Máis de vinte "marchas fúnebres" advirten do falecemento do ensino público polos "recortes"

Marcha fúnebre polo ensino público en Redondela, na xornada de folga do 16 de decembro CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Centos de docentes percorreron este martes as rúas de diferentes localidades galegas nunha "marcha fúnebre" coa que denunciaron a situación "crítica" do ensino público en Galicia. Con crespóns negros e esquelas decorando centros educativos desde onde saíron ou que coincidían nos percorridos destas procesións, o profesorado advertiu do próximo "falecemento" da ensinanza logo de tantos "recortes". 

A protesta celebrouse no marco da primeira das dúas xornadas de folga convocadas para este martes e mércores por CIG-Ensino e STEG —cuarta e quinta no que vai de trimestre—, con marchas nas cidades e numerosas vilas do país. Ao berro de "o ensino é un dereito, non un privilexio", "Román dimite, o ensino non te admite" ou "con tanto recortar, o ensino vai finar", o persoal docente mobilizado insistiu en denunciar as eivas en canto a persoal, recursos e condicións laborais que din sufrir nos seus postos de traballo. 

Marcha fúnebre polo ensino público en Santiago, na xornada de folga do 16 de decembro CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

CIG e STEG, que levan meses mobilizados logo de non unirse ao acordo educativo que a Xunta asinou con CCOO, UGT e ANPE, insistiron este martes en denunciar a negativa do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a reunirse con eles malia "reiteradas solicitudes"

Así o dixo a secretaria de organización de STEG, Comba Campoi, na marcha en Santiago. Pola súa banda, Diego Boquete, secretario de acción sindical e comunicación de CIG-Ensino, repasou as principais reivindicacións do profesorado: recuperar o horario de hai dez anos, baixada de ratios e "unha dotación de docentes que atenda a rapazada con necesidades". "Porque teñen que ser atendidos; non podemos falar de integración real cando non hai profesorado para atender este alumnado", advertiu. 

CIG e STEG denunciaron o "inmobilismo" de Educación e advirten da falta de persoal coidador, especialistas en atención á diversidade, orientadores, docentes ou oferta pública

Foron máis de vinte as marchas fúnebres e mobilizacións que tiveron lugar por toda Galicia, con profesorado pero tamén familias e alumnado vestidos de negro e portando simboloxía mortuoria. O manifesto lido ao final das mobilizacións por parte de representantes dos sindicatos convocantes denunciou o "inmobilismo" da Consellería "negándose a negociar directamente con quen representa a maioría do profesorado e está liderando estas protestas". 

"Falta persoal coidador, faltan especialistas na atención á diversidade, faltan orientadores e orientadoras, faltan docentes para facer desdobres, falta oferta pública, falta profesorado especialista nas súas materias... Faltan moitas cousas e sobran outras. Sobra burocracia, sobra propaganda, sobran recortes, sobra autoritarismo e sobran motivos para continuar esta loita mentres non vexamos melloras reais", dixeron. 

Marcha fúnebre polo ensino público en Ferrol, na xornada de folga do 16 de decembro CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Mañá mércores, seguirán as mobilizacións cunha manifestación con saída do Parlamento ás 11:30 que pretende "simbolizar o enterro do ensino público galego ao que o abocan as políticas da Consellaría de Educación", segundo denuncian CIG-Ensino e STEG. 

Movementos asemblearios de profesorado

Por outra banda, e xa horas antes do comezo da folga, un grupo de docentes de diferentes colexios e institutos da provincia de Ourense iniciaron un peche no IES García Barbón de Verín logo dunha asemblea na que acordaron a creación dun "movemento asembleario" de profesorado que busque "a implicación das familias e do alumnado" nas reivindicacións para a mellora das súas condicións e do ensino público. 

Profesorado na provincia de Ourense péchase en Verín e impulsa un "movemento asembleario" de docentes como os organizados en Vigo, Costa da Morte ou Santiago

A iniciativa deste profesorado en Ourense únese a movementos semellantes que desde hai semanas se están a impulsar na Costa da Morte, área de Compostela ou Vigo, entre outras comarcas. Un intento de autoorganización das e dos docentes a través das denominadas Asembleas Abertas do Ensino Público e ás que chaman tamén a pais e nais. 

Mañá mesmo, en Santiago e antes da manifestación convocada por CIG-Ensino e STEG, hai convocada unha xuntanza na que se prevé a presenza de persoas pertencentes a diferentes asembleas organizadas en Galicia. 

Marcha fúnebre polo ensino público na Coruña, na xornada de folga do 16 de decembro CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

No caso do movemento xurdido en Verín, e que une profesorado de toda a provincia ourensá, as reivindicacións coinciden coas expresadas polos sindicatos convocantes das últimas folgas, aos que animan a que os "escoiten" e "conten" con eles para futuras negociacións coa Xunta. Ademais, instan a procurar unha maior mobilización dos docentes "para que exista un movemento real en todos os centros educativos que sexa evidente para a Consellería e para todos os sindicatos". A asemblea expresa tamén a súa intención de convocar "unha folga indefinida xa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.