nos decatamos de que moitas familias non coñecían a realidade de moitos centros en Galicia", di en referencia ás elevadas ratios ou á falta de recursos. A partir de aí, máis entidades, máis reunións e máis ideas, ata que agromou a posibilidade de protestas conxuntas. 

Logo de varias xuntanzas e asembleas, e despois das últimas mobilizacións impulsadas polas anpas en febreiro e pola CIG e STEG esta pasada semana, a pretendida unidade culminou na convocatoria de 25 mobilizacións en varias vilas e cidades para a tarde deste 6 de maio, que se poden consultar no mapa adxunto. 

Numerosas anpas e federacións (como as da provincia da Coruña, de Vigo ou do Val Miñor, entre outras), organizacións estudantís (Fervenza, Erguer e o Sindicato de Estudantes), colectivos como a Asociación Galega de Orientadoras (AGOEP), Nova Escola Galega e os sindicatos CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT convocan as marchas "en loita polo ensino público", a cuxas reunións iniciais acudiron representantes de CCOO, UGT, CSIF e ANPE, que finalmente non se adheriron. 

"Abandono e desmantelamento"

As mobilizacións pretenden "denunciar o abandono da escola pública" e "poñer de manifesto o seu desmantelamento" debido ás "políticas de recortes e desleixo da Xunta". E nacen, explican as entidades convocantes, da "necesidade dunha unión por parte de toda a comunidade educativa para reivindicar solucións urxentes". Respostas, reclaman, ante unha situación de "falta de financiamento e recursos humanos e deficiencias graves en infraestruturas", pero tamén para "garantir unha atención real á diversidade" e reclamar un "plan público e accesible de recursos que aseguren unha escola pública digna, segura e de calidade". 

"Escola segura e digna" é, precisamente, o lema co que a comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña leva moitos meses reclamando solucións ás graves deficiencias e á deterioración dun centro con graves humidades, eivas e fallos estruturais, sen ter aínda obtido resposta oficial ningunha por parte da Xunta, ao igual que moitos outros colexios da provincia e da cidade, onde as mobilizacións se repiten nos últimos anos. 

Mobilización de profesorado o pasado febreiro en Vigo CC-BY-SA Asembleas Abertas do Ensino Público

Cristina Novoa é portavoz da anpa do centro, unha das moitas que se uniu á mobilización deste mércores. "É necesario sumar esforzos porque compartimos reivindicacións e porque todos sufrimos o desleixo da Xunta; é moi importante que se nos vexa a todos unidos: profesorado, persoal non docente e coidador, alumnado e familias", di. 

"É necesario sumar esforzos e que se nos vexa unidos; todos sufrimos o desleixo da Xunta"

Ademais, tamén repara na importancia de que as protestas non se cingan ás cidades ou a unha área concreta, senón que "se espallen por todo o país". "É moi significativo porque demostra que o abandono e a deterioración do ensino público en Galicia é un mal endémico", engade quen advirte tamén de que este abandono "acaba por beneficiar outras opcións como a concertada ou a privada". 

Desde as asembleas, Sanromán asegura que as mobilizacións do profesorado e as folgas docentes dos últimos meses "son moi importantes", pero cre que tamén é necesario "plasmar nas protestas que a maioría das reivindicacións son compartidas co alumnado e con toda a comunidade educativa". De aí, dixo, que se acabase decidindo convocar protestas conxuntas e ás tardes, en horarios nos que as familias e a rapazada teñan máis doado acudir. 

A Consellería reivindica os acordos cunha parte dos sindicatos e lembra que está a investir "máis de 331 millóns de euros na mellora da infraestruturas"

Preguntada a Consellería de Educación a respecto desta nova mobilización, desta volta conxunta, remítese ás últimas declaracións do conselleiro, Román Rodríguez, tras a folga do pasado día 28, na que situaba as mobilizacións na estratexia política do conglomerado "da UPG, o BNG, a CIG e outras organizacións". 

Desde Educación, e en canto ás infraestruturas, lembran que están a investir "máis de 331 millóns de euros na súa mellora en toda Galicia ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica" e que desde a súa posta en marcha en 2021, van xa "3.000 actuacións, que continúan incrementándose".

Mobilización de profesorado pola folga do pasado 28 de abril CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Ademais, Rodríguez lembra tamén os acordos para a mellora do ensino público acordados en 2023 cos sindicatos CCOO, UGT, ANPE e CSIF e que foron ampliados hai só uns días cun plan para a redución de ratios ou dos horarios lectivos en Secundaria

"A situación é grave"

Desde as Asembleas, Sanromán repara na coincidencia de que se anunciase este último acordo pouco antes da folga do 28 de abril e lembra que, aínda que positivas, o profesorado "non se mobiliza só" pola redución de ratios ou das horas lectivas, que tamén, "senón por moitas demandas que teñen que ver co alumnado e sobre as que non hai respostas nin solucións concretas". 

Así, as entidades convocantes das mobilizacións do vindeiro 6 de maio advirten de que "a situación actual da escola pública é grave" e "non garante o dereito da infancia a recibir unha educación de calidade, inclusiva e segura". Por todo isto, aseguran que familias, profesorado e alumnado "están fartas" e din "basta xa", e lembran á Xunta as principais eivas: "ratios imposibles, falta de profesorado e de especialistas en atención á diversidade, centros en condicións lamentables e infraestruturas totalmente inseguras e insalubres". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.