As protestas por graves deficiencias nos colexios públicos conflúen nunha gran marcha na Coruña

Mobilización da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña CC-BY-SA ANPA CEIP Prácticas

As continuas denuncias, mobilizacións e protestas que familias, alumnado e comunidades educativas de colexios e institutos públicos levan facendo polas numerosas eivas no funcionamento dos seus centros confluirán nunha gran marcha unitaria a nivel provincial. Será na Coruña, o vindeiro sábado 28 de febreiro, cando hai convocada unha manifestación por parte da Federación de Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) e AFAs (Asociación de Familias de Alumnos) ante a "situación de deterioro e falta de recursos que afecta á escola pública". 

A Federación de ANPAs da provincia convoca unha manifestación o sábado 28 na Coruña ante a "falta de recursos humanos e as deficiencias en infraestruturas e atención á diversidade"

Humidades, problemas nos accesos, deficiencias estruturais, pingueiras... Arredor de 200 asociacións federadas —que representan a metade das ANPA da provincia— apoian unha mobilización que xorde do cansazo de moitas delas e da sensación de abandono e desleixo que levan denunciando tempo.  

"A mobilización nace da análise e da recollida de datos achegados polos propios centros e polas comunidades educativas, que poñen de manifesto unha situación de infrafinanciamento, falta de recursos humanos e deficiencias en infraestruturas e atención á diversidade, e a necesidade dunha planificación real e recursos suficientes que garantan unha escola pública de calidade", explica a Federación. 

Caldeiros e humidades no CEIP Wenceslao Fernández Flórez da Coruña CC-BY-SA ANPA San Cristóbal

“As ANPAs e AFAs dos centros educativos públicos mobilizámonos porque a situación da escola pública xa non admite máis parches nin demoras. O que durante anos foron incidencias illadas convertéronse nun problema estrutural que afecta de maneira directa ao dereito fundamental das nenas e dos nenos a recibir unha educación pública de calidade, inclusiva, segura e equitativa”, engade a Federación, coñecedora desde hai meses das queixas e denuncias dunha chea de asociacións sobre a situación nos centros. 

"O que durante anos foron incidencias illadas convertéronse nun problema estrutural", advirten as ANPA

Só na cidade da Coruña, son numerosas as ANPA e comunidades educativas de colexios e institutos públicos que acumulan meses de mobilizacións pola falta de profesorado ou por graves deficiencias nos edificios. As últimas protestas xorden do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, con pais, nais e alumnado reclamando solucións ás humidades, tubaxes oxidadas e pingueiras. Unha situación semellante á que se dá no CEIP Cidade Vella ou no CEIP de Prácticas, onde se suceden as protestas polas filtracións de auga, a falta de illamento térmico, as deficiencias na instalación eléctrica ou mesmo a caída de cascotes. 

A alcaldesa Inés Rey enviou unha carta ao conselleiro para exixirlle un plan de rehabilitación integral nos centros; a Xunta responde advertindo da falta de mantemento por parte do Concello

As queixas e manifestacións, dirixidas á Xunta pero tamén en moitos casos ao Concello da Coruña pola falta de mantemento (que depende da administración local) e control dos problemas, levaron a alcaldesa, Inés Rey, a enviar unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para lle exixir un plan de rehabilitación integral nos centros educativos e para advertirlle da "preocupante situación" na que se atopan moitos dos edificios. 

As pequenas obras que hai unhas semanas puxo en marcha o Concello en varios centros non son dabondo, explica a alcaldesa, para arranxar problemas estruturais que requiren dunha "rehabilitación integral, sobre todo das cubertas e fachadas". "O mal estado no que se encontran, da lugar a filtracións de auga e humidades coas que os nenos e nenas e a comunidade educativa en xeral teñen que convivir a diario", explica. 

Humidades no CEIP de Prácticas da Coruña CC-BY-SA ANPA CEIP de Prácticas

Mantemento por parte do Concello

A resposta da Xunta, en declaracións da delegada territorial, Belén do Campo, foi a de advertir de que "o mantemento e a conservación" cos centros de Infantil e Primaria "corresponde aos concellos". "Se non hai mantemento, ao final hai que facer unha actuación moito maior da que corresponde", dixo na COPE, logo de instar o goberno de Inés Rey a "executar e gastar as cantidades orzamentadas para mantemento dos centros educativos e non deixalas de investir". 

Os continuos problemas nos centros da cidade da Coruña repítense noutros da área metropolitana e do conxunto da provincia, o que levou á Federación de ANPAs a convocar unha marcha á que se uniron xa máis de dous centos de colexios e institutos —á espera de máis— que abranguen arredor de 65.000 alumnos e alumnas. 

A manifestación ten prevista a súa saída o vindeiro sábado 28 de febreiro ás 11 da mañá da praza de Ourense para rematar no Parrote. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.