Desde hai varios anos, anpas e comunidades educativas de numerosos colexios públicos da Coruña protestan pola precaria situación dos seus centros e reclaman solucións ao Concello e á Xunta de Galicia. Pingueiras, desprendementos, problemas de accesibilidade, humidades, baños inutilizados, fiestras inutilizadas, eivas nas instalacións eléctricas, chans afundidos ou tellados estragados son algunhas das deficiencias que sinalan e que foron denunciadas nun detallado informe da Federación Provincial de Anpas e nunha manifestación que percorreu o centro da urbe a finais de febreiro, confluíndo nela as mobilizacións que durante meses levaron a cabo moitas escolas.
As protestas foron dirixidas á Xunta, pero tamén ao Concello, que ten competencia na conservación e mantemento dos centros, pero que sempre advertiu da falta de medios e atribución para afrontar as obras estruturais e complexas que precisan moitos dos 29 colexios públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial (CEIP e CEE) da cidade, a maioría edificios de titularidade municipal.
O Concello, tras as denuncias das anpas, vén de elaborar un contundente informe sobre o estado dos CEIP e CEE da cidade da Coruña no que alerta do grave estado de numerosos centros e exixe unha rehabilitación integral por parte da Xunta, á que sinala pola falta de investimento nos colexios públicos da cidade.
O Concello alerta do grave estado dos colexios, exixe á Xunta unha rehabilitación integral e reabre o debate sobre a asunción de competencias educativas
Ademais, no documento —ao que tivo acceso Praza.gal— o Concello reabre o debate sobre a asunción por parte das administracións locais de accións que non son da súa competencia nos centros educativos públicos e que exceden dos "labores diarios de mantemento e conservación" que lles foron atribuídos.
Así, o Concello advirte do "estado preocupante" dos centros de ensino público da cidade, unha situación que, aclara, "compróbase cada día" por parte de funcionariado local. "Edificios nos que a administración autonómica que os está a utilizar non realizou practicamente ningún investimento nos últimos anos", advirte o informe, que alerta da necesidade dunha "rehabilitación integral de tellados e fachadas" en moitos dos colexios que "non se pode facer con labores de mantemento". "O problema é estrutural", engade para pedir á Xunta que "actúe" por ser "urxente e necesario".
O Concello asegura que está a "realizar pequenas melloras que faciliten o día a día da actividade educativa" pero que non son "suficientes" para uns centros que, denuncia, "requiren, como mínimo, a mesma consideración que os institutos de Educación Secundaria onde se están a realizar labores de rehabilitación" ou "o mesmo trato que outros colexios da provincia onde si se está a investir por parte da Xunta".
O informe denuncia o "estado preocupante" dos colexios e dun "problema estrutural" do que acusa a Xunta por "non realizar practicamente ningún investimento"
Todo mentres a administración local cifra en case 2.500 o número de incidencias transmitidas polos equipos directivos dos centros o pasado ano para "reclamar axuda de todo tipo" ante eivas educativas ou nas instalacións. Son 640 as demandas dos directores e directoras no que vai de 2026, segundo o documento.
Ao tempo, o informe apunta que o Concello da Coruña destina anualmente de forma directa aos colexios públicos da cidade "un mínimo" de 6,16 millóns de euros "nunha competencia, a educativa, que non é propia". Faino, di, a través de obras de mantemento e conservación, investimentos, parques infantís nos centros, limpeza, conserxería ou cedendo instalacións deportivas municipais.
Pola contra, e no que ten que ver con obras nos colexios públicos, denuncia que a Xunta destinou en 2025 aos centros da Coruña menos de 140.000 euros dun orzamento total para a provincia de 44 millóns en 13 actuacións que supoñen menos do 10% das totais. "A Coruña exixe o mesmo trato que o resto de Galicia; non se está a investir na nosa cidade", explica.
O Concello di destinar máis de 6 millóns de euros anuais aos colexios "nunha competencia, a educativa, que non é propia"
O Concello insiste en que cada ano leva a cabo investimentos menores ou reformas de patios nos centros cos que intenta "repartir os recursos e intentar cubrir as necesidades de cada un". Pero aclara que non ten competencias nin medios para afrontar as reformas estruturais e importantes que precisan moitos colexios con graves problemas.
Así, debulla as principais eivas nestes centros e presenta un panorama grave en canto ás infraestruturas educativas do alumnado máis pequeno. Advirte de goteiras e filtracións en varios colexios que "provocan unha continua deterioración das instalacións e dan lugar a humidades en aulas coas que conviven os menores a diario", ademais de problemas no mantemento das cubertas, fachadas e tellados.
Tamén denuncia instalacións eléctricas "deficientes", sobre todo en edificios antigos "que non soportan a excesiva potencia que se require hoxe en día polas novas tecnoloxías", unha problemática que se dá tamén nas fontanerías. Ademais, o Concello alerta de "portas e fiestras deterioradas ou inseguras" que provocan "falta de ventilación ou entrada de auga", xunto con falta de illamento, frío e excesivo gasto enerxético, ademais de "humidades".
O informe do Concello asume as eivas nos centros: goteiras e filtracións, electricidade deficiente, deficiente, problemas de accesibilidade ou chans levantados
O informe detalla tamén chans levantados, esvaradíos ou en mal estado en varios centros, así como problemas de accesibilidade, patios sen cubrir ou con cubertas deterioradas, óxido en infraestruturas deportivas, cancelas ou peches, falta de espazos de xogo adaptados, pero tamén "insuficiente limpeza e salubridade".
Ante esta situación, o Concello advirte que a maior parte dos problemas de mantemento "teñen carácter estrutural" e que os centros "requiren dunha planificación real a medio e longo prazo que permita realizar unha rehabilitación integral dos edificios e, posteriormente, un mantemento adecuado", explica, consciente tamén das críticas que moitas anpas verteron contra a administración local por descoidar este mantemento ou intervencións menores, o que tería agravado moitos dos problemas.
Sete colexios con necesidades "urxentes"
Con todo, demanda á Xunta unha "presenza constante" para "supervisar o estado dos seus centros de ensino e planificar melloras" e "igualdade de trato entre todos os centros de ensino de Galicia". Ademais, insiste na "urxencia" dalgunhas actuacións da Consellaría de Educación, como por exemplo no CEIP de Prácticas, que leva meses mobilizándose ante as graves deficiencias dunhas infraestruturas que, ademais neste caso, son de titularidade da Universidade da Coruña.
"O edificio está moi deteriorado e precisa unha rehabilitación integral", di a respecto deste centro o Concello, que acusa a Xunta de "abandono" ante problemas como "afundimento do chan, humidades, problemas coas fiestras e falta de accesibilidade".
O CEIP de Prácticas é un dos colexios que o Concello cita no seu informe nunha lista de actuacións urxentes que reclama á Xunta. Tamén o CEIP Sal Lence, con humidades e problemas na cuberta; o Wenceslao Fernández Flórez, con filtracións por problemas tamén na cuberta e na fachada; o Cidade Vella, con obras pendentes en fiestras e tellado; o Anxo da Garda, á espera dunha rehabilitación; o Eusebio da Guarda, con solos afundidos e falta de espazo no comedor; e o Rosalía de Castro, que "precisa un cambio urxente na cuberta".
Moitos dos edificios dos colexios, cedidos polo Concello, tiñan outros usos e "non están adaptados ás actuais necesidades do alumnado"
Ademais, tamén se citan os "graves problemas de accesibilidade" no CEIP Curros Enríquez que, lembra o Concello, "foi utilizado como hospital e como fábrica de armamento durante a Guerra Civil e non pasou a ser un colexio ata o ano 1963", un exemplo da cantidade de edificios municipais que foron cedidos á Xunta "por necesidades educativas" pero que "non están adaptados ás actuais necesidades de nenos e nenas".
Ademais, tamén se citan problemas de "fendas de gran tamaño" no CEIP Novo Mesoiro, a necesidade dun novo peche exterior no CEIP Labaca ou as dificultades de acceso a medios elevadores no CEIP Cidade Vella, onde tamén houbo que substituír unha rampla de madeira para os accesos.