Este martes 16 de decembro e mais o mércores 17, o profesorado do ensino público non universitario en Galicia está chamado a unha nova folga convocada por CIG-Ensino e STEG. Serán o cuarto e quinto paros impulsados polo sindicato maioritario na ensinanza no que vai de trimestre tras os de outubro e setembro.
As deste martes e mércores serán a cuarta e quinta xornada de folga do profesorado no que vai de trimestre
Nun mes no que a central nacionalista —maioritaria na ensinanza en Galicia— impulsou un "decembro negro" en "sinal de loito polos recortes e polo desmantelamento do ensino público galego", para este martes están previstas marchas fúnebres a modo de velorio do ensino público galego en 15 localidades que sairán dun centro educativo e farán paradas noutros centros nos que se irán colocando crespóns e esquelas para "visibilizar as carencias concretas deses centros e as demandas do ensino público en xeral. Nalgúns casos celebraranse tamén concentracións ou manifestacións.
Así, segundo a listaxe que difunde CIG-Ensino, haberá marchas fúnebres na Coruña (desde o CEIP Alborada ás 11 da mañá), Ferrol (local da CIG, 11 horas), Compostela (unha desde o CEIP Monte dos Potes e outra desde o IES A Pontepedriña ás 10), Lugo (CEIP Illa Verde, 10:30), Monforte (CEIP A Pinguela, 10:30), Ourense (Conservatorio, 11), Pontevedra (IES A Xunqueira 2, 10), Vigo (unha desde o IES San Tomé e outra desde o CEP Dutor Fleming), Cangas (IES Monte Carrasco, 10), Moaña (IES A Paralaia, 10), Bueu (IES Illa de Ons, 10), Redondela (IES Mendiño, 10), Gondomar (IEs Terra de Turonio, 10), Viveiro (CEIP de Covas, 9).
Tamén haberá unha manifestación ás 12 desde o cruce de Urzáiz con Vía Norte en Vigo e outra ás 19 horas en Ponteareas desde o IES Val do Tea, mentres que CIG-Ensino "anima" a que se organicen outras marchas en máis localidades.
O sindicato, ademais, fai un chamado a secundar as folgas e as mobilizacións destes días "ante a negativa do conselleiro de Educación a reunirse coas organizacións convocantes". CIG-Ensino denuncia que o departamento que dirixe Román Rodríguez anunciou que "vai seguir negociando", no marco da comisión de seguimento do acordo educativo asinado con outras centrais, "dúas cuestións que emendan directamente o que aparecía nese texto", tal e como leva pedindo a organización nacionalista "nestes dous anos de vixencia do mesmo".
CIG-Ensino convoca marchas fúnebres a modo de velorio do ensino público galego en 15 localidades este martes
CIG-Ensino e STEG, convocantes das novas xornadas de folga, reclaman de novo a baixada de ratios con carácter inmediato no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro do ano 2026; a recuperación do horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto de ensinanzas; a dotación de máis persoal para atender a diversidade e de profesionais de orientación en todos os niveis educativos e un plan real que permita "reducir a burocracia innecesaria e eliminar a imprescindíbel con redución da carga lectiva para quen ten responsabilidades de dirección, coordinación ou titoría".
Tamén piden que se chegue a un acordo retributivo que permita "recuperar o poder adquisitivo perdido desde a crise do ano 2010", así como melloras nas condicións laborais do persoal interino e substituto, "recuperando o cobro do verán para quen traballe cinco meses e medio e permitindo a restrición por áreas xeográficas sen xustificación para as substitucións".
Enterro do ensino público o mércores
Ademais, o mércores 17, un día despois de que se aproben os orzamentos da Xunt a CIG-Ensino convoca o profesorado a "asistir masivamente a Compostela a unha manifestación na que se emulará o enterro do ensino público polas rúas da capital de Galiza".
A protesta sairá ás 11:30 horas do Parlamento, "lugar escollido precisamente por ser onde se aproben as contas públicas de Educación para o vindeiro curso e que, se non hai cambios, priorizarán outros investimentos antes que o de maior contratación de persoal, medida que vai implícita na redución de ratios e horario que solicitan os sindicatos convocantes". Será, lembra o sindicato, unha "procesión fúnebre" que percorrerá as rúas até rematar diante da Consellaría coa lectura dun manifesto.
Rueda lémbralle á CIG que "non estivo porque non quixo" na sinatura dun acordo educativo "histórico"
Preguntado pola convocatoria de folga e as protestas no ensino, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou este luns que o acordo educativo que o seu goberno asinou con CCOO, UGT e ANPE foi "histórico" que a "a CIG non estivo porque non quixo".
"Desde entón, todo o que escoitamos é que para conseguir os seus obxectivos ten que promover o conflito", engadiu, logo de advertir da súa sorpresa polas queixas do sindicato nacionalista por "non estar nas reunións" convocadas nos últimos días. "Non estou no día a día de como está manexando as reunións a Consellería de Educación", recoñeceu despois.