"Todo o esforzo e sacrificio que está facendo o persoal que secunda a folga e asiste ás mobilizacións non pode ser inútil, o que está por vir ten que ser para mellor". As responsables da CIG-Ensino e do STEG, convocantes da folga do profesorado galego, que este mércores alcanzou a quinta xornada de paros no que vai de curso, ven con optimismo o anuncio da Consellería de Educación de que adiantará a negociación da baixada de ratios en secundaria e que o vindeiro curso haberá novidades a respecto da recuperación do horario lectivo.
Despois das máis de vinte "marchas fúnebres" por toda Galicia que tiveron lugar este martes, o profesorado en folga escenificou este mércores o "velorio" do ensino público galego dende o Parlamento –"onde aprobaron os Orzamentos para 2026 sen ningunha modificación en Educación", salientan CIG-Ensino e STEG– ata o edificio central da Xunta en San Caetano.
O deste mércores foi o quinto día de folga para o profesorado mobilizado dende o pasado 25 de setembro. Nun balance dos últimos tres meses, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, celebrou a "recuperación da dignidade profesional", castigada por "anos de recortes e desprestixio por parte da administración". "Unha dignidade –dixo– que se está traducindo en respecto e recoñecemento pola nosa profesión, non aínda por parte de quen nos goberna, pero si por parte da sociedade, sobre todo das familias e do noso alumnado".
"Malia todos os intentos de dividirnos, de desgastarnos e de culpabilizarnos co tema das avaliacións estamos aquí en pé, por moito que lle pese á Consellería", aseguraron no manifesto final da 'marcha fúnebre'
Arroxo valorou o crecente respaldo das Anpas nas dúas xornadas de folga desta semana e fixo fincapé na empatía, o compañeirismo e a solidariedade entre o as propias profesionais do ensino público: "Para todas as persoas que participaron activamente nestas folgas hai un antes e despois das mesmas e para as organizacións convocantes tamén".
"Malia todos os intentos de dividirnos, de desgastarnos e de culpabilizarnos co tema das avaliacións estamos aquí en pé, por moito que lle pese á Consellería", aseguraron no manifesto final da 'marcha fúnebre', na que portaron cadaleitos, candeas, esquelas e outra simboloxía mortuoria; ademais de contar con cabezudos do presidente Alfonso Rueda e do conselleiro responsable, Román Rodríguez.
"Apenas dous meses de mobilizacións serviron para conseguir o que non se conseguiu en dous anos"
As organizacións sindicais CIG-Ensino e STEG aseguraron durante a folga deste mércores que "apenas dous meses de mobilizacións serviron para conseguir o que non se conseguiu en dous anos", en referencia ao acordo asinado por CCOO, UGT e ANPE con Educación.
"A Consellería négase a negociar coas organizacións maioritarias que representan ao profesorado e que convocan estas folgas, pero está reaccionando adiantando a negociación da baixada de ratios en secundaria e abordando a recuperación do horario lectivo coas organizacións minoritarias. Unha vez máis busca cómplices para facer o que pode facer de motu propio e hai quen se presta a isto. Pero non nos enganemos, estampar a sinatura nese acordo non serviu de nada", aseveraron.