Profesorado organízase en asembleas "para mellorar o ensino público"

Profesorado organizado en asembleas maniféstase en Santiago pola folga educativa do 17 de decembro CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A principios deste mes de decembro, uns 250 profesores e profesoras do ensino público non universitario de Galicia reuníronse en Vigo na que foi a primeira das xuntanzas das diferentes asembleas de docentes que se viñan celebrando desde setembro no marco das mobilizacións e folgas convocadas por CIG-Ensino e STEG ante a situación de colexios e institutos. 

A principios de decembro, 250 docentes xuntáronse en Vigo para poñer en común a "situación crítica" do ensino e crear "un novo espazo de mobilización"

Profesorado da provincia de Pontevedra, acompañado de compañeiros das áreas de Santiago ou Bergantiños, puxeron "en común" a "situación crítica" do ensino público galego e constituíron "un novo espazo de mobilización" impulsado desde o sur pontevedrés, zona onde máis presenza teñen unhas asembleas que implican xa uns 60 centros. 

Asemblea de profesorado celebrada en Santiago o 17 de decembro CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Vigo marcou o inicio das Asembleas Abertas do Ensino Público, co obxectivo de poñer en común as problemáticas do persoal docente en Galicia, marcando unha ruta a seguir e impulsando unha autoorganización, a do "Profesorado Unido", que se foi espallando logo por moitos outros centros e comarcas.

Asembleas de profesorado espalláronse por centros de toda Galicia; este mércores, perto dun cento de docentes reuníronse en Santiago no marco da folga convocada por CIG e STEG

Neste pasado mércores, e coincidindo coa segunda xornada de folga e a manifestación en Santiago, perto dun cento de docentes de toda Galicia reuníronse na capital galega para afondar no espazo común que supoñen estas asembleas e "ampliar o movemento" xurdido do fastío e desesperación dun profesorado que denuncia a precarización constante das súas condicións laborais, pero tamén das educativas e de atención que sofren alumnado e familias en colexios e institutos. 

Un día antes, en Verín, un grupo de docentes de diferentes colexios e institutos da provincia de Ourense iniciaron un peche no IES García Barbón logo dunha asemblea na que acordaron tamén a creación dun "movemento asembleario" de profesorado que busque "a implicación das familias e do alumnado" nas reivindicacións para a mellora das súas condicións e do ensino público. 

"As asembleas levan as súas reivindicacións desde abaixo, desde o local, pero a idea é establecer tamén demandas globais"

Alberto Fortes, un dos docentes do IES García Barbón implicados nesta iniciativa en Ourense, acudiu tamén á convocatoria en Santiago. "A idea agora é ir replicando polo país estas asembleas abertas do profesorado que levan as súas reivindicacións desde abaixo, desde o local e desde a particularidade de cada centro, pero coa idea tamén de establecer unhas demandas globais que abrangan a todos", explica. 

Asemblea de profesorado celebrada en Vigo a principios de decembro CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

As asembleas aclaran que o movemento xorde do profesorado pero discorre "de forma paralela aos sindicatos", cos que se coordinan

Na xuntanza deste mércores houbo representación de case un cento de centros e de numerosas comarcas con asembleas xa organizadas, como Bergantiños, O Barbanza, A Coruña, Compostela, Deza, Salnés, O Morrazo, Vigo ou Verín. A idea, explica Fortes, é a de "coordinar" e "tecer rede" entre todos os docentes e mobilizarse de xeito colectivo. Tamén, obviamente, ampliar este espazo común, chegando a todos aqueles colexios e institutos onde hai profesores implicados na mobilización arredor das folgas que convocan os sindicatos. 

Porque este movemento asembleario, aclaran os protagonistas, faise "de forma paralela aos sindicatos". "A iniciativa xorde do profesorado e dos centros, pero conta coas centrais sindicais, tanto de cara a convocar folgas como para moitas outras cousas", insiste Fortes, que destaca tamén outra das intencións "fundamentais" das asembleas abertas: a implicación de familias e alumnado na súa loita.  

A implicación das familias, obxectivo "clave"

"Sen dúbida ningunha ese é un dos obxectivos claves porque as melloras que reclamamos para o profesorado son melloras tamén para a rapazada, para a súa aprendizaxe e para todo o ensino público", conta quen destaca que xa hai zonas onde estas asembleas levan tempo colaborando coas familias na mobilización. Como en Ponteareas, onde unha manifestación o pasado martes foi convocada á tarde para facilitar a participación de pais, nais e alumnos, ou noutros moitos lugares onde os docentes traballan en informar a toda a comunidade educativa sobre as súas demandas. 

O debate e o intercambio de ideas é clave nun movemento no que desde diferentes asembleas promoven mesmo unha "folga indefinida". As demandas son comúns, máis alá dos problemas específicos de cada centro: redución das ratios nas aulas, melloras salariais e de horarios, máis profesionais especialistas e de atención á diversidade e redución da burocracia. No fondo, unha sensación xeral de "abandono institucional", que se traduce en numerosos problemas nas infraestruturas educativas ou na falta de medios, e a intención de "mellorar o ensino". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.