Mentres a CIG cualificou de "moi maioritaria" a folga de profesorado dos centros educativos públicos galegos convocada este xoves e situaba o seu seguimento por riba do 60%, a Xunta rebaixábao ao 14,8% e limitaba a protesta á "liña estratéxica de confrontación" do sindicato nacionalista, o que ten máis representación no ensino en Galicia.
CIG-Ensino fala dun "amplo seguimento" da folga, por riba do 60%, mentres a Xunta redúceo a menos do 15%
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, advertía dun "amplo seguimento" do paro que fixo que a actividade educativa non funcionase "con normalidade". Pola súa banda, a secretaria de organización de STEG, o outro sindicato que se sumou á convocatoria, Comba Campoi, alertaba do "cansazo" de todos os docentes que, di, "non se senten valorados" e "non poden facer ben o seu traballo".
Para a CIG, tanto a marcha de profesorado celebrada en Santiago como "as aulas baleiras" amosaron este xoves a "unidade" dos docentes.
Ao tempo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, dixo respectar o dereito á folga pero limitouna a unha estratexia "fundamentalmente" da CIG que, lembrou, "é un dos catro sindicatos que forman a mesa sectorial".
"Desde o primeiro momento en que os novos responsables tomaron posesión e tamén os responsables autonómicos expuxeron como unha liña estratéxica do seu traballo a confrontación. Están no seu dereito", afirmou durante un acto en Compostela.
Desde a CIG, Arroxo lembrou que a folga e as protestas pretenden alzar a voz "contra os recortes que a Consellería de Educación leva mantendo nos 15 anos que leva no Goberno". "Contra o desmantelamento da ensinanza rural, para reclamar que xa é hora de recuperar os nosos dereitos... Que se deixen de tanta propaganda, que non temos máis profesorado como eles din... Que os centros están asfixiados e levamos varios inicios de curso mendigando, os centros teñen que mendigar para que se lles dea un profesor máis, medio profesor máis... e iso non pode ser", destacou.
Ademais, reclamou "políticas a favor do público e de mellorar as condicións laborais do profesorado". Mentres, desde STEG, Comba Campoy coincidiu en que a Xunta "está a ir en contra" dos dereitos do profesorado e indicou que "son moitos meses de insistir, de chamar á porta da Consellería". "E chegou o momento de parar", rematou.