Unha orde xudicial obriga a Xunta a restablecer os dereitos de apoio de alumnado con necesidades, pero a solución acaba por restar medios noutros centros. Foi o resultado dun conflito que se ergueu en Cee e que levou varias familias a acudir á xustiza para reclamar a atención necesaria para os seus pequenos.
Unha orde xudicial obrigou a Xunta a restablecer o apoio educativo do alumnado con necesidades nun instituto en Cee, pero a solución achegada restou medios noutros centros da zona
En varios centros da localidade, e ante a "falta de planificación e de recursos por parte da Consellería de Educación", varias familias denunciaron o que consideraron unha "clara vulneración dos dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo".
Segundo explica CIG-Ensino, o IES Agra de Raíces foi un dos centros onde, desde o inicio de curso, se viña reclamando "sen éxito" a suficiente dotación de profesorado especialista, neste caso en Audición e Linguaxe (AL), "imprescindible para garantir unha atención digna e adecuada do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado no centro". Ante a "inacción" da Xunta, algunhas familias acudiron aos tribunais para "facer valer uns dereitos que deberían estar garantidos de oficio".
Así, e segundo o sindicato, unha orde xudicial acabou dando a razón ás familias, obrigando a Consellería a restituír o mesmo nivel de apoio existente no curso pasado. "Porén, lonxe de asumir a súa responsabilidade e dotar de recursos adicionais ao sistema educativo, a resposta da administración foi, unha vez máis, un parche improvisado e inaceptable", denuncia CIG-Ensino, que fala de "nefasta xestión".
O nomeamento dunha docente de Audición e Linguaxe para dous centros fixo que a Xunta modificase o horario de dúas especialistas e quedase sen servizo unha escola infantil
Segundo explica, a Consellería nomeou o pasado mes de marzo marzo unha docente de AL a media xornada no CEIP Virxe da Barca de Muxía que debía ir tamén, pero só dúas horas ao IES Agra de Raíces. "Para cumprir integramente o auto, decide espir uns centros para vestir outros", conta o sindicato, que asegura que para dotar das necesidades exixidas, Educación modificou o horario doutra especialista de AL itinerante do CEIP Vila de Cee, deixando sen este servizo a EEI de Pereiriña, e alterou tamén o horario doutra docente do CEIP de Brens, especialista de primaria, para que imparta apoio de AL.
"Efecto dominó"
"Como resultado, estase a xerar un efecto dominó que prexudica máis alumnado e profesorado, evidenciando unha xestión absolutamente irresponsable", denuncia o sindicato. "A atención ao alumnado afectado pasa a ser realizada por dúas especialistas distintas, fragmentando a intervención e deteriorando a calidade do apoio educativo, nunha decisión que responde unicamente á falta de persoal e non a criterios pedagóxicos", engade.
Para CIG-Ensino é "intolerable" que a Consellería "continúe aplicando políticas de recortes encubertos, obrigando a enfrontar centros e comunidades educativas entre si e trasladando os problemas dun lugar a outro en vez de resolvelos de raíz". "Esta forma de actuar non só incumpre o espírito da resolución xudicial, senón que perpetúa un modelo educativo inxusto e insuficiente", denuncia.
"Non se pode falar de inclusión mentres se nega o profesorado necesario. Non se pode garantir a equidade mentres se retiran recursos dun centro para tapar as carencias doutro", insiste a central nacionalista, que "esixe" á Consellería de Educación a "dotación inmediata de persoal especialista suficiente, o respecto real aos dereitos do alumnado con necesidades específicas e o fin dunha política de improvisación permanente que está a deteriorar gravemente o ensino público galego".
"A educación pública non pode seguir sosténdose a base de parches", remata.