A Xunta minimiza a folga que saca milleiros de docentes á rúa pedindo melloras

Manifestación de docentes en Compostela pola folga do 28 de abril CC-BY-NC-SA BNG

A deste martes foi a sexta xornada de folga no ensino público non universitario no que vai de curso. CIG, sindicato maioritario na ensinanza, STEG e Asembleas Abertas convocaron un paro cuxo seguimento a Xunta cifrou por baixo do 9% pero que levou milleiros de docentes á manifestación celebrada en Santiago. 

A Xunta cifra o seguimento da folga no ensino por baixo do 9% pero Santiago acolleu unha marcha multitudinaria de docentes

A marcha volveu reclamar melloras "reais" nas condicións laborais do profesorado e máis persoal, medios e recursos para o ensino en Galicia. Unhas demandas reivindicadas xa nas outras cinco xornadas de folga e que chegan desta vez só uns días despois de que a Consellería de Educación acordase co resto de sindicatos (CCOO, UGT, ANPE e CSIF) medidas para reducir o horario docente, mellorar a atención ao alumnado con necesidades especiais ou adiantar cinco anos a baixada de ratios en Secundaria. 

Vídeo da manifestación de docentes neste 28 de abril, difundido por STEG

"Fartos de fotos e propaganda"

As mobilizacións sucédense, explican os convocantes, polo "malestar" crecente do profesorado e unha situación "límite" nas aulas galegas. A secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, dixo estar "farta" de "fotos e propaganda", en alusión ao acordo da semana pasada entre Xunta e o resto de sindicatos, e advertiu de que as mobilizacións seguirán mentres non haxa documentos para negociar as melloras na mesa sectorial. Todos os sindicatos din estar "cansos de promesas" e piden á Consellería que reaccione. 

"Queremos un documento onde se recollan melloras laborais, onde recuperemos dereitos que nos foron arrebatados e onde avancemos noutros dereitos", reivindicaron antes da marcha. 

Desde CIG-Ensino criticaron o que consideran só un "anuncio propagandístico sen un texto concreto sobre o que negociar" e manteñen unha vaga de mobilizacións que comezara xa en setembro. Desde aquela, cinco xornadas de folga, peches e protestas que continuarán o vindeiro 6 de maio. Nese día, o persoal docente mobilizado unirase a anpas, comunidades educativas e organizacións de estudantado, nun intento por implicar familias e alumnado nas reivindicacións. 

CIG, STEG e Asembleas Abertas piden recuperar os horarias de 2010, baixada de ratios, máis persoal para atender a diversidade ou redución da xornada a partir dos 55 anos

Na xornada deste martes, CIG, STEG e Asembleas Abertas insisten na súa táboa reivindicativa: recuperación das 21 e 18 horas que tiña o profesorado galego en 2010 e a "fin da discriminación" nos centros integrados e escolas artísticas; baixada de ratios en todas as etapas educativas desde o próximo curso, máis persoal para atender a diversidade, un plan real para reducir a burocracia; melloras retributivas no complemento autonómico para todo o profesorado; e redución da xornada lectiva a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas, entre outras demandas. 

Manifestación de docentes en Compostela pola folga do 28 de abril CC-BY-SA STEG

Precisamente, o conselleiro Román Rodríguez, que foi recibido con apupos por docentes nun acto en Vigo, amosouse en desacordo coa folga, asegurou que estaba "fóra de lugar" e enmarcouna dentro dunha "estratexia política" do "entramado" formado por UPG, BNG e CIG. "Vémolo todos os días; uns días toca Educación, outros toca Sanidad, outros días toca unha empresa e, ao final, é un selo político por parte do sindicato nacionalista", asegurou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.